Emocións,reflexións e arte

As memorias gravadas de Xan Leira

Emocións,
reflexións e arte

Emocións, reflexións e arte

A obra gráfica de Xan Leira, co título de 807/36 memorias gravadas, pódese contemplar no museo Museo do Gravado de Artes, Ribeira desde o pasado día 7 de febreiro, contando co comisariado de Xoán Pastor Rodríguez Santamaría, director do museo.

Nas imaxes: diferentes perspectivas da mostra de Xan Leira  no Museo do Gravado (Sta. Uxía de Ribeira).

Emocións, reflexións e arte

O autor, que ademais conta cunha ampla traxectoria como documentalista, mostra, partindo do sufrimento dos seus avós, toda a dureza da represión franquista en Galicia: asasinatos, cárcere, orfandade, fame, tortura, exilio; mais tamén a dignidade das vítimas e a súa resistencia. Presenta un proxecto que nos interpela a todos, que nos liga coa emoción e coa reflexión, entendendo a arte como un compromiso, mais non só coa verdade senón tamén coa creación para facer máis efectiva a mensaxe.

Leira parte dunha ferida familiar para universalizar a dor, o compromiso, mais faino dunha maneira suxestiva unindo técnicas tradicionais da estampa coa colaxe e outras formas de dotar a obra dunha máis profunda expresividade, en que o material, o papel, non é o sinxelo soporte da expresión, senón que é maior expresión da dor, do maltrato e da resistencia, xa que malia as feridas segue a comunicar, a emocionar, a convencer. O papel emerxe, daquela, como parte fundamental da comunicación; convértese en arte, en testemuña, en compromiso.

O traballo de Xan Leira segue estratexias de produción artística que mesturan fotografía, gravado e instalación entendendo o conxunto como unha serie prácticas que posibilitan pór en cuestión os diferentes ámbitos de ligazón co espazo concreto, apostando pola análise do impacto de contextos sociais de intensa carga vivencial. Na súa obra a expresión do efecto das formas que indagan na memoria é froito dunha actitude reflexiva na cal o importante é patentizar a vontade de liberdade fronte á violencia do poder, diseccionando os seus mecanismos de opresión. Esta denuncia faise inserindo diferentes xogos de relación alterados con sentido crítico.

Neste sentido, a súa actitude conecta cun fluído ronsel de experiencias artísticas do pasado. Cómpre lembramos que a relación entre o feito social, a violencia e a arte é unha ligazón natural, como a que se establece en calquera outro ámbito da actividade humana, en que a realidade cargada de tensión é unha presenza constante, e, en certo sentido consubstancial.

Título: 807/36 memorias gravadas. Autor: Xan Leira. Comisario: Xoán Pastor Rodríguez. Local: Museo do Gravado Artes (Ribeira). Desde o 7 de febreiro

Unha obra cargada de sentido

É evidente que historicamente a memoria, no sentido de cargada de tensión social, foi «representada» e que esta «representación» implicaba unha asimilación e/ou unha xustificación da violencia. Desde as representacións prehistóricas da caza ou as imaxes de poder ligadas á guerra con escenas de violencia de vencedores e vencidos, a arte non fixo máis que transmitir o feito violento xa dixerido e asimilado como manifestación de poder, en certo sentido lexitimado ao ser representado.

Se a arte era, até o noso tempo, representación, a progresiva evolución da mesma vainos levar a un territorio distinto pasando da representación á obxectualización, en que a arte ten sentido per se. E este vai ser o novo territorio no que se abroche a preocupación pola memoria e a opresión na arte contemporánea.

Tendo en conta este punto de partida, as coordenadas en que sitúan as representacións na obra gráfica de Xan Leira optan por constatar e deixar testemuño do desequilibrio, a inestabilidade substancial da nosa condición, captando a inseguridade, a vulnerabilidade das persoas cando saímos do noso ámbito referencial. A súa obra é froito dunha actitude reflexiva na cal o importante é recuperar a memoria e patentizar e diseccionar os mecanismos de opresión do poder.

Toda esta percepción artística conforma unha paisaxe desacougante, mais ao tempo enormemente viva e creativa deixando ver as trampas e os engados que deita o poder, un xeito de comprender o noso presente que nos fornece unha bagaxe para enfrontármonos á realidade que nos toca vivir.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents