Libros destacados da semana

FdV

FdV / FdV

VV.AA.

Comedia paranormal

Trumpismos

Iago Fernández

'San Meteoro' conta a historia de Pedro, un 'nini' de Teis que deplora o seu papel no mundo e, unha noite calquera, entra en contacto co resto candente dun meteorito. Ao día seguinte, descobre que posúe o don de facer milagres e, grazas ao impulso das redes sociais e á intervención dos seus colegas, convértese nun santo do século XXI.

Malia que a novela pareza unha comedia atrapallada, lembra moitos casos paranormais dos programas de Jiménez del Oso ou, máis actualmente, de Íker Jiménez. Principalmente, ao caso de Carlo Acutis, un estudante italiano que —imos supoñer— obrou varios milagres, fíxose famoso a través das redes e obtivo os respetos da Igrexa de Roma. Para quen interesar, a súa canonización terá lugar o 27 de abril do ano en curso.

Igual que sucede coa meirande parte dos casos paranormais de Cuarto Milenio, a historia de 'San Meteoro' é claramente inverosímil e deriva rapidamente nunha cadea de disparates. Non obstante, tamén podería ser que —coma no caso do Realismo Histérico Norteamericano— o inverosímil e o disparatado caracterizasen unha determinada experiencia da realidade contemporánea. Se pensamos, por exemplo, na psicose colectiva que os Misterios de Fátima levan desencadeando regularmente dende 1917, a historia de 'San Meteoro' xa non semella tan rocambolesca.

A diferenza principal entrambos os casos é, claro está, a forza monstruosa das redes. Entón, en 'San Meteoro' nin sequera podemos precisar se a santificación de Pedro radica nos milagres ou, máis ben, no fenómeno viral de seu. Ao contrario que os Pastorciños de Fátima, Pedro resístese a crer na súa propia santidade. A historia progresa grazas a que —cando menos durante boa parte da novela— os demais personaxes acreditan automaticamente a realidade dos milagres, coma se, dalgún xeito,vivisen nun terrible estado de credulidade imposto por unha sorte de mente-colmea.

Meses atrás escribira eu mesmo, e neste mesmo espazo, que 'Contos gringos', o último libro de Lara Dopazo, non era a enésima viravolta do realismo máxico senón unha mostra incipiente do realismo característico da Era Trump, onde o delirio representa un factor determinante do noso sentido do real-colectivo. De xeito moito máis restrinxido, o mesmo diría agora respecto deste 'San Meteoro'. Formal e tecnicamente estamos, si, perante dunha comedia atrapallada. Porén, os paralelismos que amosa coas lóxicas mediáticas e milenaristas da sociedade contemporánea pagan a pena.

Imagen

San Meteoro (2025)

Autor: Josiño Araújo, Vigo

Editorial: Xerais

Precio: 9,49 euros

A escritura na néboa

Con intensidade e precisión

Oriana Méndez

Unha doenza ocular transforma a percepción do mundo e, desde esa experiencia, Noelia Gómez expande en 'Desenfoque' (Apiario, 2024) unha poética persoalísima arredor da enfermidade, da memoria e da fortaleza precisa para soster un fogar onde repoñerse.

Os poemas recíbennos coa incerteza da visión que se apaga, un horizonte que se esvae cara ao descoñecido. Mentres, as feridas abertas noutros corpos familiares comezan a lerse como reflexo dunha historia que se anticipaba, que se anunciaba coma se a fraxilidade fose un legado. Non entanto, a resistencia toma forma na escritura: «O poema nace na sombra para coidar a exactitude do visible». E, fronte á incerteza, a figura da nai como ancoraxe. Traballando na fábrica ou na eira, convertértese no centro de gravidade dende o que a voz poética se mantén en pé.

O vínculo entrambas sublima a doenza: «De mans collidas flotamos / na enfermidade». Outras formas de cegueira están outrosí presentes. Nun mundo aparentemente hipervisible, a perda é sensorial, afectiva, existencial. A poeta interrógase sobre a erosión da sensibilidade no contexto dixital. A sobreexposición á tecnoloxía debuxa unha nova forma de desenfoque que acrecenta a distancia.

