Libros recomendados

Crítica literaria.

LIBROS - 1

LIBROS - 1

VV.AA.

Distopía feminista

Tempos de vinganza?

Pilar Ponte

A vida de dúas mulleres e un home transexual que loitan contracorrente nun mundo que as marcou desde o seu nacemento e non son quen de fuxir desa situación; esta é a trama principal da última novela de Antía Yáñez, O clan das Barbies, cuxas protagonistas coinciden nunha clínica de fertilidade coa única finalidade de poderen subsistir. De xeito distópico, nun futuro que non é tan improbable, coñecemos a vida de tres persoas moi distintas que, por distintas razóns, acoden á clínica de fertilidade Eva, aínda que todas coinciden no pouso de desesperación que levan pegado á súa pel.

An, un home trans que vive na rúa e tivo que sufrir a presión da nai chegando mesmo a esquecer a propia identidade. Carla, unha muller branca europea á que as necesidades económicas a obrigan a se prostituír (Lilly), cun pai que só a atendía unha vez ao ano e que só sabía querer a súa muller morta desde o nacemento da filla. E por último Alma, muller negra que recibiu abusos sexuais na infancia, que aínda que semella ter un entorno máis favorable para vivir mellor ca outras, carga cunha mochila familiar pesada como unha lousa. Tres grandes historias de personaxes que van estar unidas, sen sabéreno, por cadansúa boneca vella da infancia, unha Barbie.

A través do vello xoguete de plástico a autora expón de xeito maxistral a violencia estética. As Barbies sempre lles ensinaron ás nenas que poden ser o que queiran pero só se posúen un físico determinado. A boneca rota é, ademais, unha metáfora de como se senten por dentro como consecuencia de todo o que sufriron por seren mulleres. A través das vidas das protagonistas, adentrámonos na faceta máis cruel, desapiadada e egoísta do ser humano. Un ambiente asfixiante que reflicte miseria, violencia, abusos contra elas e agranda as diferenzas entre homes e mulleres, clases sociais e Norte e Sur (Alma forma parte da ondada de inmigrantes do Sur que son chamados para traballar para as persoas adiñeiradas).

A obra é un canto á sororidade nun mundo que perdeu a súa esencia. As protagonistas deciden que xa chegou a hora de actuar e defenderse e empezan a planificar unha vinganza perigosa e arriscada. A trama vaise volvendo cada vez máis turbia, emocionante, trepidante.

Escrita con sensibilidade, mestría e empatía, expón de forma intelixente a vivencia de millóns de mulleres que nos fai emocionar e mesmo asustarnos pola posibilidade de que esa situación que se narra estea próxima.

  • O CLAN DAS BARBIES (2024))

    Antía Yáñez, Vigo, Xerais, PVP. 17,57€


Nun mundo perturbador

Goticismo e exploración psicolóxica

Estro Montaña

Vernon Lee (1856-1935) foi unha escritora nacida en Francia, de pais británicos, que durante a infancia e parte da xuventude viaxou por Europa e que pasou despois gran parte da súa vida en Italia. Escritora precoz, feminista, melómana, de vasta cultura e amiga de polemizar, cultivou o ensaio –para analizar a arte e a música italianas–, a novela e o libro de viaxes. Pero o máis interesante da súa obra son os relatos de fantasmas e sobrenaturais.

Desta muller «tan estraña e intelixente como perigosa» publica Aira editorial Unha voz malévola, título que agrupa sete relatos, entre os que destacan «Amor duro», o que dá título ao libro, «Dionea e o Príncipe Alberico» e a «Muller Serpe». Neles a autora, que amosa unha grande erudición, crea atmosferas inquietantes e macabras, combina elementos góticos cunha exploración psicolóxica dos personaxes e, ás veces, sorpréndenos cun final inesperado. A emoción, o suspense, o misterio aparecen nestes relatos dun xeito perturbador. Desde a primeira liña, a prosa detallada da autora envolve o lector nun mundo perturbador, que nos transporta lonxe da cotidianeidade e que cuestiona a nosa percepción da realidade.

Durante moito tempo, Vernon Lee quedou sepultada no esquecemento pero, desde hai corenta anos, numerosas voces feministas reivindicaron a súa figura. Certamente, merece destacarse a calidade da súa prosa e o interese que espertan os seus arrepiantes personaxes.

  • UNHA VOZ MALÉVOLA (2024)

    Vernon Lee (trad. G.Álvarez Martínez), Allariz, Aira, PVP. 19€


Imaxes do pasado

Con dominio da palabra

María Navarro

Calquera texto pode ser bo para homenaxear, calquera pensamento semella ser válido para suscitar emocións, calquera lembranza serve para que afloren imaxes do pasado que alivien unha pena, porque en termos de benestar individual e colectivo, a cultura cosntitúe un medio ideal para comunicarse superando as barreiras da desigualdade e capacitando ás persoas para favorecer a cohesión social e, para iso, faise imprescindible valorar o patrimonio como forma de aprender e evolucionar.

O texto que presenta Marcos Calveiro, Agora que vén a noite, supón unha mostra de que o pasado ten vixencia na actualidade e a frescura da mocidade casa ben coa experiencia dunha anciá. Resulta interesante ver como a rapaza protagonista, Uxía, percibe a subxectividade dos seus propios actos e, por extensión, constrúe a identidade social. Así, a partir dun suceso nada loable despréndese unha actuación que permite a aprendizaxe, baseada neste caso na lembranza.

O autor fai gala unha vez máis do seu dominio da palabra verquendo aos poucos información que combina con certa dose de emocións, algo de misterio e intriga para que o lectorado vaia dixerindo –e quizais– empatizando cos personaxes, xestos que lle proporcionarán e propiciarán reflexión e empatía.

No ano dedicado ás cantareiras teremos a oportunidade de coñecer e recoñecer o labor daquelas persoas que agarimando a cultura popular teñen permitido a xeracións presentes e futuras conectarse coas raíces e comprender a importancia do patrimonio cultural e este volume é unha boa mostra.

  • AGORA QUE VÉN A NOITE (2024)

    Marcos Calveiro, Vigo, Galaxia, PVP. 16,15€


Entre a fantasía e a ciencia ficción

Unha primeira obra máis que aceptable

Fabio Rivas

«Calor non protexe das desgrazas aos [sic] seus seres. O que protexe é a súa obra, ese gran mosaico formado por todos nós, desde a máis pequena das abellas até as árbores maxestosas que medran por riba dos tellados.»

Xa con anterioridade o Premio Illa Nova de Narrativa, convocado por Galaxia para autores e autoras de ata 35 anos, anticipou algunhas das que serían figuras relevantes da nosa literatura nos anos seguintes: falo, por suposto, do caso de Antía Yáñez, de Lara Dopazo ou de Sara Vila. Se cadra, co galardoado desta última convocatoria estamos sendo advertidos de que Adrián Pérez Bote (Vigo, 1992) se pode converter nun dos nomes da ciencia ficción en galego.

Baixo o ceo de xeo divídese en dúas partes que se entretecen capítulo a capítulo. A primeira delas —nun outro mundo, Forseti, os eledanos vense atacados polos escuros e é Minë, o protagonista, quen acolle o papel de heroe para salvar os seus— ten intres de xenialidade, como o emprego do galego de Asturias para diferenciarmos a fala de dous pobos estremeiros, separados entre montañas, ou o constante xogo metaliterario, mesmo para lle dar nome aos personaxes. En cambio, é coa segunda parte, cun corte futurista e unha sociedade que fixo das IA unha ferramenta para coñecer e explorar o Universo, cando as pezas van encaixando ata engarzar as dúas historias e formar un novo sentido, unha outra significación.

O autor consegue, sen perder a orixinalidade, formular unha trama de aventuras que cumpre case á perfección coa estrutura proposta por Campbell n’A viaxe do heroe, mais sempre co pouso dunha mensaxe ecolóxica, filosófica, moral e ética que non se molesta en agochar.

  • BAIXO O CEO DE XEO (2024)

    Adrían Pérez Bote, Vigo, Galaxia, PVP. 21,50€

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents