Cancións mestizas

Rumbas e sociedades plurais

David e José Manuel Muñoz: o dúo Estopa.

David e José Manuel Muñoz: o dúo Estopa.

Por eses azares da historia, hai sociedades cuxas xentes emigran mentres outras son terras de acollida. Ou se estas tiveron migracións cara ao exterior, de sempre foron países de chegada. Galicia sería dos primeiros ao tempo que Cataluña estaría na segunda categoría. Como sostiña Manuel Vázquez Montalbán, fillo de galego e de murciana, non podemos entender a Cataluña contemporánea sen a aportación de andaluces e de galegos. Engadamos a chegada hai un século de aragoneses, almerienses e murcianos.

Os intransixentes -velaí o fenómeno de Aliança Catalana ou unha parte dos vellos converxentes- non remataron de entender que se Cataluña conseguiu erguerse despois da derrota de 1939, iso foi en boa parte grazas á chegada dos que, en palabras de Paco Candel, pasaron a seren «os novos cataláns». Homes e mulleres que fuxían das súas fames de orixe e que atoparon porto e refuxio á beira do Mediterráneo e cuxos fillos e netos son tan cataláns como os que presumen de oito apelidos.

E destes novos cataláns son os irmáns David e José Manuel Muñoz, Estopa. Fillos de Cornellà de Llobregat e abandeirados da súa cidade e da comarca do Baix Llobregat (onde tantos galegos recalaron), nos vinte e cinco anos de carreira están a obter un recoñecemento máis que merecido: monumento na principal praza da súa cidade, medalla de Sant Jordi da Generalitat de Catalunya, a medalla das Belas Artes e concertos en estadios e pavillóns como as grandes estrelas. Recentemente, Eduard Sola, guionista da película Casa en flames, na gala dos Premio Gaudí reivindicaba o seu «orgullo charnego» fronte aos sectores integristas e identitarios do independentismo. Do mesmo xeito e desde hai anos, Javier Cercas -recente académico da RAE- considérase un catalán de orixes estremeñas: unha condición non anula a outra. Ou como os irmáns Muñoz, que vindican a patria local pero sen negar a condición colectiva de cataláns (e españois) ou outro cornellense fillo de estremeños ilustre, Jordi Évole, bo amigo deles.

Sostén Norbert Bilbeny, catedrático emérito de Filosofía da Universidade de Barcelona, en Els de fora i els d’aquí (La Magrana) que hoxe a inmigración é presentada como un problema porque dá votos, en tanto que a disputa das migallas das axudas sociais acrecenta a rivalidade entre os pobres. Pero tamén lembraba que Jordi Pujol publicou, xa en 1976, o libro La immigració, problema i esperança de Catalunya.

Cando os Estopa participaron nun concerto solidario con Valencia polos efectos da dana coincidiron con Joan Manuel Serrat, o único dos míticos Setze Jutges que tamén era «mestizo». Xuntos cantaron «Me’n vaig a peu» do Noi del Poble Sec. Os irmáns Muñoz, fillos daquel barrio de aluvión que é Sant Ildefons (cando naceron, «Ciudad Satélite»), beberon na canción popular que escoitaban na súa contorna: o flamenco de Camarón, as rumbas xitanas catalás (Los Amaya) e de Los Chichos e de los Chunguitos e as cancións de Serrat e de Sabina. Alén da súa intrínseca calidade artística, a integridade persoal e mais a coherencia que de sempre observaron axudaron a consolidar unha carreira que os situou na cabeceira da música catalá e española desde os seus inicios.

As súas cancións tratan, sen pretensión de manual de autoaxuda, das teimas cotiás, máis do humano que do divino, do amor e das preocupacións da xente común, sempre coa bandeira de Cornellà por diante, á que homenaxearon no disco Allenrok (2008). Un orgullo, fronte á gran cidade, da que fan exercicio, como os de Castelldefels (con Castefa) ou Santa Coloma de Gramenet (Santako). Novas patrias locais e metropolitanas plurais fronte á certas unicidades. Como a que Lamin Yamal, fillo das novas inmigracións, exerce cando vindica o código postal 304 do seu barrio Cerdanyola de Mataró. Seren de algures cando a capital que ás veces lles negou calidade de vida vendeu a súa alma ao diaño do turismo e do cosmopolitismo.

Novas xentes, novas músicas

Os que emigran non adoitan levar con eles máis bagaxe que a cultura de seu. E nese fardo a música forma parte indisociable. E son os novos, que medran sen máis propósito que aprender, os que absorben o que reciben do exterior e o mesturan coa herdanza familiar. E se teñen predisposición para o baile, o resultado é doado pero nunca pretenden a segregación ou a repetición do material orixinal. Así, festivais como Afrobrunch (Barcelona) ou Conciencia Afro (Madrid) ou participacións como a de Suzete en Operación Triunfo (2023). De xeito semellante ao que sucedeu coas migracións norteafricanas en Francia, unha voz saída dun barrio obreiro, neste caso o da Florida (l’Hospitalet de Llobregat): Morad (1999). Este rapeiro de xénero drill comezou a súa carreira en 2018 e ben axiña coñeceu o éxito malia padecer unha complicada situación persoal e familiar e diversos incidentes coa policía e coa xustiza. Un músico rebelde e nihilista, certo, pero Morad foi o artista español máis seguido na plataforma Spotify en 2024. O pasado xaneiro encheu o Palau Sant Jordi con 16.000 asistentes, con importante presenza de veciños do seu barrio; no palco, o futbolista Lamine Yamal. Saberemos como era o público asistente se atendemos ás nais marroquís, e non, que esperaban a saída dos seus fillos adolescentes.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents