A Galicia deseñada
Símbolos, marcas e identidades gráficas

Marca do taller mecánico Maram (1935) / FdV
A cultura, desde os momentos iniciais da súa definición por parte da humanidade, maniféstase, en boa medida, na construción e elaboración dunha variedade de obxectos que se caracterizan pola súa fusión íntima cos ámbitos do cotián e polo seu carácter utilitario, xa que a fabricación de obxectos é xunto co pensamento racional que o posibilita e fundamenta a nosa condición humana desde os comezos da nosa existencia. O deseño, un dos produtos do desenvolvemento das nosas sociedades nos últimos dous séculos, non fixo máis que acentuar ese sentido do obxecto ligado á funcionalidade máis plena, ao seu valor utilitario.
'A Galicia deseñada. Símbolos, marcas e identidades gráficas' (Universidade da Coruña / Fabulatorio, 2024), a publicación elaborada por Marcos Dopico Castro, Cibran Rico López e Suso Vázquez Gómez -os tres destacados deseñadores gráficos-, ofrece unha ollada singular sobre o tema, creando unha narrativa que se achega á historia do deseño galego e á súa ligazón co contexto social.
O volume conforma unha ollada que se torna sintomática da nosa realidade cultural —no sentido máis amplo da acepción— porque nos presenta certas tendencias no uso do deseño e crea un constructo histórico que permite a reflexión sobre o sentido profundo, sobre o valor plural, mesmo desde a perspectiva puramente lingüístico-conceptual, do deseño na sociedade, na cal non hai practicamente ningún sector da nosa realidade en que non estea presente.
O libro é froito dunha previa mostra expositiva que co mesmo título tivo lugar na sala Normal, Espazo de intervención cultural da Universidade da Coruña, entre o 14 de outubro de 2022 e o 14 de marzo de 2023. A publicación ofrece unha coidada escolma de deseños —100 símbolos, marcas e identidades gráficas— e nace cunha clara vontade de situar o deseño no relato nacional galego e contribuír á creación dunha historiografía do mesmo. Preténdese xerar un mapa visual e documental do acontecido desde as primeiras marcas galegas —asunto abordado por Pepe Barro na primeira parte do volume— até a contemporaneidade, creando cinco períodos históricos obxecto de análise: Antecedentes (até 1900); Industrialización e vangardas (1900-1936); Autarquía e modernidade (1939-1978); Democracia e posmodernidade (1979-2005) e Contemporaneidade (2006-2023).
Patrimonio
A interesante proposta que presenta 'A Galicia deseñada. Símbolos, marcas e identidades gráficas' suxire unha reflexión sobre conceptos xenéricos: as ligazóns entre creación, produción e proceso.
Ten como cerna argumental Galicia e remite a unha tradición que nos leva aos obxectivos do Laboratorio de Formas, creado nos anos sesenta Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane e ligado ao proxecto de Sargadelos, que pretendía dotar o noso país de institucións con capacidade para abrir novos traxectos interdisciplinares de investigación para a arte e o deseño.
Un sentido que se complementaba coa recuperación da memoria, todo concibido para servir de elo entre a modernidade da época e a tradición e historia de Galicia no ámbito do creativo. É dicir, un diálogo entre unha tradición claramente nacional e unha vontade de universalidade, mais tamén un diálogo por riba dos límites temporais, co compromiso de transmitir ese coñecemento, proxectándoo e renovándoo.
De todos os xeitos, e volvendo ao fío argumental do volume, o libro convida a tomar conciencia da profunda identidade do noso patrimonio gráfico e a entender o deseño como un instrumento ao servizo dunha sociedade concreta. O resultado do presentado é un interesante mosaico de certos aspectos do deseño contemporáneo, abundando nela as imaxes en diálogo; os espazos de vida e traballo como marco relacional e creativo e as referencias temporais ao pasado e futuro. En resumo, unha «obra en marcha», aberta a múltiples expansións argumentais, ligazóns conceptuais e lecturas abertas.
Suscríbete para seguir leyendo
- Una camarera tras probar de la botella que abrasó al empresario Pablo González: «Esto no es agua»
- El trago de agua que casi acaba con la vida de Pablo González: «En segundos noté que me quemaba vivo por dentro»
- Última hora en Galicia: sin luz al menos hasta la noche en una jornada de caos total en la comunidad
- «Tosí, él dijo ‘aquí no era’ y siguió pinchando; no me avisó de los riesgos»
- Ratifican la condena a un fisioterapeuta que perforó los pulmones a una paciente por una «evidente» mala praxis en la punción con agujas
- El cirujano Diego González Rivas sorprende a Alba Carrillo con este menú gallego: «Debería ser patrimonio de la Humanidad»
- Carmen quedó parapléjica en el hospital de Ourense a los dos días de una cirugía de rodilla: «No quiero vivir así»
- Parte de la millonaria indemnización por la caída de una losa salió del bolsillo de los dueños del edificio