De novo O corpo de Cristo

A brillante BD de Bea Lema

Bea Lema, en 2018, na presentación da primeira versiónd a súa obra

Bea Lema, en 2018, na presentación da primeira versiónd a súa obra / Casteleiro / Roller Agencia

Raquel López

Certamente, O corpo de Cristo é unha novela gráfica que paga a pena revisitar e cuxa traxectoria convida a facelo. A historia comezou moito antes da súa publicación pero con ela, a súa autora, Bea Lema (A Coruña, 1985), entón unha novel en formato longo, gañou a XII edición dos Premios Castelao de Banda Deseñada de 2017; galardón ao que acompañou, como é habitual, unha edición da Deputación Provincial da Coruña en 2018. Esta primeira versión, de 96 páxinas en galego e en branco e negro, forneceu a Bea Lema dunha prestixiosa residencia artística bolseira na Maison des Auteurs, en Angulema, onde foi traballar nunha nova e definitiva versión da novela: algo máis extensa, 184 páxinas, a cor e coa sorprendente técnica dalgunhas páxinas traballadas en bordado e o bonus aínda dunha pequena historia autoconclusiva nas gardas.Esa foi a versión que publicou primeiramente a editorial Sarbacane, en francés e, en español, a editorial Astiberri.

O corpo de Cristo conforma, pois, a primeira novela gráfica de Bea Lema: unha obra de autoficción na que a autora nos conta a historia de Adela, unha muller galega que ten unha enfermidade e arrastra un estigma nunha sociedade franquista e católica. Adela padece unha enfermidade mental e Adela tamén é nai. A historia está narrada a través dos ollos da súa filla Vera quen. desde a resiliencia dunha infancia disfuncional e o amor, tenta comprender que está a pasar coa súa nai, que son verdadeiramente eses «demos» que a acosan e non lle permiten ser unha nai «normal».

Trátase dunha historia dura pero tamén tenra e luminosa. Ao fin e ao cabo, unha declaración de amor e unha mostra de como a empatía e mais a compaixón poden vencer á crueldade e a superstición. Unha aposta arriscada, pois, en contido pero tamén en forma. A novela está fiada en pequenas historietas dunha ou dúas páxinas como moito. Lembranzas narradas en composicións un tanto atípicas. Lema adoita prescindir das viñetas e opta por situar as secuencias no baleiro da páxina, alternándoas con imaxes evocadoras ou textos sinxelos. Ao longo desas mesmas páxinas altérnanse diferentes estilos de ilustración, incluíndo tamén escenas bordadas á man pola propia autora, un xesto de intimidade e unha reivindicación da memoria, xogando tanto cos materiais como coa propia fisicidade das páxinas (un exemplo de tantos é a composición a dobre páxina na que o personaxe de Adela expresa a súa sensación de estar atrapada utilizando as propias liñas da viñeta) para contextualizar e transmitir emocións. Algo moi ben recollido na edición de Astiberri, cunha reprodución o suficientemente boa para apreciar as texturas.

Desde aquel Premio Castelao, O Corpo de Cristo acumulou unha constelación, senón unha galaxia, de premios e recoñecementos: nomeada ao Premio ACDCómic á Autora Revelación, o Premio Miguel Gallardo do Salón do Cómic de Barcelona á Mellor autora emerxente e o Premio Artémisia 2024; gañadora dos Premio do Xurado no Festival BD de Périgord de Bassillac 2023, Premio do Público no Festival de Angulema de 2024 (estando nomeada noutras tres categorías: mellor obra, autora revelación e premio dos institutos), Premio Bédélys 2024 do Festival de Cómic de Montreal á Mellor obra estranxeira, o Gran Premio da Heroína Madame Figaro e, por suposto, o Premio Nacional de Cómic de España o pasado 2024.

Tras esa primeira edición en novembro de 2023, Astiberi xa alcanzou a quinta. A editorial vasca publica agora unha nova edición en galego, traducida nesta ocasión pola escritora Ledicia Costas (Vigo, 1979), gañadora tamén do Premio Nacional, en 2015, na categoría Literatura infntil e xuvenil. Ademais, Bea Lema está a traballar actualmente nunha adaptación animada da obra.

Contra a IA xerativa

Bea Lema forma parte do extenso grupo de autoras e autores de BD que se posicionan en contra do uso da intelixencia artificial xerativa no sector do cómic e a ilustración.

O pasado mes de xaneiro, o Colectivo de Autoras de Cómic AC publicou un comunicado no que mostraban o seu desacordo co uso da IA sen consentimento, transparencia nin control, no que non exista sequera un modelo «OPT-IN» (modelo que consiste no consentimento expreso das e dos autores de que se empregue o seu traballo para «extraer» información para as imaxes xenerativas). Tamén deixaban claro o seu desacordo da modificación da Lei de Propiedade Intelectual que permitiría o uso deste tipo de ferramentas baseadas no espolio do seu traballo.

Tras este comunicado, o Ministerio de Cultura retirou o Real Decreto IA e parece que se abriu un diálogo. Moitas das autoras e autores esixen que deveña real e onde os interlocutores non sexan a patronal editorial (grupo beneficiado polo abaratamento inxusto que supoñería o uso da IA, e que, poolo tanto, cae nun claro conflito de intereses) «co obxectivo de busca a mellor maneira de abordar os retos que representa a IA xerativa e protexer os dereitos dos creadores e as creadoras, a nivel nacional e europeo», como tamén se inclúe no mencionado comunicado.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents