Música

Con profundidade e sen coller atallos

Deleiba: «Ao revés do mundo»

A contrafío e coherentes: desde Muros, o grupo Deleiba.

A contrafío e coherentes: desde Muros, o grupo Deleiba. / Arquivo

V. Neira

Hai uns días, chegounos o novo traballo discográfico da banda muradana de rock Deleiba. Co título de Ao revés do mundo, achégannos dez novas cancións producidas por Iago Pico nos Pouland Studios, nun exercicio de aposta por un rock de produción extraordinariamente coidada e sonoridades de moita profundidade guitarreira e riqueza melódica.

Ir na dirección contraria de por onde van case que todos os proxectos que medianamente funcionan no mundo da música galega, aparece na xénese do traballo como o concepto básico no que esta colección de cancións parece sustentarse. Un traballo no que unha alta carga social saca todo o seu músculo mais tamén exercitando un sempre valente, e moi valorable, exercicio de saber mirarse espido diante do espello e observar ben adentro nunha procura introspectiva que acompaña decote moitos dos cortes deste novo traballo. Voltan así os Deleiba despois daquel Erguerse de hai catro anos e poñendo enriba da mesa moito do aprendido nese longo camiño que as bandas máis sólidas adoitan atravesar e aprender subindo e baixando de moitos escenarios, despois de infinitas horas de furgoneta e mancheas incontables de cabichas apagadas en rebosantes cinseiros de afumeantes e ruidosos locais de ensaio.

Ao revés do mundo pide varias escoitas para ir deixándote atrapar por unhas melodías que non buscan o atallo doado e rápido para pegárseche á orella e presentanse como dez cancións que, se ben funcionan perfectamente no seu despece, é no seu conxunto, e fiadas, onde acadan en cohesión a súa fortaleza máis grande e valorable, poñendo de manifesto o importante que, case sempre, é escoitar un disco do tirón e con atención para deixarte roubar a alma un anaco e gozalo como se merece. Cóntannos eles que o título do álbum xorde de xeito premonitorio ante os inminentes cambios na industria musical, e na sociedade, o que lles provoca a sensación de non perteneceren a este mundo, sentindo a necesidade de marcar a diferensa nesta realidade individualista na que a libre elección é un espellismo sobre os cimentos do consumismo e no que a música está pasando a ser un produto prefabricado e desalmado que acaba por resumirse nun simple algoritmo, escenario este que os empurra a facer algo xenuíno e diferencial co que tecer redes ao seu redor, seren eles mesmos e gañaren o seu espazo como banda.

Con cancións da talla de «Da mesma suor», nun canto a esperanza, a amizade e ao amor verdadeiro ou a emotiva, sincera, sanadora e a nosa preferida «Erguerse» entre outras pezas como «Destruídos» ou «Caerán» cunha forte crítica social, imos debullando esta nova entrega do grupo co convencemento de que o camiño máis rápido non ten por que ser o mellor e que aquí toda esa bagaxe de anos atrás do grupo e dos propios compoñentes do proxecto en bandas anteriores encaixa como nunca e funciona coma as certeiras engranaxes dun reloxo suízo.

Coidada edición física

O disco xa está en todas as plataformas para que poidas escoitalo cando queiras e tamén moitas das cancións gozan dun traballo audiovisual que podes atopar pendurado polas plataformas de vídeo e tamén temos unha versión física cunha edición coidadísima e deseñada polo artista gráfico, e tamén músico Miguel Duarte, nun coidado formato digipack. Germán (voz), Denís (Guitarra), Mauro (batería), Alberto (guitarra) e Jesús (baixo) preséntannos así este novo traballo de Deleiba, que estamos seguros que gozaredes ben no seu rexistro sonoro mais tamén de que en directo será ben recomendable escoitalos, levando este Ao revés do mundo a un corpo a corpo en salas e festivais do país nunha xira que comezará en marzo o día 7 en Compostela e o venres 14 na Coruña.

Os compoñentes de Terbutalina.

Os compoñentes de Terbutalina. / Arquivo

Terbutalina

Terbutalina acaban de comunicar nas súas redes sociais un parón indefinido despois de quince anos de traxectoria. Fixeron, ademais, o anuncio acompañado da publicación dunha canción co título de «Bicos», adicada a todo ese público que os seguiu e que bailou, e pogueou, con eles nalgún dos moitísimos concertos que nos deixaron. E así é que «Bicos» soa a Terbutalina pura, enérxica, orgánica, rockeira aínda que cargada dese certo sentimentalismo tristeiro propio dunha despedida nada agardada e nada celebrada por un público galego ao que namoraron por completo.

Eles fixéronnos crer en todo ese atractivo que teñen as propostas que son únicas e tremendamente orixinais: guitarras, baixo e batería e unha voz cunha lírica tan propia que se fixo patrimonio do noso rock a golpe de cancións tan inesquecibles como «Filloa», «Compostela» «Antonte vinte» ou «Sudar sangre», por dicir algunhas das moitas que quedan no imaxinario rockeiro popular deste país. Canallas, cañeiros, enxebres, directos e sen ningún prexuízo a mostrarse tan auténticos e creíbles que conquistaron aló por onde pasaron, así foron Terbutalina, que non é pouco. Agardemos que o parón sexa para coller forzas e voltar nun tempo a subir a uns escenarios onde os imos botar moito de menos.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents