O legado de Soage

No centenario da Praza de Abastos de Cangas

Félix Soage no seu despacho en Buenos Aires.

Félix Soage no seu despacho en Buenos Aires.

Alberte Reboreda

José Félix Soage Villarino (1845-1924) foi un destacado empresario e filántropo natural de Cangas do Morrazo que fixo fortuna na Arxentina, onde emigrou en 1858 para traballar nun almacén de «ramos generales». Máis tarde, por medio de negocios propios vinculados á agricultura e a gandería, o emigrante converteuse nun empresario sólido e rico, ao punto que en 1920 o xornal El Norte de Galicia dicía del que era «un modelo de constancia, laboriosidad y honradez. Estas cualidades puestas al servicio de una inteligencia naturalmente clara, le han hecho uno de los estancieros» (terratenentes) «más importantes y más considerados de la provincia de Buenos Aires».

Coa súa fortuna, Soage financiou diferentes iniciativas sociais na Arxentina, pero tamén na súa vila natal: obras de urbanización, o funcionamento dunha escola «para niños pobres» en Fonte Ferreira, a restauración das bóvedas da igrexa de Santiago ou a compra dun órgano para o mesmo templo. Tamén o proxecto de construción dunha traída de augas.

Pero a obra máis importante que levou a cabo o filántropo cangués foi, sen dúbida, a construción da Praza de Abastos. O edificio foi proxectado en 1922 polo arquitecto Jacobo Esténs e o enxeñeiro de camiños Antonio Sáenz Díaz. Segundo Lois Guimeráns e Antonio Graña (2015) a intención dos proxectistas era «que se situase no punto máis céntrico da vila, próximo á rúa Real, que tivese amarre para as embarcacións e que fose accesible andando, a cabalo ou en vehículo».

No mes de abril de 1923 deron comezo as obras. Acto seguido as xentes traballadoras de Cangas, organizadas arredor da «Alianza Marinera» que exercía de «Centro Obrero» local, tivo a iniciativa de organizar unha homenaxe á familia de José Félix Soage en agradecemento pola súa xenerosidade. Naquela altura o porto de Cangas contaba con duascentas embarcacións de diferente tamaño que, maioritariamente, vendían o produto do seu traballo no mercado local.

Alzado penal da Praza de Abastos de Cangas. Arquitecto: Félix Soage

Alzado penal da Praza de Abastos de Cangas / FdV

A nova praza de abastos fixo súas as características arquitectónicas que promocionaban os hixienistas da época (Ildefonso Cerdá, Otto Wagner ou Georges E. Haussmann), mellorando a ventilación e a iluminación dos edificios, así como as condicións de exhibición e conservación dos alimentos. Mercados como o da Laxe ou o do Progreso de Vigo, proxectados por Benito Gómez Román e abertos en 1903 e 1908 respectivamente, ou o do Calvario, proxectado por Jacobo Esténs en 1916, contribuíron a definir o programa do edificio cangués. O resultado final das obras, concluídas en 1925, deu como resultado un edificio icónico daquela vila mariñeira no s. XX, unha arquitectura comercial zonificada pensada para a venda simultánea de peixe fresco, froitas, vexetais, carnes e salgados.

As condicións de explotación do mercado establecían que o prezo diario a satisfacer por cada «posto» ocupado polos vendedores fixos, sería de 15 céntimos de peseta. Outra opción para os pequenos comerciantes era a venda nas «tendas» da praza, isto é, en postos temporais ocupados por vendedores ocasionais maiormente, que estaban obrigados a satisfacer un importe moito menor: 25 céntimos de peseta mensuais.

O edificio, que finalmente se ampliouse a 932 m2, foi inaugurado en agosto de 1925 e tivo un custe de 191.000 pesetas, o que equivalería a máis de 1,5 millóns de euros. O acto de apertura solemne contou coa actuación de dúas bandas de música militares e a presenza dun persoeiro do momento, o vigués Monseñor Eijo-Garay, bispo de Madrid-Alcalá, que bendiciu as instalacións.

As obras infundiron na sociedade canguesa un sentimento de afervoamento e entusiasmo, ao punto que El Pueblo Gallego publicaba en agosto de 1925 un artigo baixo o título de «Cangas resurge», no que que se afirmaba que «el progreso de la apacible y pintoresca villa de Cangas, salta a la vista de todos. Quien haya conocido este honrado y tranquilo pueblo hace quince o veinte años y lo vea hoy, lo hallará transformado casi por completo».

Jacobo Esténs

Jacobo Esténs Romero (1880-1959) foi un destacado proxectista galego, recoñecido pola súa contribución ao desenvolvemento arquitectónico e industrial de Vigo e a súa área de influencia. Cursou estudos na Escola de Arquitectura de Madrid en 1905, sendo un dos primeiros arquitectos olívicos titulados.

A influencia de Jacobo Esténs é evidente na arquitectura da súa cidade, onde os seus deseños reflicten o eclecticismo académico da época e constitúen unha notable contribución ao seu patrimonio arquitectónico. Entre as súas obras máis destacadas está o Hospital Municipal (actual Hospital Nicolás Peña), deseñado en colaboración con Manuel Gómez Román en 1917.

No ámbito industrial, Esténs participou na planificación e deseño da fábrica de conservas Massó en Cangas, inaugurada en 1942. Este complexo fabril, considerado un dos máis importantes de Galicia, contou con innovacións técnicas como o uso de formigón armado e aceiro remachado, ademais de instalacións para o benestar das persoas traballadoras, como gardería infantil, comedor e duchas.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents