Das Peixeiras de Carlos Maside
Unha mostra no Museo Massó

Peixeiras, obra sobre papel de pequeno formato. / Carlos Maside,1928
No Museo Massó de Bueu pódese ver, nunha mostra especialmente centrada na obra, unha recente adquisición do museo. Trátase de Peixeiras, un traballo sobre papel de pequeno formato (25x 17,50 cm.) realizado por Carlos Maside en 1928.
A obra, que foi con anterioridade propiedade do conserveiro Gaspar Masso, é un pequeno papel elaborado con tinta chinesa e augada e representa un significativo testemuño da linguaxe innovadora de Maside na segunda metade dos anos vinte e inicios dos trinta do pasado século.
Nesa altura, Carlos Maside convertérase na figura chave no desenvolvemento da nova pintura galega, unha arte que se pode encadrar referencialmente na figuración europea de entreguerras e que sintetiza diferentes influxos levados a coordenadas nacionais. As influencias son ben diversas: fauvismo, estampa xaponesa, postimpresionismo, cubismo. As creacións do pintor de Pontecesures teñen certamente ecos de pintura europea das primeiras décadas do XX mais, en certo sentido, representan unha síntese de estilos, un aspecto que caracteriza moitas asimilacións nacionais das propostas da vangarda internacional.
A súa pintura confórmase como unha relectura orixinal do aprendido da arte vangardista de París –onde reside entre 1926 e 1927 cunha bolsa da Deputación de Pontevedra–, reestruturada, adaptada aos ollos que ven doutro xeito e ven cousas ben comúns, como estas peixeiras da obra do Museo Masso. Estes aspectos do mundo cotián son como unha revelación, esa «sorprendente descoberta de Galiza» que explicaba brillantemente Vicente Risco no seu ensaio «Nós, os inadaptados». Unha revelación que é común á xeración Nós e aos artistas e escritores máis novos anteriores á Guerra Civil e que se explica porque a cultura galega, en certo sentido, era «exótica» para os propios intelectuais e artistas galegos.
É o estrañamento, a distancia, o que posibilita a procura deste referente que se intenta plasmar por medio dunha ollada máis profunda, algo evidente nestas Peixeiras. Este aspecto fora destacado polo escritor e crítico Rafael Dieste cando lembraba a actitude dos pintores da súa xeración para os que o auténtico da temática galega non residía na representación dun boi ou un meniño labrego -ou dunhas peixeiras, acrecentariamos-, senón na percepción fonda, en velos por primeira vez. Como é lóxico, para mergullarse nesta percepción, Maside explora con intensidade o mundo popular, como se pode apreciar nesta obra. Luís Seoane recordaba que neses anos estas preocupacións ocupaban un lugar central: «o meu mestre e mais o de Carlos Maside, compañeiro meu durante tantos anos, foi a feira dos xoves en Santiago de Compostela. Iso por unha banda; por outra, o pórtico das Pratarías. Alí afundíanse os dous mundos: o das vangardas e mais o da tradición, a realidade e a arte».
Alleo ao académico
Nesta liña argumental, para Maside, Galicia está ateigada de realidades «exóticas» e en obras como Peixeiras plasma esta percepción a medio camiño entre os influxos vangardistas, un decorativismo de estampa xaponesa e un certo esquematismo debedor da tradición medieval e popular galega, enmarcado todo nunha simplicidade de formas que enlaza coas súas propostas posteriores dentro da estética do granito.
Maside, en traballos como estas magníficas Peixeiras, parte dunha actitude allea ao académico, común coa que desenvolven os movementos de vangarda europeos e americanos para os que a arte medieval, precolombiana, afroamericana e popular era considerada non contaminada polos ideais clasicistas máis tradicionais. Esta preferencia servía para acabar de rematar a identidade, ou para renovar os alicerces dunha identidade cuxa existencia se encontraba sometida a unha crecente presión, como era o caso da galega.
A principal motivación desta viraxe é a procura de fórmulas experienciais que teñan capacidade de xeraren unha identidade centrada. A estas preocupacións responde o noso artista cun tipo de obras dun sintetismo e un tratamento da cor en bandas planas que ten nesta pintura unha representación de elevada mestría como corresponde ao seu papell como figura central na arte galega do século XX.
- Hacienda regala 1.500 euros a los padres con hijos menores de 25 años que vivan en casa: cómo solicitarlo
- Qué es la hernia de hiato, que afecta sobre todo a los mayores de 50 años y no tiene tratamiento
- «Está demostrado científicamente que tener un perro aumenta los niveles de oxitocina, la hormona de la felicidad»
- Una inspección en una cafetería viguesa por quejas vecinales termina con la incautación de droga a clientes
- Obligan a las dueñas de un piso de Vigo a retirar el jardín con un arce de su terraza por agrietar el edificio
- El cocinero gallego con estrella Michelin que ahora toca y canta en la calle Príncipe de Vigo
- Miguel Álvarez: «Acabo de abrir cuatro cabañas con vistas espectaculares a los cañones del Sil»
- «Ya no soy capaz ni de correr 100 metros»