Das tarefas do socialismo

O anticapitalismo (III)

Imaxe dos sucesos da Comuna de París (18-III/28-V de 1871).

Imaxe dos sucesos da Comuna de París (18-III/28-V de 1871). / FdV

Alfredo Iglesias Diéguez

Logo da derrota de Napoleón en Waterloo no ano 1815 e do triunfo das potencias aliadas que se agruparon na Santa Alianza (Rusia, Austria e Prusia), Europa asiste á restauración absolutista alí onde chegaran os ventos da revolución.

Nese novo contexto, os pobos que respiraran os «aires da liberdade» protagonizaron sucesivos movementos revolucionarios que tiveron lugar en diferentes lugares arredor dos anos 1820, 1830 e finalmente no ano 1848, á marxe dos ventos de liberdade que triunfaron na América Latina e no Caribe da man de Simón Bolivar e outros libertadores americanos. Foi no fragor deses procesos revolucionarios nos que se forxou o pensamento socialista que vai influír nunha boa parte do movemento obreiro nos séculos posteriores.

Forxando o socialismo na era das revolucións burguesas

O desenvolvemento da revolución industrial estaba a xerar un profundo malestar entre as clases traballadoras: longas xornadas laborais, que abranguían todo o período que ía dende a saída até a posta do Sol; presenza de nenos e nenas nas fábricas e nas minas; condicións de seguridade e hixiene deplorables no lugar de traballo; ausencia de descansos axeitados... En definitiva, unhas clases traballadoras que apenas recibían o salario necesario para reproduciren a súa propia forza de traballo; isto é, o necesario para non desfalecer durante a xornada laboral.

Fronte a esa situación de sobreexplotación, a clase traballadora desenvolveu diferentes estratexias de loita contra o «capital», entre as que salientaron o movemento ‘”udita», que tiña por obxecto a destrución das máquinas, e o movemento folguístico, entendido como un paro da produción co obxecto de presionar a patronal a fin de lograr melloras laborais, como as protagonizadas polos traballadores do sector téxtil de Lyon no ano 1831 (rebelión dos canuts) e polo movemento cartista na Inglaterra industrial, que se poden considerar as primeiras xornadas de folga no mundo capitalista. Foi nese contexto de loita obreira no que Marx e Engels recoñeceron no Manifesto comunista, saído do prelo o 21 de febreiro de 1848 e escrito ás portas do ciclo revolucionario burgués coñecido como a «primavera dos pobos», que a folga é unha das formas de loita máis potentes en mans do proletariado.

Anos máis tarde, a Asociación Internacional de Traballadores (AIT), fundada no ano 1864, entendeu que unha das súas tarefas máis importantes era o apoio ás folgas obreiras iniciadas en calquera parte de Europa, organizando a loita cando fose necesario, buscando apoios financeiros e promovendo a solidariedade obreira para evitar eo traslado de rompefolgas dende outros lugares... Porén, se ben as folgas lograban arrancar conquistas á patronal, non podían ser a panca exclusiva para a transformación radical da sociedade, era preciso conquistar o Estado.

A Comuna de París (1871) e mais a conquista do Estado

O 18 de marzo o pobo de París, aproveitando o baleiro de poder, puxo en marcha a primeira experiencia de poder obreiro no mundo, que se prolongou por máis de dous meses até o 28 de maio de 1871. Non obstante, tras da violenta represión, as diferenzas entre os anarquistas -a prol da autoxestión comuneira- e os socialistas branquistas -defensores dun goberno «xacobino» que liderase a revolución social-, provocaron a ruptura definitiva entre eles, que se agruparan na I Internacional (AIT) no ano 1864.

Logo desta ruptura, o socialismo optou por unha nova estratexia política: a loita polo socialismo dentro do marco da democracia representativa como vía de acceso ao poder político do Estado, que sería a ferramenta para desenvolver as reformas necesarias para lograr a transformación social e a superación do capitalismo, que se consideraba un destino histórico inevitable.

Líderes da II Internacional (1904)

Líderes da II Internacional (1904) / Arquivo

A conquista do poder político

A conquista do poder político polo proletariado dentro do marco da democracia representativa burguesa supuxo que facción socialista (marxista) do movemento obreiro se organizase en partidos políticos, que complementaban a súa loita con organización obreiras de carácter sindical. Velaí está a fundación do primeiro partido socialista: o partido socialdemócrata alemán (SPD) no ano 1875, como expresión dos intereses do proletariado.

Xuntos, partidos e sindicatos obreiros, fundaron a II Internacional no ano 1889 coa intención de desenvolveren e coordinaren estratexias comúns aos partidos integrantes. Ao longo da súa historia (1889-1916) celebráronse intensos debates arredor do colonialismo, o militarismo e o feminismo; non obstante, foi o enfrontamento entre reformistas, que aceptaban pactar coas burguesías nacionais e defendían o gradualismo reformista, e revolucionarios, que defendían unha vía insurreccional de acceso ao poder e rexeitaban calquera colaboración coas burguesías nacionais, o feito que provocou a ruptura da II Internacional no transcurso da I Guerra Mundial (1914-1918).

Suscríbete para seguir leyendo

TEMAS

Tracking Pixel Contents