Cara ao peche, a mirada vólvese simbólica, translúcida, unha forma de percepción máis aló do sentido da vista, cunha imaxe que reverbera no seu misterio: «o eco dos paxaros / que atravesaron as pálpebras / totalmente cegas / estendéndose en dirección ao incógnito». Quizais a cegueira non sexa un límite, senón un tránsito. Noelia Gómez escribe con intensidade e precisión, lucidez e fondura, sobre a enfermidade e a fraxilidade humanas, pero tamén sobre a poderosa luz da renacenza.

Imagen

Desenfoque (2024)

Autor: Noelia Gómez, A Coruña

Editorial: Apiario

Precio: 18 euros

Obra mestra

Con estrutura revolucionaria

Estro Montaña

En 1930 publicou William Faulkner 'En canto agonizo', novela , segundo Harold Bloom, que podemos considerar a máis potente protesta contra as convencións literarias.

No relato, escrito con prosa intensa e poética, Anse Bruden e os seus fillos levan nun carro o cadáver da avoa para enterralo no seu Jefferson natal. Todos os personaxes van narrando, de xeito non lineal, a través de breves capítulos, os pasos desta odisea, as súas preocupacións e a súa peculiar forma de ver o mundo.

Dewey Dell vai ter un fillo e non quere confesalo; Cash ten unha perna que se lle está gangrenando; Vardamen conta os corvos que pasan e cre que a súa nai é un peixe… Esta perspectiva múltiple —en total, trátase de 15 voces— enriquece a historia, que transcorre nunha altura na que a Gran Depresión castiga as zonas rurais do Sur dos Estados Unidos, vítimas ademais do racismo, a desigualdade e a crise das tradicións.

A novela aborda cun estilo denso a interacción entre a morte, o sufrimento, a culpa e as relacións familiares; os personaxes, aínda que loitan pola redención e buscan dar un sentido á existencia, parecen condenados a vivir unha vida marcada pola fatalidade. Son personaxes que padecen un profundo illamento emocional e a súa identidade vaise construíndo a través de monólogos interiores, o que nos permiten achegarnos á psicoloxía de cada un deles. Sen dúbida, esta é unha obra mestra, de estrutura revolucionaria e potente linguaxe, moi recomendable.

Imagen

En canto agonizo (2024)

Autor: William Faulkner (trad. Moisés Barcia, Cangas)

Editorial: Rinoceronte

Precio: 20 euros

Alfabetización visual

Divertida lectura

María Navarro

Esteban Souto, coñecido no eido da ilustración por títulos como 'Maldiño, a vergoña da familia', 'Halloween accidentado', 'Cocobitur' ou 'Voa', voa vén de publicar na colección «Merlín Cómics» 'Carrilanas bestiais', un volume destinado ao lectorado mozo no que o salvaterrán desprega os seus dotes de debuxante o que, unido ao divertido texto, capta dende o comezo a atención dos destinatarios.

As vacacións de verán na aldea e unha carreira de carrilanas terá entretidos os mozos que entre pensar que poden facer para pasar o tempo e a execución do plan que trazan vivirán algunha que outra aventura digna de ser contada. Ao final, todos aprenden ou iso deberían facer se pretenden considerarse dignos vencedores.

O mundo da banda deseñada goza na nosa lingua de boa saúde. As últimas creacións desta literatura da imaxe teñen explorado distintos xéneros e diferentes estilos con éxito e os galardóns que reciben os artistas galegos tanto dentro como fóra do País así o indican. Pola súa parte, a alfabetización visual que proporciona este formato, xunto á versatilidade temática que ofrece e o rexistro que permite este produto cultural non é de estrañar que hoxe en día constitúa unha boa opción de lectura para todo tipo de público e en calquera que sexa o espazo; a casa, as bibliotecas, as asociación ou os centros de ensino apostan por estas lecturas e en todos a súa aceptación está a ser moi positiva. A capacidade de abstracción que outorgan e a imaxinación que exhiben achegan tal consideración.

Imagen

Carrilanas bestiais (2025)

Autor: Esteban Souto, Vigo

Editorial: Xerais Precio: 13,25 euros

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents