Entrevista | Xesús Alonso Montero Escritor, ensaísta, sociolingüista...

«Para min, as cántigas sociais sempre foron actos de vida»

O mestre e académico recupera, da man do editor Xan Leira, 'Cántigas sociais recollidas do pobo', un libro cuxa primeira edición data de 1969 na editorial Castrelo, colección «O Moucho», que dirixía Xosé María Álvarez Blázquez

Xesús Alonso Montero.

Xesús Alonso Montero. / Alba Villar

–Este libro foi editado orixinalmente en 1969. Como xurdiu o seu interese polas cántigas e, concretamente, polas cántigas sociais que veñen ser algo así como un precedente da chamada «canción protesta»?

–A de «O Moucho» era unha colección de libros pequenos, dirixidos a un público popular. Pero, dentro dese abano, a min o que me petaba era, como marxista declarado, a temática social. Por iso, as cáseque 400 cantiguiñas que se recollen neste volume caracterízanse polo seu contido social ou, dito doutra maneira, son aquelas cántigas que denuncian as inxustizas sociais.

–Inxustizas sociais pero cunha manchea de variantes temáticas...

–Evidentemente.Por exemplo, o primeiro capítulo está dedicado á emigración, e nos seguintes hai cántigas sobre as nais pobres, sobre os fillos dos pobres, sobre o servizo militar…Que por qué lle ofrecín a Álvarez Blázquez este tipo de textos? Pois porque me parecía que había unha lagoa na erudición galega neste eido. Daquela, en 1969, xa se tiñan publicado moitos cancioneiros sobre outros temas, pero ninguén recollera as cántigas que denunciaban unha eiva social, unha inxustiza ou unha deficiencia que, como sempre, fere os de abaixo e consente que os de arriba continúen tendo privilexios. Eu, que daquela era militante do Partido Comunista e tiña unha concepción marxista de determinados feitos literarios, levaba desde 1962 tratando de encontrar cántigas sociais, ata o punto de que cheguei a reunir estas que finalmente se incluíron no libro.

–Quen eran os autores e autoras destas composicións sen asinar e, polo tanto, «anónimas»?

–Tanto homes coma mulleres. De feito, houbo moitas mulleres, pero en todo caso persoas non letradas e con pouca cultura; incluso sabemos de autores de cántigas que eran analfabetos. Por iso hai moito tempo que eu trato de instalar na escrita en galego unha palabra que aprendín dos especialistas neste eido, fistor, e que identifica os chamados «poetas populares» que, como dixen antes, ás veces eran analfabetos.

–E Vde. chegou a coñecer algún?

Eu tiven a sorte, na miña aldea de Ventosela, alá polo ano 1942/43, de ouvir unha fistora que eu coido que era analfabeta, e se non o era, en todo caso era moi pouco letrada. Facíase chamar a señora Consuelo A Virxilia, e esta muller tiña a lingua moi solta._Como me dicía unha amiga que aínda hoxe vive no Ribeiro, “cando a señora Consuelo quería insultar a alguén, adoitaba insultalo en verso.”.Eu mesmo lémbroa improvisando versos satíricos!

–Durante moitos anos, este tipo de cantares só se escoitaban nas comparsas de Entroido, e ainda hoxe hai comparsas que seguen facendo o mesmo. Vde., que xa tanto ten vivido, coida que, efectivamente, os do Entroido viñan resultar algo así como os días da liberación da, valla a redundancia, liberdade de expresión nos tempos de Franco?

–É que na ditadura tiñan que ser anónimos por forza, xa fose por temor a seren represaliados polo réxime ou mesmo por certos empresarios das empresas nas que traballaban. No Entroido cantáronse durante todo o franquismo, pero no só no Entroido. Eu recordo que na posguerra,en datas sinaladas como as do Nadal, o Ano Vello ou o Día de Reis, saía con rapaces da miña idade a cantar as panxoliñas. É obvio que esas cancións estaban mandadas da Igrexa, pero acontecía que daquela chamabamos ás portas dos veciños para ver se nos daban algo a cambio das nosas interpretacións. Entón, se nin siquera nos abrían as portas das súas casas, cantabamoslles aquela de “Cantámoslle aos Reis do Kikiriki/ E se non nos dan nada/Cagámoslle aquí». Quero dicir que eu vivin moi preto da raíz de cántiga popular, da canción galega, e para min era un acto de vida estar na lareira cos vellos e coas vellas e asistir aos contos que contaban e, claro está, ás cántigas que cantaban, moitas delas inventadas e creadas por aqueles vellos e vellas.

–Sempre se dixo que esas cántigas eran do pobo, que non tiñan un autor individual.

–Tíñano. Pero cando se cantaban nunha determinada aldea, parroquia ou bisbarra, se lle gustaban á xente, iso quería dicir que a cántiga expresaba os valores, os gustos, os sentimientos e mais as sensacións dese tipo de xente do común e, polo tanto, esa xente facíaas súas, e para iso abondaban homes e mulleres cun talento creativo que modificaban un pouquiño as letras das cántigas: unhas veces mellorándoas e, outras, empeorándoas. De todo isto falo no limiar deste libro. É decir, da chamada «musa popular» que denunciaba os abusos, as desfeitas, as inxustizas…que se cometían coa xente menos favorecida.

–Por que aceptou que Xan Leira editase esta cuarta edición do seu libro.

–En parte, débese a que o Día as Letras Galegas deste ano está dedicado ás cantareiras do cancioneiro popular. Durante o franquismo, algunhas cantareiras e pandeireteiras interpretaron estas cantigas en concertos para xente que nunca as ouvira. Ou que si as ouvira e sabía delas pero que as despreciaba porque tiñan algo así coma o «cheirume da aldea». E, claro, a xente señoriteira entendía que isto non era cultura, senón unha manifestación popular en todo caso de «cultura menor». Porén, sempre houbo especialistas, historiadores, antropólogos ou etnólogos que xa defendían que a cultura popular é tan seria como a cultura que chamamos «de elites». De maneira que como a Academia Galega acordou homenaxear as cantareiras e que as cantareiras son as transmisoras, eu o que fago é homenaxear no meu cancioneiriño vén ser o que hai de poesía nas cántigas. E nomeadamente cando as cántigas non eran un feito artificial, nin sequera de cultura, senón de vida. Malia que para min si que son un feito de cultura en tanto en canto se trataba de crear no «tempo de ocio», e así a cultura podíase tamén crear na lareira, na taberna….

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents