As lúas de Xesús Pisón
Opera Magna (I): triloxía da derrota

O camiñante sobre o mar de nubes (Caspar David Friedrich, 1818).
Manuel F. Vieites
Lúas do Orzán é o título dun volume editado por Laiovento que contén sete pezas dramáticas, que van acompañadas dun «prólogo-carta» a María Casares, e precedidas dun limiar titulado «O monstro ante o espello», escrito por Manuel Xestoso. Semella que o autor do conxunto, o dramaturgo Xesús Pisón, quere ir reunindo a súa obra, ben que en volumes anteriores, como Noite invadida (2005), xa escolmara algúns destes textos, que nalgúns casos se publican nunha versión nova, que os axusta ou amplía. Atendendo á poética da dor que o autor reivindicou en 2009 nunha entrevista con Cilha Lourenço (Casahamlet, nº9), ao falar do «horror que hai na vida», o titulo do volume é moi acaído se pensamos na forza poderosa que o mar e o seu son teñen na praia coruñesa en noites de invernía cando o vento e a lúa debuxan unha escena como a contida nun óleo ben coñecido de Caspar D. Friedrich, que mostra un ser humano enfrontado cos elementos naturais. E así, podemos falar dunha estética de loita e derrota.
Nesta nova colectánea Pisón recolle textos das dúas últimas etapas que cabería considerar na súa escrita, estando a primeira conformada por un feixe de textos cunha dimensión burlesca, sarcástica e paródica, entre os que destacarían O pauto (1983), O rei aborrecido (1984) ou Ei, Feldmühle! (1991). Segue despois unha segunda con textos como A Vía Láctea (1994), Como Jekyll e Hyde (1994) ou Tatuaxes (1998), formando parte as dúas primeiras do volume Venenos, co que gañou o Premio Rafael Dieste por segunda vez. Este tres textos últimos, supoñen o desenvolvemento dun outro modelo de escrita, asentado na redución dos elementos de composición, que quedan limitados aos diálogos, máis alá dalgunha didascalia mínima. En cada un encontramos dous personaxes, que activan a palabra, un significante pletórico, e con ela mundos de ruído e furia.
Como Jekyll e Hyde mostra o confronto entre dous escritores en fases diferentes da súa carreira, que amais de seren parella teñen unha relación de dependencia e competencia, o que implica o desenvolvemento de diferentes roles, que van asumindo en función do devalar da conversa. Así, Adolfo, o escritor consagrado entra na escena nunha cadeira de rodas, que poderá abandonar ou ocupar a vontade. Disposto a colaborar co seu pupilo no deseño dunha historia, proponlle a Carlos iniciar un xogo de supostos que acaba sendo un novo xogo de roles no que van abrollando teimas, ambicións, traumas e fracasos. A peza refire problemas de comunicación e interacción que se agravan nas outras dúas, pois mostran patoloxías comunicativas diversas, entre elas a des-confirmación, que implica a negación do outro, como se non existise, en tanto os personaxes en ningún momento dialogan entre si, senón que van alternando frases que compoñen un monólogo persoal, e informa dun enorme envurullo vital.
A Vía Láctea presenta un home e unha muller que falan, cada quen das súas cousas, sen reparar en nada do que a outra persoa di, interpelándose sen obteren resposta ningunha, mostrando as súas obsesións, inquedanzas ou medos.
Tatuaxes recolle o diálogo alternado de dous irmáns cun pai ausente que nada di, no que cada un vai verbalizando a relación difícil con ese ser que xogou, e pode xogar aínda, un rol importante nas súas vidas, agora que viven fóra do fogar en situacións de extrema necesidade. Ao fondo, a lembranza dunha nai morta e numerosas zonas escuras dun pasado que podemos imaxinar estarrecedor e arrepiante. Tres textos formalmente magníficos, moi ben escritos, que dan conta de eivas certas na condición humana, e das moitas nimiedades e pouquidades coas que cada quen vai construíndo a súa existencia. Desolador.

O dramaturgo Xesús Pison. / | FOTOS: ARQUIVO
Literatura ergódica
En 1997 o crítico Espen J. Aarseth usa o termo «desolador» para referir textos que esixen na lectura un esforzo maior que o simple movemento ocular ou pasar páxinas. Trátase dun concepto discutido, que xerou un certo debate, pero podería explicar o feito de que, para que a comprensión se produza, hai que poñer en marcha estratexias lectoras diversas, alén das habituais. Rayuela, de Cortázar, pode ser un bo exemplo, e Rosalía, de Otero Pedrayo, outro. Hai que ler con papel e bolígrafo e cunha enciclopedia na man.
Os textos de Pisón, polo menos os da segunda e da terceira etapa, demandan, por exemplo, varias lecturas, procurando trocar as maneiras de realizalas. Así, en Tatuaxes podemos ler o texto dun personaxe, e despois o de outro, no conxunto ou cada dúas páxinas, mentres que con A Vía Láctea podemos facer o mesmo, pero tamén comezar pola metade e ir cara atrás, ou cara adiante. Como Jekyll e Hyde demanda descubrir as feridas contidas nas palabras, o que hai detrás de cada careta ou a razón de ter unha pistola.
Suscríbete para seguir leyendo
- Una camarera tras probar de la botella que abrasó al empresario Pablo González: «Esto no es agua»
- El trago de agua que casi acaba con la vida de Pablo González: «En segundos noté que me quemaba vivo por dentro»
- Última hora en Galicia: sin luz al menos hasta la noche en una jornada de caos total en la comunidad
- «Tosí, él dijo ‘aquí no era’ y siguió pinchando; no me avisó de los riesgos»
- Ratifican la condena a un fisioterapeuta que perforó los pulmones a una paciente por una «evidente» mala praxis en la punción con agujas
- El cirujano Diego González Rivas sorprende a Alba Carrillo con este menú gallego: «Debería ser patrimonio de la Humanidad»
- Carmen quedó parapléjica en el hospital de Ourense a los dos días de una cirugía de rodilla: «No quiero vivir así»
- Parte de la millonaria indemnización por la caída de una losa salió del bolsillo de los dueños del edificio