Entrevista | Cesáreo Sánchez Iglesias PRESIDENTE DA AELG
«A edición en galego non está precisamente nun bo momento»
Abordamos esta conversa co presidente da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega co tema de fondo da alarma social polo descenso no uso do galego rexistrado nos últimos informes, o 45 aniversario da creación da AELG e os 20 que cumpre Cesáreo á fronte desta asociación.

Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente de la AELG. / FDV
–Que me ten que dicir destas dúas décadas con Vde. á fronte da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega que, á súa vez, se fundou hai corenta e cinco anos.Calquera pasado foi peor ou mellor?
–Eu accedín á presidencia da AELG hai 20 anos, pero xa viña de formar parte de varias directivas da asociación desde que se fundara, no mosteiro de Poio, en 1980. Na altura de 2005 había un concepto, que aínda non deu desaparecido, de que os escritores non eramos digamos que profesionais, que só escribiamos as fins de semana, xa que economicamente a maioría de nós viviamos, e vivimos, doutras profesións. Felizmente, e polo que a asociación atingue, fomos conseguindo algúns logros que nos permitiron chegar ata aquí: temos unha estrutura asentada, facemos actividades diversas, 550 membros asociados, puxemos en marcha a nosa propia web…
–Como valora a situación actual da edición en galego?
–Non estamos nun bo momento, non.
–Por que?
–Súmanse varias causas. Por exemplo, nos tempos do goberno do bipartito na Xunta (2005-2009) chegaban a publicarse mais de dous mil libros ao ano en galego, e agora mesmo publícanse apenas mil. Aconteceu que se retiraron moitos cartos das subvecións á edición, e as editoras reduciron o seu tamaño, co cal truncouse o proceso de construír unha industria da edición que daquela se intentaba poñer en marcha. Co cal, o sistema editorial está na mesma situación que o idioma, cáseque en etapa de supervivencia. A iso hai que engadir os peches das edicións en galego de varios xornais porque, agás excepcións (como o FARO DA CULTURA) desapareceron os suplementos culturais que daban unha visibilidade social moi importante á obra escrita en galego. E a iso tamén se suma que, nos medios públicos galegos, nos da CRTVG, se suprimiron programas emblemáticos dedicados á cultura. Non, dende de logo; non estamos nun bo momento, pero non nos van derrotar a esperanza.
–Cunde a alarma entre a sociedade do país polo descenso no uso do galego por parte nomeadamente da xente nova. Cre que iso, a curto ou medio prazo, vai afectar ao nivel de produción editorial de libros en galego?
–Xa está repercutindo. Unha cousa vai á beira da outra, e iso que temos unha edición de calidade e un sistema literario forte que, como se pode comprobar polos premios acadados polos nosos autores fóra de Galicia, non ten nada que envexar a ningún outro sistema literario europeo. De maneira que o problema non estriba na creatividade dos autores nin na calidade das edicións, senón que está tamén en factores como os cartos que se achegan á edición ou o tempo que se dedica nas aulas ao ensino en galego.
–En comparación con Cataluña e o País Vasco, cal é a situación dos escritores e do panorama editorial en Galicia? Estamos peor ou mellor ca eles?
–Para a estrutura tan fráxil en que se está a converter a industria editorial de noso, na comparación cos creadores do País Vasco e Cataluña, dende logo non saímos perdendo. Nós somos un país moi culto, aínda que nos queiran facer crer o contrario, porque vimos dunha tradición milenaria e, malia que temos un idioma que está nunha situación difícil, estamos no nivel das tradicións que construíron as grandes linguas de Europa, e iso coido que xa está asumido e aceptado.
–Que se pode facer dende a escrita para promover o uso do galego na nosa vida cotiá?
–A base está no ensino, nos medios de comunicación, que son os que prestixian o idioma, e agora hai que sumarlle as plataformas dixitais. De todos os xeitos, esta situación de descenso no uso do galego poderíase reverter se a institución autonómica muda os criterios que ten aplicado nos últimos anos.
–E os escritores que poden facer?
–Os autores temos tamén que aportar da nosa parte e, nese sentido, a literatura infantil e xuvenil de noso, que é a que necesita o ensino, está aí e é de calidade.E, vaia, o futuro témolo diante, pero hai que construílo entre todos.
–Cada vez máis, acontece que os escritores galegos publican, simultaneamente os seus libros en galego e castelán. Se houbese un compromiso real co galego, non debería editarse primeiro en galego e, pasados un meses, en castelán?
–Si, pero esa é unha dinámica que está comezando a consolidarse, mais eu agardo que o necesario apoio das institucións galegas faga que mude esta dinámica. Tratáse de etapas concretas, porque na miña xeración sempre se publicaban os libros antes en galego que en calquera outro idioma.
–Como son as relacións actuais entre a asociación que Vde. dirixe e a Real Academia Galega?
–Son boas, cordiais, e de colaboración, sempre o foron. Ao longo de toda a existencia da AELG, nunca houbo tensións, aínda que hai que recoñecer que dende RAG tamén se ten evoluído positivamente durante estes últimos anos. Un sempre espera máis, claro, pero supoño que eles fan o que poden ou o que consideran que deben facer.
–E co Consello da Cultra Galega?
–Tamén mantemos unhas relacións moi boas e cordiais. Nestes momentos críticos hai que implicarse e actuar unidos para reverter a situación na que se atopa o noso idioma.
Suscríbete para seguir leyendo
- Ryanair cambia de repente su norma de equipaje de mano: estas son las novedades
- Las clases se suspenderán en Galicia por alerta roja por temporal o naranja por nieve
- Hacienda lanza un aviso: queda prohibido seguir pagando en efectivo estas cantidades a partir de ahora, aunque sea fraccionado
- Más de 200 migrantes residen desde hace seis meses en Mondariz-Balneario: «Nos queremos quedar en Galicia»
- La Xunta activa la alerta naranja por temporal costero en toda Galicia y suspende la actividad deportiva federada
- Hallan armas y munición durante la desokupación de un edificio en Vigo en la que participó Dani Esteve y su empresa
- Alfonso Rueda responde a las quejas de Jorge Cadaval sobre las lluvias en Andalucía y su referencia a Galicia: «Es lo que hay»
- Parece Japón pero está en Galicia: el paraíso termal al aire libre que te trasportará al país asiático en una experiencia única