Entrevista | Xurxo Martínez González Doutor en Filoloxía galega e ensaísta
«Antolín Faraldo simboliza o inicio da loita polo autogoberno»
Con Querida Liberdade, Vida e Obra dun precursor do Rexurdimento. Antolín Faraldo (Alvarellos), o vigués Xurxo Martínez González acadou o Premio de Investigación Ramón Baltar Feijoo 2024

Xurxo Martínez González en Vigo. / Eli Regueira
–Antolín Faraldo é un deses persoeiros da historia de Galicia ao que se califica de «grandes esquecidos» do nacionalismo galego. Quizais vén ser esta a principal razón que o animou a escribir este libo?
–No Rexurdimento, tema central nos meus estudos, aparecíanme a miúdo referencias a Faraldo. A súa vida resultoume fascinante e á vez difusa, mestura de misterio e heroicidade. Nos textos entrevíase unha dimensión maior da coñecida nese intre. Tras a investigación publicada en Queridade Liberdade, concluín que Faraldo fora un xigante da patria, home de acción e ideas. A súa influencia nótase na xeración de Murguía e Rosalía.
–A que causas atribúe este esquecemento?
–É unha figura política e isto incomoda. Faraldo está nos alicerces dun proxecto que concibe Galiza como suxeito político con dereito á soberanía. Non era algo extravagante nin novo. A xeración previa a Faraldo, a da Francesada, vivira unha experiencia de liberdade política. A Xunta galega de 1808-10 exercía con plena independencia. Incluso envía unha embaixada a Inglaterra para asinar tratados internacionais. En que escola se fala disto? Pro coido que hai outra causa: Faraldo é persoa pouco frecuentada polo nacionalismo. Só Carral e Betanzos teñen actos cada ano na súa lembranza. El, que simbolizou o inicio da loita polo autogoberno, nin sequera ten unha humilde placa no Panteón de Galegos/as Ilustres, xusto onde todos os alí soterrados se confesaron debedores de Faraldo. Por último, a idea xeral de Galiza fórxase máis no aspecto cultural que no político, pero o autogoberno logrouse porque houbo mobilización política, non por certames literarios. A revolución de 1846 sucedeu con grande impacto social e, ás veces, teño a impresión de que se toma coma un capítulo de novela romántica.
–Murguía eloxiou a Faraldo pero, despois, menosprezouno. A que se debeu ese cambio de visión de Murguía, e doutros rexionalistas do Rexurdimento, ao respecto?
–Murguía é o seu púpilo: Faraldo deixoulle o temario preparado e el desenvolveuno. O cambio de visión débese á lectura tras a derrota do 46. Murguía pensaba que Faraldo se desentendera da revolución. Hoxe sabemos que nunca fixo tal. No libro relatamos todo ese período con novos datos reveladores. A súa derradeira aparición pública é en Madrid, nun acto a prol das familias galegas vítimas da gran fame de 1853. Fixo parte da comisión organizadora con republicanos, progresistas e provincialistas: Eduardo Chao, De la Sagra, Rúa Figueroa, Domingo Fontán…
–No libro inclúe Vde. varios textos de Faraldo. Que criterio aplicou para incorporalos?
–O cronolóxico, para observar a evolución do pensamento; o temático, para constatar o seu coñecemento en diversas cuestións (por exemplo, el detecta dous motores socioecomómicos de distinta velocidade en Galiza, a costa e mais o interior; ou a necesidade do desenvolvemento industrial para termos unha gran metrópole no estilo de Barcelona ou Lisboa); e o interese para a interpretación política de Galiza como nación, a partir dun concepto cívico: somos nación porque temos conciencia de ser tal, non porque existan castros ou se fale galego. A nación resulta ser unha expresión da vontade cívica. No libro tamén tratamos esta cuestión que ten xerado polémicas.
–Antolín Faraldo era un católico practicante. En que sentido influíu a súa relixiosidade nas suas teses política que, paradoxicamente,foron moi progresistas para aquela época?
–Moitos dos valores cristiáns son, no fondo, valores humanos. Antolín Faraldo edúcase neles e chéganlle pola relixión. Pero ten criterio e pensamento crítico. Axiña defende a separación Igrexa-Estado, a tolerancia relixiosa, as razóns da Reforma luterana... Esta lectura avanzada do catolicismo tamén chega aos tempos máis próximos mediante os curas obreiros (en Vigo hai casos), a Teoloxía da Liberación ou todos os relixiosos que foron formar parte das guerrillas.
–Faraldo tivo unha participación activa na Revolución levada a cabo en 1846. Non obstante, ata que punto o podemos considerar un dos ideólogos daquel levantamento?
–Foi alma e foi mente. Foino todo. Escribe o manifesto dun Goberno que se declara insubmiso a Madrid. O programa político deste Goberno encaixa co seu pensamento. Incluso intervén con opinión firme nas operacións do «Ejército Libertador de Galicia». Faraldo preparara o terreo político-ideolóxico, tanto dende a prensa como dende a militancia no Partido Progresista, onde sostén a liña republicana.A derrotade 1846 derivou en persecución e depuración de moitas persoas, como se le en actas municipais ou papeis do Goberno civil, que deviron no o maior exilio do XIX galego. Aproveito pra reclamar con urxencia un congreso sobre 1846. Abriríamos os ollos ante un capítulo excepcional.
–Ata que punto as revindicacións daquel iniciático nacionalismo galego formaban parte do programa dos revolucionarios?
–O manifesto do Goberno revolucionario dío claramente.: “Galicia, convertida en una verdadera colonia de la Corte”. Engado outra cita: “despertando el poderoso sentimiento de provincialismo”. Aquel Goberno, con Faraldo ao mando, ten clara a misión para co pobo galego. Non só en termos nacionais, senón tamén sociais, polas clases populares. Coido, daquela, que o seu pensamento é absolutamente adiantado.
Suscríbete para seguir leyendo
- Hacienda lanza un aviso: queda prohibido seguir pagando en efectivo estas cantidades a partir de ahora, aunque sea fraccionado
- Ryanair cambia de repente su norma de equipaje de mano: estas son las novedades
- Las clases se suspenderán en Galicia por alerta roja por temporal o naranja por nieve
- Más de 200 migrantes residen desde hace seis meses en Mondariz-Balneario: «Nos queremos quedar en Galicia»
- La Xunta activa la alerta naranja por temporal costero en toda Galicia y suspende la actividad deportiva federada
- Hallan armas y munición durante la desokupación de un edificio en Vigo en la que participó Dani Esteve y su empresa
- Alfonso Rueda responde a las quejas de Jorge Cadaval sobre las lluvias en Andalucía y su referencia a Galicia: «Es lo que hay»
- Parece Japón pero está en Galicia: el paraíso termal al aire libre que te trasportará al país asiático en una experiencia única