From Ground Zero: Stories from Gaza
As 22 voces silenciadas polos Óscars 2025

Un momento da rodaxe de «From Ground Zero. Stories from Gaza». / Arquivo
Avelina R. Gil
Nun dos seus artigos para Cahiers du Cinema Jacques Rivette preguntábase pola forma «ética» de filmar o horror, de abordar desde o cinematográfico a vida daqueles que sofren unha violencia indicíbel. O pasado 23 de xaneiro a Academía das Artes e das Ciencias Cinematográficas decidía deixar fóra de concurso o documentario From Ground Zero: Stories From Gaza por dúas razóns, mais ningunha delas era ética.
Alentados pola mesma pulsión que levou a Rivette a escribir aquel famoso texto, De l'abjection, sentímonos na obriga de nomear a todas as directoras e directores que participaron neste proxecto, resumindo no posíbel as vinte e dúas historias recusadas polos Óscars.
En Fóra do marco a artista visual Nidaa Abu Hasna regresa ao seu estudio na procura dalgunha das obras de arte que un día insuflaron vida a aquelas paredes. Mortas agora. Da súa parte, o cineasta Kaarem Satoum opta polo humor en O ceo do inferno para nos contar a aventura dun mozo que rouba un saco mortuorio para durmir quente até que chegue o día de o usar. Bashar Al-Balbeisi adéntrase no cinema experimental coa súa proposta Encanto. Nela unha bailarina tenta comunicarse a través da danza cos espíritos dos seus compañeiros asasinados. En Despertar Mahdi Karirah usa monicreques para narrar o acontecido a un pai que perdeu a memoria nunha explosión do ano 2014 para a recuperar noutra do 2024. Aws Al-Banna regresa ao seu bairro en Jad e Natalie para descubrir que entre as súas ruínas xace o cadáver da que ía ser a súa muller. Hana Eleiwa e os seus amigos arremeten de xeito festivo en Non contra a violencia que dinamita soños e desexos.En Todo ben Nidal Damo segue os accidentados pasos, no medio da guerra, dun comediante que tenta ducharse antes do seu espectáculo. No documentario 24 horas de Alaa Damo un home chamado Mosab relata como foi rescatado até tres veces no mesmo día de entre os cascallos provocados polas bombas. Selfies supón para a súa directora, Reema Mamoud, un berro de socorro, unha mensaxe escrita nunha botella, lanzada ao océano da incerteza.
Muhammad Alshareef opta en Sen noticias polo axiomático plano contraplano para narrar a desesperada conversa entre dous irmáns, un dos cales se se atopa baixo montes de cascallos. Pel doce de Khamees Masharawi é unha pequena xoia que combina a stop motion coa gravación de entrevistas a nenos que, de xeito absolutamente natural, explican a razón pola que as mulleres de Gaza escriben sempre os nomes dos pequechos na súa pel. En Flash Back Islam Al Zarei, unha moza que sobreviviu á destrución da súa casa, revélanos os motivos polos que sempre vai cunha mochila e uns auriculares. Fragmentos de Basil Al-Maqousi configúrase como a xustaposición de vídeo, fotografía e pintura co work in progress do autor.
A novelista Mustafá Al-Nabih detalla -a modo de ensaio- en Ofrenda o sentimento que lle producen o seu desterro e o colapso da súa civilización. O travelling de Día de colexio de Ahmed Al-Danaf segue os pasos dun meniño até que chega ao lugar onde antes se alzaba a súa escola e agora tan só fica a tumba do seu mestre. Farah e Meryam de Wissam Moussa conta a vida da miúda Farah despois de asistir ao asasinato da familia da súa amiga, Meryam.
Na experimental proposta de Ala’a Ayob, Sobrecargada, unha moza reflexiona sobre o seu sentimento de culpabilidade por non ter salvado os libros da última explosión. O profesor de Tamer Najm detalla a odisea dun docente ao longo dun día para conseguir algo tan básico como a agua, a comida ou cargar o seu móbil. En Reciclaxe de Rabab Khamees observamos todas as estratexias dunha familia de refuxiados para sacar o máximo proveito dun balde de auga.
En fin, Mustafá Kallab contrapón, en Eco, a escena dun home que contempla pacificamente o solpor co audio en que escoitamos os berros dunha familia fuxindo dos bombardeos.
Que fermoso é vivir!
Taxi Waneesa de E´temad Weshah articúlase a modo de híbrido entre relato e documento histórico, conmovedor nun principio, mais profunda e tristemente desacougante cara ao final. A súa configuración remítenos por momentos á obra de Robert Bresson, Au hasard Balthasar. A historia, que comezou sendo a dun burriño que percorre os desvastados camiños de Gaza tirando dun taxi para sustento da familia coa que sempre viviu, verase interrompida, mutilada pola súbita presenza da realidade: o asasinato de toda a familia da directora durante un ataque mentres filmaban.
Ahmad Hassuna dedicou a totalidade da súa enerxía e da súa difícil vida en reflexionar sobre o cinema, sobre o consabido tópico de que unha imaxe vale máis que mil palabras, sobre o impacto do fotograma sobre a retina.
Non obstante, a súa última produción, Descúlpame, cinema!, constata todo o contrario: o cinema é inútil mentres sexa algo abstracto e teña que deixar a cámara a un lado para correr e salvar así a vida, «mentres non fique outra solución que queimar unha claqueta de madeira para facer fogo e manter quente a familia».
Suscríbete para seguir leyendo
- Hacienda lanza un aviso: queda prohibido seguir pagando en efectivo estas cantidades a partir de ahora, aunque sea fraccionado
- Ryanair cambia de repente su norma de equipaje de mano: estas son las novedades
- Las clases se suspenderán en Galicia por alerta roja por temporal o naranja por nieve
- Más de 200 migrantes residen desde hace seis meses en Mondariz-Balneario: «Nos queremos quedar en Galicia»
- La Xunta activa la alerta naranja por temporal costero en toda Galicia y suspende la actividad deportiva federada
- Hallan armas y munición durante la desokupación de un edificio en Vigo en la que participó Dani Esteve y su empresa
- Alfonso Rueda responde a las quejas de Jorge Cadaval sobre las lluvias en Andalucía y su referencia a Galicia: «Es lo que hay»
- Parece Japón pero está en Galicia: el paraíso termal al aire libre que te trasportará al país asiático en una experiencia única