Cámaras na Casa Branca

Os presidentes USA no cinema

Fotograma de «Lincoln» (Steven Spielberg, 2012).

Fotograma de «Lincoln» (Steven Spielberg, 2012). / ARQUIVO

Héctor Paz Otero

Permítanme utilizar a escena inicial de Cidadán Kane (Citizen Kane, Orson Welles, 1941) para ilustrar a atracción que suxire o espazo situado no cumio do poder dentro da arte cinematográfica. Estamos a falar dese travelling progresivo que se introduce no interior de Xanadú, a mansión de Charles Foster Kane, despois de facer caso omiso a un letreiro que vetaba a súa entrada. A cámara continúa o seu avance ata chegar a habitación onde o protagonista emite o último suspiro antes de perecer: «Rosebud». Tanto visual como conceptualmente, Orson Welles invita os espectadores a penetrar no ámbito íntimo dun dos homes máis poderosos do seu país, e estes semellan seren arrastrados pola forza feiticeira dese movemento de cámara; toda unha metáfora da forza de suxestión que posúe o poder. Ese afán do espectador por penetrar en recintos pechados onde se dilucidan asuntos de alto calado político pode ser equiparado co instinto voyeur. De feito, se visionamos o inicio de Psicose (Psycho, 1960), no que Alfred Hitchcock nos permite adentrarnos ao interior da habitación do hostal no que os personaxes principais manteñen unha relación adúltera, descubrimos como a proposta visual é moi semellante á formulada por Orson Welles para a citada secuencia de Cidadán Kane: travelling que avanza cara ese territorio selectivo. Dalgún xeito, esta analoxía podería explicar o significado da expresión «erótica do poder». Vista hoxe en día, a figura de Charles Foster Kane, o megalómano magnate da comunicación, pode ser interpretado como un trasunto do tecnomagnate Elon Musk.

O cine estadounidense sempre amosou querenza por retratar os seus presidentes na gran pantalla, a través de personaxes tanto ficticios como reais. Entre os directores máis comprometidos coas descricións fílmicas destas figuras atópase Oliver Stone, que xa no ano 1991 filmou JFK, un dos seus mellores traballos, onde analiza os puntos máis escuros sobre o asasinato de John F. Kennedy, desde unha perspectiva indagadora. Porén, para a posta en forma de Nixon (1995), utiliza unha formulación apegada ao psicoloxismo, coa intención de explorar os demos internos do único presidente de Estados Unidos que se viu forzado a presentar a súa dimisión. Por último, en W (2008), Stone achégase á personalidade de George W. Bush cunha mirada demasiado influenciada pola xenreira que este despertaba, o que deparou un ollar moito menos profundo que no caso de Nixon. O contexto de traxedia exerce de importante reclamo á hora de inclinarse pola representación dun presidente, tal e como acontece con Abraham Lincoln, vítima do primeiro magnicidio perpetrado en USA, e representado no cine en incontables ocasións, entre as cales destacan as versión de David W. Griffith no ano 1930, de John Ford en 1939, e máis recentemente a de Steven Spielberg cun espléndido Daniel Lay-Lewis. Coa exposición destes casos, podemos distinguir as tres fórmulas distintas de enfocar un filme baseado no protagonismo dun presidente real: a indagadora, no que ademais de JFK podemos incluír tamén a última película de Robert Redford, A conspiración (The conspirator, 2011), a psicoloxista e o biopic.

No que se refire ás longametraxes baseadas en personaxes de ficción que encarnan o máximo mandatario norteamericano, as variables multiplícanse e, así, atopamos varias posibilidades que van, desde a ciencia ficción (Mars Attacks), a parodia (Dr. Strangelove or How I learned to stop worryng and love the bomb), a acción (Air force one, Olympus Has Fallen), a comedia romántica (O presidente e Miss Wade), o cine de grandes desastres (Deep Impact) ou o drama (Primary colors).

Con máis ou menos acerto, con máis ou menos semellanza coa realidade, as diferentes representacións ficcionais dos presidentes quédanse en esbozos esquemáticos, máis interesados en escenificar o cargo político que a propia persoa.

O 23-F na pantalla

Hai poucas semanas DLO Producciones iniciou a rodaxe dunha serie para a plataforma Movistar da obra literaria Anatomía de un instante de Javier Cercas, unha sorte de ensaio narrativo que convertía en relato o golpe de estado fallido o 23F de 1981. O autor catalán compuxo un texto con factura de thriller a partir duna tripla focalización: a dos tres políticos que permaneceron nos seus escanos cando o tenente coronel Tejero irrompeu no hemiciclo dos deputados pegando tiros ao teito: Adolfo Suárez, Gutiérrez Mellado e Santiago Carrillo.

As rendas da transposición fílmica estarán nas mans do solvente director Alberto Rodríguez (Grupo 7, La isla mínima, Modelo 77) que, ademais, contará cun elenco actoral que de seu xa supón un atractivo reclamo: Álvaro Morte no papel de Suárez, Eduard Fernández como Carillo e Manolo Solo como Mellado.

Este proxecto recolle o testemuño do filme dirixido en 2011 por Chema de la Peña, 23F: La película, filme que motivou que por primeira vez se rodase dentro do Congreso do Deputados.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents