Mondariz e os cegos de Castelao
Un retrato paisaxístico e psicolóxico

Un dos óleos realizados por Castelao para o Balneario de Mondariz. / Arquivo
Alberte Reboreda
«En la sala regia, sita en la segunda planta [estaban] numerosos cuadros pertenecientes a cotizados artistas, y solamente dos o tres de estas obras de arte pudieron salvarse». Así se describía El Progreso o incendio sufrido polo Gran Hotel de Mondariz o 9 de abril de 1973. Os cadros aos que se refire a crónica xornalística eran os tres óleos de gran formato dedicados a cegos mendicantes que Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (1886-1950) realizara para o Balneario no ano 1914 por encargo do seu propietario, o empresario galeguista Enrique Peinador Lines.
Nese mesmo ano de 1914 Castelao sufrira un desprendemento de retina que afectou de forma severa á súa visión, de aí que o tema dos cegos, a quen el mesmo se referirá en 1940-41 coma «os meus compañeiros», sexa habitual en toda a súa obra artística. Efectivamente, grazas á correspondencia do artista, escritor e político galego, coñecemos cales foron as circunstancias deste encargo. Así, nunha carta a Antonio Rey Soto, datada no verán de 1914, o rianxeiro escribe: «Estoy trabajando para Mondariz. Voy a decorar un salón y no pienso hacer más que cosas de ciegos. Puedes decírselo a Peinador. Voy a hacer una cosa esmendrellante. Nada de ciegos por desgracia, todos ciegos de oficio, de esos que andan a tientas por el mendrugo y las mujeres, toda la picardía gallega. Esos ciegos míos no dan pena, son de los que doblan los ojos hacia adentro para verse mejor y tener más conciencia de los espíritus ajenos (…)».
Noutra carta posterior ao mesmo crego galeguista insiste na picaresca dos seus protagonistas invidentes e engade: “Ya tengo hechos dos grandes lienzos de 5 x 2,80 metros, para Mondariz. En cuanto termine esta obra, en donde he de meter todo lo que sé de los ciegos termino con ellos y empezaré con los pobres tunantes de romería ... En Galicia no hay nada completamente trágico a poco que uno rasque en las desgracias, pues detrás de ellas hay siempre una gran picardía y mucha gandulería».
Efectivamente, tal e como acontece en El lazarillo de Tormes, os invidentes dos cadros de Castelao non son uns coitados que o artista utiliza para denunciar a súa condición marxinal, senón uns personaxes astutos e pragmáticos, que construíron con intelixencia o seu modo de vida. Polo demais, ss cegos que retratou o noso pintor en diferentes óleos e acuarelas eran habituais nas feiras e romarías de Galicia, onde pedían esmola mentres tocaban humildemente un instrumento. Estes invidentes, xunto con outros pedichóns, tamén eran habituais nas rúas no Balneario de Mondariz desde finais do século XIX, onde acudían durante a temporada de augas para pedir o favor dos visitantes adiñeirados que paseaban con parsimonia entre os mananciais da Gándara e Troncoso.

Detalle dun cego co seu lazarillo. / Arquivo
Pero o interese polos temas de cegos en Castelao era anterior ao encargo de Peinador. Así o recorda a historiadora da arte María Victoria Carballo-Calero, que sinala que «nas súas exposicións de 1912 figuran xa uns debuxos de cegos moi elaborados, de estética modernista, e que constitúen modelos iconográficos sobre os que volverá unha e outra vez». En opinión da mesma autora, «non cabe dúbida de que estas paisaxes con figuras, pero paisaxes ao fin, supoñen unha das primeiras achegas, coas de Lloréns e Carlos Sobrino, aos inicios da pintura de paisaxe galega do século XX».
Grazas a este tríptico pictórico mondarizán de vocación case muralista, Castelao acadou unha medalla na Exposición Nacional de Bellas Artes no ano 1915. Despois de que o lume arrasara o Gran Hotel do Balneario, o empresario Nicolás Alberte Meixengo, decidiu doalo á Real Academia Galega (RAG) para fortuna de Galicia. Varias décadas despois, en 2011, a RAG, con Méndez Ferrín á fronte, cedeu en depósito permanente ao Museo de Pontevedra estes lenzos para que puideran ser admirados xunto co resto da súa obra.
Retrato mordaz
Nos cadros de cegos de Castelao, estes aparecen —sempre xunto cos seus axudantes—camiño da romaría, e retratados en primeiro plano, tendo como fondo unha paisaxe costumista formada por bosques, piñeirais, ríos, pontes, muíños, igrexas e pazos. Neles a paisaxe e a natureza rivalizan en protagonismo cos invidentes, «pasando de ser un elemento secundario a converterse no verdadeiro protagonista do cadro», en palabras de López Vázquez (2006).
En opinión de Carlos L. Bernández (2023) nestas obras Castelao «combina o influxo modernista e a pegada da pintura flamenga do século XV e comezos do XVI (Van der Weyden, O Bosco, Brueghel, Patinir ... ). Son obras que enfatizan o pormenor, o verismo e a caricatura; nelas as analoxías formais coa pintura flamenga están nos fondos paisaxísticos (...)».
Castelao representou coma ningún outro artista a nosa vida rural, a pobreza, a emigración, a represión política e o sufrimento do noso pobo. Pero tamén realizou obras de humor crítico e incisivo coma este tríptico de invidentes. Un século despois de seren pintados sobre lenzo, os cadros de cegos de Mondariz permítennos seguir admirando o retrato mordaz dunha parte da sociedade galega do seu tempo.
Suscríbete para seguir leyendo
- Un servicio de bus gratuito llega mañana con 20 líneas diarias y más de 30 paradas
- El naval vigués crece en el Mediterráneo con el elevador de barcos para yates «más grande del mundo»
- El otro tesoro bajo Rande: los marineros de la vieira de Cangas rescatan platos antiguos en sus rastros
- El Celta dispondrá tras la reforma del estadio de unos 15.000 metros cuadrados para explotar otros usos y multiplicar sus ingresos
- Cárcel por insultar a su ex: «Hai que ter peito para acostarse contigo»
- Así lucirán los locales comerciales de la Porta do Sol de Vigo: fachada integrada con el espacio, iluminación ornamental y punto informativo
- Emprendedores gallegos en nuevos sectores que desafían el abismo del primer año: así es la nueva generación de autónomos
- 25 años de la Vig-Bay: búscate entre los corredores de esta edición