A importancia de chamarse Ernesto
Oscar Wilde entre nós

'A importancia de chamarse Ernesto', polo National Theatre. / MARC BRENER
Manuel F. Vieites
Da peza que presentamos existía unha tradución publicada pola Universidade da Coruña en 1999. O seu artífice, Miguel Pérez Romero, explicaba no limiar que as comedias de Wilde son doadas de ler, mesmo en inglés, pero difíciles de traducir. En 1946, Borges, nun artigo incluído na colectánea 'Otras inquisiciones', advertía que a obra literaria de Wilde é tan harmoniosa que pode parecer inevitable ou banal, subliñando a habelencia do autor para recrear o crepúsculo do século XIX e a opresiva pompa dun baile de máscaras que arremeda un xogo trivial ou baleiro. Velaí a dificultade. A peza culmina o ciclo das chamadas «comedias de sociedade», pero tamén poderían selo de salón ou de enredo, e garda relación co vodevil francés, subxénero do que en galego temos un texto de Eugène Labiche e Marc-Michel, 'Un chapeu de palla italiana', estreado en 1851, traducido por Ana Luna e publicado en 2004 na mesma editora.
O tal ciclo principia en 1892 con 'Lady Windermere’s Fan', continúa con 'A Woman of No Importance' (1893) e 'An Ideal Husband' (1895), e culmina coa que agora comentamos, traducida por Ricardo Moreno e publicada por Medulia Editorial en versión bilingüe. Con todo, Wilde comeza a súa carreira como dramaturgo con dous textos ben diferentes, 'Vera or the Nihilists' (1880), baseada na vida da activista e socialista rusa Vera Ivanovna Zasulich, e 'The Duchess of Padua' (1883) onde recrea crimes, desexos de vinganza e amores tráxicos. Tamén é autor de 'Salomé' (1891), traxedia breve escrita en francés e prohibida en Inglaterra por motivos relixiosos, cando ía ser escenificada en inglés pola actriz Sarah Bernhardt.

Oscar Wilde en 1882. / NAPOLEON SARONY
Nun breve período de tempo, Wilde escribe catro comedias magníficas que sempre gozaron dunha acollida moi notable por parte dun público que, naquela altura, pertencía, ou estaba próximo, ao mesmo estamento social das persoas que habitaban a escena, e das que se ofrecía un retrato irónico, satírico e por veces realmente burlesco. Recreaba dunha forma moi precisa a sociabilidade dun sector da sociedade vitoriana, mostrando as máscaras coas que cada quen construía unha identidade axeitada a un espectáculo social do que Wilde sería un auténtico precursor, convertendo a súa persoa en personaxe público, amado e odiado. Un dos trazos que mellor as definen, radica nos usos da linguaxe, nos actos de fala cos que artella diálogos hilarantes, que acertan a mostrar a banalidade daquela vida asentada na aparencia e na retórica verbal e postural.
'A importancia de chamarse Ernesto, ou das utilidades de ser «earnest»' (palabra que cabe traducir como honesto, sincero, e mesmo formal), xoga, desde o seu título, cos dobres sentidos, e na peza abundan motivos habituais da comedia, como orixes incertas, confusión de identidades, equívocos, problemas que se enlean un detrás doutro sen que se lles vexa fin ou solución, ou intrigas que se argallan sen prever consecuencias, o que xera conflitos e situacións moitas veces disparatadas. Ao final todo o novelo se resolve, de forma case instantánea, como por arte de maxia.
A peza estreouse un 14 de febreiro de 1895, pero foi retirada semanas despois, ao ser detido o autor un 6 abril, e logo xulgado e condenado en maio a dous anos de prisión por sodomía e indecencia grave. Wilde sairía do cárcere en maio de 1897, para establecerse en Francia, onde escribiría The Ballad of Reading Gaol.
Inglaterra perdía un dos escritores máis importantes da época. Anos despois a mesma moral vitoriana acabaría coa existencia de Alan Turing, matemático excepcional, por motivos similares e coa mesma lexislación. A este chegoulle o indulto, non a retirada dos cargos, en 2013, e a Wilde en 2017. Sen comentarios.
Na escena galega
Ata onde sabemos, ata en cinco ocasións Oscar Wilde andou polos teatros galegos na nosa lingua. A primeira en 1978, cando o Centro Social Mariñamansa de Ourense, con dirección de Ánxeles Cuña, presenta 'O xigante egoísta', a partir dun conto do autor. Logo viría 'Ernest', da Escola Dramática Galega, con dirección de Miguel Pérez Romero, que tería moi boa acollida, e que, sendo un espectáculo non profesional, sumaría máis de tres ducias de funcións. En 1986, o Taller de Teatro de Marionetas Matarile (Teatro de Cartón), presentaba 'El cumpleaños de la infanta', a partir doutro conto, con adaptación e dirección de Ana Vallés e Baltasar Patiño, utilizando técnicas propias do teatro de obxectos, como varas, fíos ou bunraku; nel colaboraban Miguel Borines e Eduardo Rodríguez Cuña (Tatán), os dous de Tanxarina.
Xa en 1989 o Centro Dramático Galego estreaba 'Salomé', con versión e dirección de John Eastham e Roberto Vidal Bolaño, un dos seus textos máis icónicos, que volvería ser escenificado polo CDG en 2010, con dirección de Carlos Santiago. Seguramente foran máis. Historias que agardan ser contadas.
Suscríbete para seguir leyendo
- Hacienda regala 1.500 euros a los padres con hijos menores de 25 años que vivan en casa: cómo solicitarlo
- Qué es la hernia de hiato, que afecta sobre todo a los mayores de 50 años y no tiene tratamiento
- «Está demostrado científicamente que tener un perro aumenta los niveles de oxitocina, la hormona de la felicidad»
- Una inspección en una cafetería viguesa por quejas vecinales termina con la incautación de droga a clientes
- Obligan a las dueñas de un piso de Vigo a retirar el jardín con un arce de su terraza por agrietar el edificio
- El cocinero gallego con estrella Michelin que ahora toca y canta en la calle Príncipe de Vigo
- Miguel Álvarez: «Acabo de abrir cuatro cabañas con vistas espectaculares a los cañones del Sil»
- «Ya no soy capaz ni de correr 100 metros»