Sobre o mosaico de Panxón
A representación das temáticas humildes

El mosaico romano de Panxón luce en Madrid / Pedro Pascual
Desde finais do pasado mes de xaneiro pode contemplarse na casa do Concello de Nigrán o mosaico romano de Panxón, unha auténtica xoia do patrimonio galego recuperada no mercado da arte.
Lémbrese que a musivaria romana aparece en construcións de todo o Imperio Romano asociada a edificios urbanos notábeis e ás villae rurais ou costeiras. Son obras consumidas por unha clase alta, moi romanizada e, no caso galego, de época tardía (s. III- IV d. C.). Canto á nosa peza -dun metro cadrado e integrada nunha mesa feita no século XIX para deste xeito preservalo-, vén tratarse do único anaco que se conserva dun mosaico que, como sabemos con certeza, era moito maior. Este fragmento consérvase intacto e representa maxistralmente, mediante coloridas teselas de mármore, a fauna mariña, destacado un magnífico peixe de 67 cm -un muxo- e unha parella de ameixas, un tema singular nos achados galegos.
Estes motivos destacan sobre un fondo uniforme branco e negro e conforman un sinal discretamente elocuente do modo de vida romano, culto e sensíbel ao consumo de luxo. Cómpre lembrarmos que no período imperial as artes plásticas enlazan cos praceres da mesa, aspecto que podemos percibir ao compararmos o mosaico galego con outros, como, por exemplo o Mosaico con peixes e paxaros, procedente de Pompeia (século I da nosa era) que se conserva no Museo Arqueolóxico de Nápoles.

«Paxaros e aves» (Pompeia, s. I d.C.). / Arquivo
Como o muxo e as ameixas do mosaico de Panxón, os peixes, crustaceos e aves de Pompeia, conforman unha auténtica natuerza morta. No exemplo galego, o muxo semella vivo; en canto ós peixes –un deles unha robaliza– do mosaico pompeiano, aparecen xa en agonía, contrastando co crustaceo vermello e en diálogo cos patos que ocupan a parte inferior.
Estas representacións evocan as pinturas dos xenia –os presentes para os convidados– que ofrecían os donos das casas romanas aos hóspedes (Vitruvio, De architectura, VI, 7, 4) e os seus precedentes gregos. Tratábase de ritos de sociabilidade documentados polas fontes latinas usando a palabra grega xenia (hospitalidade). Sabemos que estes temas contaban con fervor público neste tempo e eran fonte dunha creatividade ligada ao cotián: como os chamados cadros de alimentos (obsonia) do pintor helenístico Pireico, artista ao que Plinio o Vello na Historia natural cualificaba de pintor de temas humildes (rhyparógraphos).
Viaxe de ida e volta
Tornando ao noso mosaico, lembremos que foi documentado polo miúdo nos anos 70 polo prestixioso arqueólogo Fernando Acuña Castroviejo, quen no seu artigo «De novo sobre o Mosaico de Panxón e outras novas sobre a Musivaria na Gallaecia» subliñaba a súa importancia e as súas vicisitudes. Grazas a manuscritos do século XIX entregados por Xosé María Álvarez Blázquez, tamén se sabe que a peza apareceu «en el sitio llamado el Castro» de Panxón, pertencendo primeiramente a «Dª Umbelina González Lavandeira, viuda del Sr. De Puga».
Os historiadores coinciden en que nesta zona existía unha importante villa no Baixo Imperio Romano, xa que tamén aparecereu unha ara votiva a Mercurio e ánforas e moedas. En principio, o fragmento de mosaico atopado era máis grande, porén, por mor da má conservación, foi perdendo fragmentos, razón argumentada polos donos para usalo para facer unha mesa. Contra finais do século XIX a mesa co mosaico pasa a formar parte da colección Blanco-Cicerón, onde seica se conserva durante todo o século XX. No ano 2000 aparece para unha poxa na Galería Castellana de Madrid, desaparecendo até o ano 2018, cando reaparece á venda no catálogo da casa Carlton Hobbs de Nova York e comeza unha súa epopea de regreso a casa que vén de rematar.
Este complexo percorrido lémbranos que a sorte deste mosaico exemplifica os problemas de conservación e a destrución do noso patrimonio xa que, a pesar das descubertas seren constantes, ao mesmo tempo outros, coñecidos por debuxos ou reproducións, acabaron perdidos. Nesta ocasión só podemos celebrar o feliz regreso desta auténtica xoia patrimonial.
Suscríbete para seguir leyendo
- Hacienda lanza un aviso: queda prohibido seguir pagando en efectivo estas cantidades a partir de ahora, aunque sea fraccionado
- Ryanair cambia de repente su norma de equipaje de mano: estas son las novedades
- Las clases se suspenderán en Galicia por alerta roja por temporal o naranja por nieve
- Más de 200 migrantes residen desde hace seis meses en Mondariz-Balneario: «Nos queremos quedar en Galicia»
- La Xunta activa la alerta naranja por temporal costero en toda Galicia y suspende la actividad deportiva federada
- Hallan armas y munición durante la desokupación de un edificio en Vigo en la que participó Dani Esteve y su empresa
- Alfonso Rueda responde a las quejas de Jorge Cadaval sobre las lluvias en Andalucía y su referencia a Galicia: «Es lo que hay»
- Parece Japón pero está en Galicia: el paraíso termal al aire libre que te trasportará al país asiático en una experiencia única