Libros recomendados da semana

Os libros do Faro da Cultura.

Os libros do Faro da Cultura. / FdV

VV.AA.

Para «Fóra de xogo»

Etiquetas arriscadas

Iago Fernández

A aventura comeza cando Tina e Xeró, dous preadolescentes, van de excursión cos pais de Tina á Illa dos ratos, onde atopan un lote de armas nun agocho e experimentan os primeiros indicios de vida sexual. O imaxinario lembra ao das novelas infantoxuvenís de Mark Twain, pero Tina e Xeró tamén se presenta coma unha Bildungsroman ou novela de formación, xa que a aventura supón a transición de Xeró, o narrador protagonista, dende a preadolescencia até a adolescencia: ao espertar sexual súmaselle a emerxencia do mundo adulto e as complicacións sociais. Lamentablemente, ademais das descricións da Illa dos Ratos e das navegacións en dorna, non atopo moitos elementos para vincular a novela con referentes particulares da literatura adulta nin para xustificala nunha colección orientada a un público adulto.

O principal obstáculo para valorala dende outras coordenadas está no narrador. Deixando de banda algunha que outra acumulación de tópicos, fai demasidas correlacións obvias ou inocentes para públicos de certa idade. Por exemplo, cando a nai lle prohibe traballar na taberna dos pais de Tina, marcha á cama e conta que: «esa noite estivo chea de pesadelos [...] Tina embarcaba na dorna e arredábase da costa deixándome a min na praia. Eu chamábaa con toda a forza dos meus pulmóns, máis era en balde». Ao mesmo tempo, o seu entendemento do mundo non sempre se distingue do de Xeró-protagonista, é dicir, do dun preadolescente; coma se o proceso de maduración persoal que conleva a aventura nunca se producise ou, mellor dito, nunca marcase o seu discurso. Emociónase con cousas banais, escandalízase cos peitos da nai de Tina e, sobre todo, non acostuma procesar as complexidades sociais que se lle poñen por diante. Se, digamos, un adulto amosa fondos prexuízos de clase, o habitual é que pase olimpicamente ou compoña unha reflexión lixeira.

Dá a impresión de que o autor vén situar a complexidade da novela por riba da mentalidade do narrador ou, dito doutro xeito, que procura construír unha novela para adultos empregando un narrador apropiado para unha novela xuvenil. Non obstante, un desaxuste deste tipo non implica que esteamos ante unha mala novela, senón ante unha novela equívoca ou, dende o punto de vista editorial, pouco aproveitada. De feito, se alguén a podase convincentemente, rendería moito mellor dende unha colección coma «Fóra de xogo».

Imagen

Tina e Xeró

Autor: Pedro P. Riobó

Editorial: Xerais

PVP.: 18,52 €

Nº de páxinas: 216


Poesía da devastación

Entre o testemuño e a denuncia

Oriana Méndez

Medos Romero erixe en As flores do baleiro un canto funerario colectivo, unha elexía que transita entre o testemuño e a denuncia. A obra afonda nas pegadas da pandemia, ampliando ademais o foco cara á barbarie global, tendendo unha liña de continuidade con Palestina. Tece, pois, un diálogo entre dúas realidades afastadas no espazo mais unidas pola mecánica do horror: a soidade dos corpos enfrontados ao exterminio, o medo que todo o envolve coma «unha espesura moura» ou «boca dunha pantasma que espertou».

A estrutura do poemario, sen divisións explícitas agás na súa parte final dedicada a Palestina, reforza a sensación de fluír continuo, de memoria entrecortada por imaxes que volven unha e outra vez para amosar a vulnerabilidade extrema do ser humano. Os versos de Medos Romero evocan a impotencia dos sanitarios, o desacougo existencial ante a fin de todas as cousas, a crueza dos exilios forzados, o pánico que se pronuncia invisible e feroz. Retrincos da devastación que conforman unha mesma paisaxe espida e universal. A súa linguaxe, descarnada e non obstante lírica, desenvolve algunhas imaxes de grande impacto: «a peste ten ás / dunha bolboreta letal».

Son estes poemas concibidos a partir da observación minuciosa e da evocación de pequenos xestos: unha man pousada nun corpo moribundo, a procura inútil dun nome entre os mortos, a fraxilidade dun alento que se apaga. O conxunto non se limita a relatar o sufrimento, senón que procura fixar no verso aquilo que a historia tende a esquecer. Ocorre así unha forma de resistencia: na voz poética habita a memoria dos que marcharon e tamén a certeza de que, malia todo, algún remol segue aceso no poder da palabra.

Imagen

As flores do baleiro

Autor: Medos Romero

Editorial: Galaxia

PVP.: 14 €

Nº de páxinas: 104


Un estoupido familiar e social

Drama, humor, crítica e noir

Fabio Rivas

Nos últimos anos xa non causan sorpresa as novas que mencionan a Alberto Ramos (Santiago de Compostela, 1986) como gañador dalgún certame literario, tanto no eido teatral —por exemplo o Rafael Dieste ou o Abrente— como no narrativo. En cousa de tres anos mereceu en dúas ocasións o Premio de Narrativa Breve Repsol, e por mor deste último galardón, no 2024 que vimos de pechar, xorde Pirotecnia, unha novela que a priori podemos denominar polifónica.

A obra conta os momentos previos e posteriores á explosión dunha pirotecnia familiar, QuiGarSA, na que falece boa parte do cadro de persoal, unha morea de xente da vila acaba ferida e os estragos materiais son incalculables. Logo do estoupido todo son prantos e compaixón polos familiares dos mortos, mais a medida que van saíndo á luz a morea de segredos e irregularidades que agocha a empresa, axiña o pobo os trata de asasinos. Estas descubertas, ben dosificadas na atinada estrutura que Ramos propón, chégannos a través dunha ducia de voces —velaí a polifonía—, pero en realidade as máis delas acaban por falar dun único personaxe: Nuria, a filla do propietario da pirotécnica e viúva despois da catástrofe, convértese no eixe que move toda a novela e, sen ser moi consciente do motivo, na diana da veciñanza e no centro da investigación policial.

Imagen

Pirotecnia

Autor: Alberto Ramos

Editorial: Galaxia

PVP.: 16,10 €


Amicitia e cultura ao cubo

De escritas e da beleza

Laura Caveiro

Falar do Ateneo Atlántico de Vigo é falar de numerosas iniciativas. E, por que non recoñelo publicamente, tamén é falar do fío que nos guía cara á beleza.

A iniciativa que comentamos é a edición, non venal do propio Ateneo, de textos do certame literario Exeria (2021-2024), reunidos trala portada de Luís Otero. O limiar da presidenta Luísa Abad agradece as colaboracións neste proxecto, e aclara: «Parécenos que o premio Exeria do Ateneo Atlántico de Vigo e a Fundación Xoán Piñeiro está en proceso de consolidación, e este libro é boa proba do traballo que se vén realizando».

Que imos ler? Bo e variado. Prólogo de Silvia Penas, e por orde cronolóxica, do 2021, «Vigo, agasallando ledicia visual» de Azucena Arias, gañadora en poesía e «O tabú» de Adela Pintado, finalista; «Dúas mozas» de Nones Araújo, gañadora de relato e «Dous vellos con boina negra» de Andreia Costas, finalista; do 2022, «Meditacións» de Alfredo Naz, relato gañador e «Nocturno de Vigo» de Alberte Momán, finalista; do 2023, «Lugar fermoso» de Lois Alcayde, relato gañador e «Nó de mariñeiro» de Pablo Nogueira, finalista; do 2024, «O derradeiro alento do boi» de Fran Fernández Davila, relato gañador e «Unha aldea de luz» de Soledad García Riveiro, finalista.

Só resta dar moitos parabéns polos devanditos textos. A súa publicación procura guiarnos cara á beleza. Acádao.

Imagen

Exeria (2021-2024)

Autor: Varios Autores

Editorial: Ateneo Atlántico

PVP.: N/V

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents