Entrevista

«Non se pode presentar a Castelao como un autonomista de hoxe»

Pilar García Negro.

Pilar García Negro. / Xurxo Lobato

Vén de saír do prelo Arredor de Castelao no século XXI (Laiovento): unha actualización de Arredor de Castelao, publicada hai 25 anos por Pilar García Negro, sociolingüista, experta en literatura galega e exdeputada do BNG no Parlamento de Galicia.

Arredor... publicouse por vez primeira con motivo do 50º aniversario da morte de Castelao. Vinte e cinco anos despois, que balance fai da divulgación da figura do rianxeiro no que levamos do século XXI?

–Hai unha constatación primeira (que atingue a públicos escolares, universitarios, e incluso de público en xeral) que é a da enorme e agradábel reposta cando calquera destes públicos accede á obra de Castelao, tanto á artística e literaria como á referente á aportación doutrinaria ao nacionalismo dunha personalidade tan destacada e fecunda, sen dúbida a de maior relevancia que temos como pobo galego. Dito isto, eu o que boto de menos, entre otras cousas, é que no haxa exposicións permanentes da súa obra artística nin do seu legado.

–No acto de apertura deste 75º aniversario, definíuse a Castelao como unha figura de consenso.Vén ser realmente así?

–Con Castelao podes coincidir ou non, poden gustarche as súas ideas políticas ou non. O que non se pode facer, como se ten feito, é menosprezar o seu traballo e aportacións políticas nin, por outra banda, o que fan certos sectores, que o desprezaron e combateron toda a vida, e que agora pretenden apropiarse del.

–Ou sexa, que non é unha figura de consenso.

–Consenso é unha palabra baleira se non lle colocas o complemento indirecto. Consenso para que? Porque se é para dicir que todo está ben, que foi debidamente enterrado en 1984 e que non hai debate co uso que fan aqueles que manexan a súa figura para aproveitarse dela, entón iso non é consenso.

–E non pode habelo?

–Consenso si, pero sobre bases certas: que non falsifiquen o que Castelao foi, e moito menos o que deixou escrito en Sempre en Galiza.

–No seu libro dedica un amplo espazo á temática das mulleres na obra de Castelao. Poderiámolo definir tamén como feminista, entón, ou, se acaso, na liña máis vangardista do feminismo da súa época?

–Castelao chegou ser alcumado de antilibertario, de antivitalista e mesmo de antifeminista. Eu non recurro neste caso ao adxectivo femininista, o que si me gustaría destacar é que, documentalmente, hai probas dabondo de que na súa obra se detecta un interese maiúsculo, sobresaínte, por reflectir a visibilidade e mais a existencia das mulleres e, mais aló diso, da dignidade das mulleres das clases populares.

Imagen

Arredor de Castelao no século XXI

Autor: Pilar García Negro

Editorial: Laiovento

PVP.: 19,95 €

Nº de páginas: 210

–Tamén dedica un dos capítulos do seu libro á súa única obra de teatro Por que lle dá tanta importancia a esta obra e que é o que Os vellos non deben de namorarse mostra?

–Porque el agarimou esa obra como unha especie de filliña pródiga que o acompañou toda a súa vida. Deslumbrado durante a súa estancia en París polo teatro de vangarda daquela época, Castelao quixo adaptalo a unha obra de teatro galega para construír entre nós o teatro total; é dicir, contando coa música,coa danza, co xogo de carautas e , como non, coa intervención de elementos impresionistas e oníricos, símbolos daquela modernidade. De maneira que Os vellos non deben de namorarse é uha obra moi rica pero, ao meu xuízo, moi mal interpretada en ocasións porque se fixo dela unha valoración moralista (a de que os vellos non deben emparellar coas rapazas) cando, ao meu criterio, o básico aquí é preguntarse quen teñen a capacidade de mercar o favor sexual e mais o amor. É dicir, que os homes son os que teñen a capacidade económica mentres elas son rapazas populares, e polo tanto pobres. Non podemos, entón, esquecer a posición socioeconómica deles e a delas porque non hai igualdade. Castelao o que fixo foi, fundamentalmente, unha crítica moi dura á fidalguía galega, á que acusa directamenete de «ir de caza sexual».

«As diferentes facetas da súa obra son inseparábeis as unhas das outras»

–Hai quen opina que o seu labor político «escureceu» a súa traxetoria cultural, e hai quen pensa que poderiamos estar diante dunha grande figura das artes e das letras galegas se non fose porque se concentrou tanto na política. Cal coida Vde. que á interpretación máis axeitada da figura de Castelao?

–Esas cousas forman parte do que che comentaba antes, desa campaña de disgregación da súa obra. Daquela, tal e como el mesmo afirmou repetidamente, as súas facetas son inseparábeis as unhas das outras. A súa arte e o seu pensamento son inseparábeis da súa actividade politíca, e el díxoo moi claramente, e engadiu, ademais, que todo iso está ao servizo dunha causa, a da representación, dignificación e reivindicación da defensa dos dereitos políticos do pobo galego. Eis o que non debe ser ocultado nin falsificado porque iso sería mutilar a Castelao.

–Ata que punto está hoxe vixente o pensamento político do rianxeiro?

–Nas cuestions centrais fica plenamente vixente. Por non estenderme, citarei tres que continúan a ser expedientes abertos que aínda hoxe forman parte do noso día a día político: a necesidade de autorrecoñecérmonos identitariamente entre nós; a reinvindicación da paz mundial con base na existencia e permanencia de todos os pobos da humanidade e o requerimento dunha reforma da estruturación do Estado, co recoñecemento da soberanía compartida entre as nacions que o constitúen. Hai que lembrar que Castelao sempre considerou o Estatuto de Autonomía de 1936 como un punto de partida, non como un espazo de chegada. Polo tanto,quen queira facer de Castelao un autonomista de hoxe, está a cometer fraude.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents