Libros destacados da semana

FdV

FdV / FdV

VV. AA.

Ninguén o vai facer por nós

Loita aberta contra os maltratos

Pilar Ponte

Xanax, cuxo nome real é Mariña Regueiro, atópase na sala de urxencias do CHUS de Compostela cando ve entrar a famosa Nativel Bugallo que vai acompañando a outra muller, Marisol, vítima dun ataque de pánico. Este é o punto de partida da nova novela de Ramón Caride Ogando (Cea, 1957), nome en maiúsculas da nosa literatura, arroupado por máis de 60 títulos individuais e múltiples premios.

O encontro das mulleres vai provocar consecuencias inesperadas en cada unha delas. A partir de aquí, a través dunha narración fluída, iremos coñecendo aspectos importantes das vidas das protagonistas e as súas loitas diarias contra o(s) maltrato(s).

Marisol é vítima de violencia física e psicolóxica, máis na novela trátanse tamén outras: Xanax (ou Mariña,»ou chamádeme Ismael se vos presta máis así”), nome coincidente co dunha marca comercial rexistrada tamén como Alprazolam (benzodiapecina), é presa da medicación que toma para agochar as súas frustracións vitais e que a limita entre outros aspectos no campo laboral, onde mesmo chega a ter problemas coa súa «amiga-xefa». Todas estas situacións veñen desembocando na marxinalidade social contra a que unhas e outras se revolven.

Pero a novela é moito máis ca isto; a través das tres protagonistas o autor trata de forma máis que satisfactoria outros temas tan controvertidos como a saúde mental e o abuso da medicalización, ou o rebatemento da clásica diferenciación de xéneros, a disforia de xénero, a homosexualidade, a identidade de xénero fóra das regras establecidas... Caride sabe enfocalo perfectamente desde un punto de vista feminino e co máximo respecto ás persoas que viven estas situacións. Aínda máis, o autor introduce un outro aspecto se cadra novo na nosa literatura: as mulleres que teñen que loitar contra outras que negan o machismo e a desigualdade e mesmo os combaten.

O texto estrutúrase en capítulos curtos e desde tres puntos de vista diferentes: dunha banda a entrevista que Nativel lle fará á súa amiga Marisol, doutra banda extractos do diario de Xanax e, finalmente, mensaxes tiradas das redes sociais. Con esta estrutura orixinal adentrámonos nunha frenética historia onde non podemos deixar de ler e ao mesmo tempo sufrir coas/polas protagonistas ata convertérense en verdadeiras superviventes dunha sociedade que, por unha ou outra razón, as nega.

Imagen

As superviventes (2025)

Autor: Ramón Caride

Editorial: Xerais

Precio: 16,10 euros

O desencanto dun ruso europeísta

Elegante e refinada prosa

Estro Montaña

Hugin e Munin, nunha fermosa e anotada edición, publica Fume (1867) de Turgénev , o escritor máis occidentalista da súa xeración, que ofrece unha crítica mordaz da sociedade rusa, en plena idade de ouro da narrativa do seu país.

A través do complexo personaxe de Litvínov, un home que retorna a Baden-Baden para retomar a relación coa súa prometida Tatiana e onde atopa a sofisticada aristócrata Irina, a novela explora con nihilismo e ironía a incerteza das ilusións persoais e políticas. Fronte á solidez dos valores tradicionais de Tólstoi ou Dostoievski, o fume do título é o símbolo dun mundo que se descompón sen que xurda unha alternativa clara.

En Baden-Baden, refuxio dos aristócratas rusos expatriados, conviven os ridículos nostálxicos do zarismo e os mozos radicais, dogmáticos e superficiais. O indeciso protagonista, que vive atrapado nun conflito amoroso, observa na cidade balneario con desencanto o desgarro que se produce na sociedade rusa entre a tradición e a modernidade. A presenza de Irina, coa que estivo a punto de casar anos atrás, fai renacer con violencia unha paixón esquecida.

Ao longo da novela, a intriga sentimental entrelázase cun transfundo social e político e Turgénev, cunha prosa elegante e refinada, desde o realismo psicolóxico, vainos lembrar con amargura que, coma o amor de Litvínov e as súas esperanzas políticas, todo pode esvaecer.

Imagen

Fume (2024)

Autor: Iván Turguéneve (trad. Iago Fernández)

Editorial: Hugin e Munin

Precio: 16,50 euros

Enigmas e emocións

Unha acertada proposta

María Navarro

Un conto infantil é moito máis ca unha simple historia, é unha ferramenta poderosa que contribúe ao desenvolvemento integral dos nenos e das nenas en múltiples aspectos, por iso, Lucía Mojón, boa coñecedora desta potencialidade da palabra, escribe para os primeiros lectores Biscoito de castañas, un volume que vén de publicar Xerais e que sorprenderá á cativada dende a primeira páxina: unha nena, un pai e unha avoa van facer unha camiñata polo souto, actividade que aproveitan para apañar castañas, mais no percorrido descobren non só seres e espazos misteriosos senón que tamén experimentan sensacións e emocións que permitirán coñecer os enigmas que agochan as rochas, as pedras mergulladas no río ou os animais que viven no monte.

A imaxinación non coñece límites e a interpretación que os pequenos e as pequenas fan do que perciben é tan rica que abonda con suxerir ideas para que os cativos establezan relacións entre diversas informacións e a realidade e a partir de aí entendan o mundo que os rodean e saiban interactuar co medio.

Pola súa parte, a proposta plástica de Lucía Barros, baseada en ilustracións nas que o trazo ben definido complementa un texto de por si fermoso, suxerente, tenro, doce e no que salienta a metáfora como forma de expresión dun imaxinario que ten na identidade colectiva unha parte importante da transmisión de valores e abofé que o traballo conxunto de escritora e debuxante así o amosan.

Imagen

Biscoito de Castañas (2025)

Autor: Lucía Mojón, con ilustracións de Lucía Barrios

Editorial: Ir Indo

Precio: 15,50 euros

Persoal e liberadora

A mellor herba de Vigo

Héitor Mera

Enfrontarse a un texto de Calros Solla implica unha contextualización. Lembremos que Solla é un dos nosos ensaístas máis respectados e, á par, é poeta e narrador dunha obra cunha cosmovisión literaria, ideolóxica, sentimental que o levan á reivindicación de Cerdedo, locus amoenus.

Debemos saber, polo tanto, que este poemario reúne dúas das características máis salientables da obra de Solla: unha manifestación poética propia, recoñecible e cunha personalidade arraigada e separadora doutras liñas ou manifestacións. Decide apostar por poetizar unha cidade como Vigo.

Se cadra, esta viraxe, conceda unha poesía máis persoal, se cadra máis liberadora e, dende logo, con frescura renovadora que é o que percibe o lector «calrista” coñecedor da poesía previa a este libro. As retrónicas, os versos rompedores e vangardistas, o humor, a ironía, a reivindicación política, a sensibilidade social; o poeta e o activista, o home atento, curioso e capacitado para analizar a súa contorna, todo iso está neste herba de vigo que podería ser dende xa unha das maiores homenaxes que a cidade recibiu servíndose das contradicións, méritos e singularidades dunha cidade que, posiblemente, non se entere da honra que acaba de recibir.

Por suposto, esta lectura ten estratos. Hai que ser coñecedor de moitas das particularidades da cidade para entender os versos de Solla que, por moita ironía e humor que empregue, non é poeta simplón. Moi pola contra hai vigueses, como apunta no prólogo o vigués X.H. Costas, que serían incapaces de facer unha lectura correcta destas palabras de Solla . Eis unha razón para facer do prólogo o complemento perfecto para meterse no contido cun maior horizonte de expectativas. Costas axuda a entender a Solla e axuda o lector coas súas palabras de vigués coñecedor da súa realidade, a escabichar nos versos, nos enunciados, nos aforismos e retrónicas atinadas que inzan este libro, lectura recomendada para o amante da boa literatura.

Imagen

Herba de Vigo (2025)

Autor: Carlos Solla

Editorial: Morgante

Precio: 17,10 euros

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents