Un dramaturgo galego na escena arxentina
Memoria de Nicolás de las Llanderas

Representación de 'Así es la vida' no escenario do Teatro Nacional Cervantes (Buenos Aires). / Arquivo
José Luis Mateo
Nicolás de las Llanderas (1888-1938) foi un dos nomes máis destacados do teatro arxentino nos anos 20 e 30 do século XX. Nacido na Coruña e fillo de militar, instalouse en Vigo a comezos da centuria e preparouse para entrar na Academia militar. Axiña cambiou o uniforme polos estudos de perito mercantil asemade que agromaba a súa vocación como actor e dramaturgo. Así, con vinte anos cumpridos, estreaba as súas primeiras pezas curtas con compañías amadoras, como o drama 'Compañerismo' no salón Acuña de Caldas (1906) ou diálogos ou monólogos como' Variaciones' ou 'La huelga de los herreros', representada no salón do Círculo Católico de Obreros.
Algúns dos seus textos humorísticos foron publicados na revista Ecos de Vigo (1911), dirixida por Rodríguez Elías. Mais a faceta cómica e actoral de Llanderas tamén se manifestaba nas festas populares a través das comparsas do entroido ou en sociedades como o «Club Machada», un club satírico formado por mozos da burguesía que mesmo chegou a organizar unha «novillada satírica» na praza de touros pontevedresa, filmada polo cinesta José Gil en 1914.
O rol de Llanderas como recitador e improvisador levouno a formar parte da expedición que Perfecto Feijóo planeaba para a xira que o coro Aires da Terra preparaba para Arxentina. Este grupo folcklórico, pioneiro na recollida e interpretación de música popular galega, estaba formado case ao completo por mozos da burguesía pontevedresa, dirixidos polo boticario e gaiteiro, a realizaren actuacións vestidos co traxe tradicional. O grupo principiou unha tournée para achegar o público galego en América ás músicas de raigame e cun proxecto estético ben elaborado e reivindicativo do valor estético-cultural do noso folclore. Á fronte do grupo, Llanderas actuou como presentador e animador das actuacións, recitando algúns dos monólogos propios.
A experiencia americana levou a Llanderas a probarse como actor na escena teatral bonaerense. Conseguiu cedo estrear algúns dos seus xoguetes cómicos de carácter costumista ata que, en 1918, coñeceu a José López Silva, dramaturgo e empresario teatral co que principiou unha breve e exitosa relación profesional e co que colaborou en obras como 'Bandera de Parlamento' (1918), 'Otro otario y van cien' (1921) ou 'Sangre en la nieve' (1922). Durante eses anos Llanderas mesturaba os textos en castelán e galego destinados á comunidade da diáspora: estreou obras como 'O amor é ceguiño', 'Un vello paroleiro', 'Seica me amolas' ou 'Naiciña' (1933). Tamén escribiu para a emblemática revista arxentina Caras y Caretas.
Pero foi a colaboración co dramaturgo arxentino Arnaldo Malfatti a que acadou maior éxito. Xuntos escribiron máis de vinte pezas teatrais entre as que destacaron 'Pic-nic', 'Astilla del mismo palo', 'Los tres berretines' e a emblemática 'Así es la vida', que superou as 600 representacións desde 1934 no Teatro Nacional. O éxito cruzou o mar e fixo que chegara a estrearse en España, protagonizada por Valeriano León e Aurora Redondo que se representou no Teatro Cervantes, en 1935. Aquela peza costumista, que retrataba a vida dunha familia burguesa porteña durante tres xeracións, foi levada ao cine en 1939, cunha adaptación de Luis Marquina e dirixida por Francisco Múgica. Aínda hoxe aquela peza está no imaxinario do teatro e do cine nacional arxentino, con remakes cinematográficos (1977) e con restreas constantes no prolífico ambiente teatral do país.
Nicolás de las Llanderas non regresou a Vigo. Morreu en Buenos Aires en 1938, onde é considerado un dos dramaturgos máis importantes do país. Aquel mozo que se iniciara como actor e autor teatral nos espazos teatrais vigueses, é un dos grandes esquecidos da nosa escena, aínda que o seu apelido segue ligado á cidade por unha famosa tarta e polo seu sobriño Miguel Llanderas, actor, director e dinamizador teatral durante décadas e un dos organizadores das históricas Jornadas e Mostras de Teatro de Vigo durante os 70 do século pasado e intérprete en documentais, curtas e longametraxes galegas .
Suscríbete para seguir leyendo
- Hacienda regala 1.500 euros a los padres con hijos menores de 25 años que vivan en casa: cómo solicitarlo
- Qué es la hernia de hiato, que afecta sobre todo a los mayores de 50 años y no tiene tratamiento
- «Está demostrado científicamente que tener un perro aumenta los niveles de oxitocina, la hormona de la felicidad»
- Una inspección en una cafetería viguesa por quejas vecinales termina con la incautación de droga a clientes
- Obligan a las dueñas de un piso de Vigo a retirar el jardín con un arce de su terraza por agrietar el edificio
- El cocinero gallego con estrella Michelin que ahora toca y canta en la calle Príncipe de Vigo
- Miguel Álvarez: «Acabo de abrir cuatro cabañas con vistas espectaculares a los cañones del Sil»
- «Ya no soy capaz ni de correr 100 metros»