O turismo «do máis»
Viaxeiros, paifocos, guiris

Turistas na Praza do Obradoiro (Santiago de Compostela). Abaixo: monumento aos viaxeiros románticos (Granada). | FOTO: ANTONIO HERNÁNDEZ
Morrer de éxito. Se xa estaba anunciado para moitas capitais europeas, agora é Compostela a que caeu en combate. O seu Concello anuncia o establecemento dunha taxa para os visitantes. Os que chegan ou os que pasan unha noite? Vicente Risco avisaba hai un século, por razóns ben distintas, da perversión que o turismo supoñía. Para o ourensán, a chegada de forasteiros alteraba o espírito enxebre das cidades.
Claro que non contaba coa cobiza: local ou foránea. O turismo que estamos a padecer (e, alerta, a exercer ás veces) está baseado nunha conxunción que, como nos casos dos inventos, non se dá porque si. A masificación turística non escapa a iso. Se queredes facer a proba, pensade cando comentamos a alguén o destino das nosas vacacións fóra da nosa contorna habitual: a un destino que non precisa explicación (París, Nova York, Praga, poñamos por caso) ou a repregunta: Ulo? Poño por caso, Brindisi ou Nardò, na Apulia, ou Tras os Montes. Se a opción é a segunda, ides pasar uns días marabillosos.
Na actual masificación do turismo danse diversas circunstancias que entre elas non son alleas: baixos prezos dos voos, pisos transformados en apartamentos sen observar as leis urbanísticas e fiscais (en Compostela xa non hai pisos para estudantes), e extensión das redes sociais. Quen se traslada da súa residencia habitual ten tres actitudes: a do viaxeiro (rara, porque implica dispoñer de tempo e de cartos), a do turista (que sabe onde vai e adoita estar aberto a coñecer) e a do «guiri».
Esta especie adoita comer calquera cousa (nomeadamente estándar) en calquera sitio e a calquera hora. Só viaxa a onde xa coñece e non para confrontar senón para facerse autofotos que demostren que estivo: a Torre Eiffel ou a Basílica de San Pedro non existen senón é coa súa presenza en primeiro plano. Ide a un punto crítico (a praza do Obradoiro, por exemplo) e estará invadido por eles pero, por seguir en Compostela, non os atoparedes en Belvís ou en San Domingos de Bonaval. Incluso se van, disque, abillados de peregrino.
Hoxe cómpre ir onde antes foron milleiros. Ou, se queren ir polo distinto, atender ao que din as redes sociais por boca e imaxe deses descubridores de lugares insólitos. Pasou coa Praia das Catedrais e coas baterías antiaéreas do outeiro do Carmel en Barcelona: sitios tranquilos, cando non esquecidos, que agora están invadidos e onde incluso hai desalmados que montan festas con cervexas incluídas.
Desde páxinas web antes respectables ou agora desde informacións privadas, temos que descubrir a vila máis bonita da Rioxa ou a paisaxe imprescindible da Ribeira Sacra. E como ovellas, alá imos a lugares que antes nin pensaramos que poderían existir. Como no caso da igrexa de Santa María, de Gumiel de Izán, na Ribera del Duero, alcumada «a Petra de Castela». Descoñecida durante séculos agás dos ribeiráns, a súa aparición en National Geographic motivou a visita de centos de persoas nas fins de semana, madrileños as máis delas. Algo que acontece asemade con edificios que agora son Patrimonio da Humanidade, como o Hospital de Sant Pau (Barcelona): os visitantes da Sagrada Familia reparaban nel e iso que está a cinco rúas. Ou agora, que a zona é crítica, os visitantes do templo de Gaudí non baixan 400 metros para visitar a praza de touros Monumental, de estilo modernista mudéxar.
Un pode entender o de colonizar as cidades para os foráneos se se tira un beneficio (incluso irregular, como son os supermercados de conveniencia ou os pisos turísticos ful). Pero facelo por uns simples «préstame»? Polo egoísmo de dicir fun o descubridor desa fervenza ou dese recuncho? Ao cabo, que sentido ten ir a un lugar solitario onde atoparemos ducias de familias e visitantes que procuran o mesmo ca nós? Pura paifocada.

O turismo «do máis» / fv
Tanatoturismo
Entre as modalidades de turismo non convencional está a visita a cemiterios. Expresamente ou como un punto máis de interese dunha localidade. A visita pode responder á condición monumental do camposanto, como serían os casos de Varano (Roma), Staglieno (Xénova) ou Prazeres (Lisboa); noutros casos, pola sepultura dalgún famoso ou que combinan as dúas condicións, como o do Père Lachaise (París).
Este verán pasado tivo lugar un fenómeno na liña do papanatismo social que nós invade: as excursións á aldea de Tor, na comarca catalá do Pallars Jussà. Visitas que respondían ao éxito da serie Tor, la muntanya maleïda, dirixida por Carles Porta, que emitiu 3Cat, a televisión pública catalá. En 2005 publicara Tor, tretze cases i tres morts a partir da súa experiencia cando cubriu o suceso en 1990: un monte de man común pasou a ter un único propietario, que meses despois apareceu morto con violencia. Entre os sospeitosos, un cacique local e un contrabandista, e entre as causas, o contrabando (Tor fai fronteira con Andorra) ou unha futura estación de esquí.
O éxito da serie moveu a visitas á aldea. Cando os propietarios quixeron pechar a pista forestal, houbo taxistas que ofertaron viaxes desde Andorra, onde a estrada a Tor está asfaltada.
Suscríbete para seguir leyendo
- Ryanair cambia de repente su norma de equipaje de mano: estas son las novedades
- Las clases se suspenderán en Galicia por alerta roja por temporal o naranja por nieve
- Hacienda lanza un aviso: queda prohibido seguir pagando en efectivo estas cantidades a partir de ahora, aunque sea fraccionado
- Más de 200 migrantes residen desde hace seis meses en Mondariz-Balneario: «Nos queremos quedar en Galicia»
- La Xunta activa la alerta naranja por temporal costero en toda Galicia y suspende la actividad deportiva federada
- Hallan armas y munición durante la desokupación de un edificio en Vigo en la que participó Dani Esteve y su empresa
- Alfonso Rueda responde a las quejas de Jorge Cadaval sobre las lluvias en Andalucía y su referencia a Galicia: «Es lo que hay»
- Parece Japón pero está en Galicia: el paraíso termal al aire libre que te trasportará al país asiático en una experiencia única