Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Onde escoitar música en directo? Percorrido polas salas de concertos de Vigo

Vigo, a través das salas de concertos

O trío Zalom Grass durante unha actuación en La Fábrica de Chocolate.

O trío Zalom Grass durante unha actuación en La Fábrica de Chocolate. / Arquivo

Judith R. Iglesias

«A cultura é comunicación, compartir, estar cara a cara», sinala Raquel de Vicente, co-propietaria da Galería Jazz, en Vigo. Este espazo, dedicado á música en directo, exposicións e mesmo recitais poéticos, conta con máis de vinte anos como fogar de artistas. E non é o único. Entre as empedradas rúas do centro urbano, atopamos algunhas das salas de concertos con máis vida. Escenarios da efervescencia cultural e testemuñas do latexar continuo da música. Son unha «parada obrigada» no circuíto español e, para moitos, un dos primeiros pasos baixo os focos.

«Vetusta Morla, Russian Red, Zahara... son artistas en clave nacional que viñeron aquí como bandas emerxentes, sen expectativas de seren estrelas», comenta Marcos Vázquez, músico e produtor executivo na Fábrica de Chocolate, local que no mes de maio festexa os seus vinte anos. «Eran como unha promesa que, ao final, se consolidou». Así, o grupo indie e garage The Rapants (Muros, 2018) «deu un dos seus primeiros concertos na sala e a vinculación mantense ata o 2025: todos os anos veñen tocar».

A escena musical viguesa foi cambiando ao longo do tempo. «Desde que abrimos, aproximadamente no 2000, pasaron moitas cousas», explica Raquel, que rexenta o lugar xunto á súa irmá, Esther. «Naquel momento había escolas de música preto e xente con ganas de facer cousas. Cos anos, chegou a lei antitabaco, a crise económica posterior e logo a pandemia». Porén, enxerga «unha explosión de xente con proxectos que desexaba sacar á luz e que o está a facer». Son habituais do jazz os vigueses Mignight Sound, Iago Marta ou Gabriel Saíto. «Despois de vinte anos facendo de todo (jazz, blues, canción de autor...) confeso que o jazz...agarroume ben», conclúe Raquel.

Marcos Vázquez, tamén presidente de Clubtura (Asociación Galega de Salas de Música), asegura que «a escena musical de Vigo leva anos tendo moito éxito, pero a normativa non sempre estivo á altura das expectativas». Lembra, ademais, a perda de La Iguana, como sala de música en directo (o local mantén a súa actividade con DJs e lecer nocturno): «Perdeuse algo que era moi valioso para a cidade». Pola súa banda, David Gil, xerente de El Contrabajo, pensa que o interese por descubrir grupos emerxentes decaeu. «Non hai a cultura musical que había antes. Veñen bandas de fóra, con moito potencial. Pero como a xente non as coñece, non vai velas».

Este local da rúa Venezuela leva activo desde o 2006 e pasou por varias mans antes de chegar ás de David. Entre as súas recomendacións musicais, atópanse Eskravos, grupo vigués de punk-rock; Capital Voskov, «que se parece moito a Arde Bogotá, pero cantan en galego»; Martes Mal, de Pontevedra; e as coruñesas, Leria. «Esta banda de raparigas estivo aquí, sendo finalista dos Premios Martín Códax, e veu moi pouca xente. Elas teñen o necesario para estaren en todos os festivais e, de momento, estarán no FIV de Vilalba», comenta o xerente.

«O problema das bandas emerxentes é que aínda non as coñece unha mínima masa crítica para encher a sala», reflexiona Vázquez. «Creo que todos os grupos son conscientes do complicado que é agora mesmo sacar un proxecto musical», engade Pablo Iglesias, produtor e responsable doutros dous epicentros da música viguesa: a Sala Radar, que cumpre dez anos en 2025, e Mondo Club. Con todo, considera que «Vigo é unha potencia na industria musical». O apoio ás salas de concertos convértese así nunha cuestión fundamental; e convén diferenciar, nas súas palabras, «a cultura do entretemento».

O papel que desempeñan estes espazos culturais, e outros como A Casa de Arriba, a sala Rebullón ou a Kominsky, é importante para o impulso das novas propostas creativas. Vigo está en movemento e, mentres que o silencio se fai eco entre as rúas empedradas, a música resoa case cada noite na cidade.

Unha premisa de futuro

Que acontece no panorama musical? «As propostas valen máis se teñen verdade», asegura Marcos Vázquez, que ve «un toque de autenticidade» nos últimos hype da música. Como afirma Pablo Iglesias, da sala Radar e Mondo Club, «as novas xeracións entran nun estilo máis urbano». Agora ben, Vázquez lémbranos o directo de Ca7riel & Paco Amoroso, dúo de trap experimental, hip hop e electrónica, que conta «con dez músicos enriba do escenario».

O mesmo fixo C. Tangana na súa última xira, que «levaba un <em>show </em>moi visual no que metía toda unha orquestra, unha banda en directo. Iso dálle veracidade». Estamos perante unha volta á música doutra época? «Cada vez que un artista deste estilo crece, empeza a parecerse a unha banda de rock típica», conclúe. «Dáselle máis valor ao coñecemento instrumental que parecía terse perdido na era de Internet».

Mentres tanto, na sala Radar teñen unha «programación moi ecléctica», asegura Pablo. «Nun principio, custounos que o público entendese as propostas alternativas, pero agora cada vez funcionan máis». Desde Marrocos ata un estilo étnico xaponés, «veñen de todas as partes, con perspectivas moi diferentes». É unha forma de descubrir novas propostas. Iso si, sempre co interese de apoiar especialmente os artistas locais.

Tracking Pixel Contents