Libros

Libros recomendados da semana

Libros recomendados da semana.

Libros recomendados da semana. / FdV

VV.AA.

A vida mesma

Memoria familiar, memoria colectiva

Pilar Ponte

Once anos despois, e da man de Galaxia, retorna onde nós Faneca Brava, de Manuel Portas. E retorna, mantendo toda súa vixencia.

O narrador da historia, omnisciente, preséntanos a prima Concha Pereira, unha rapaza singular, branco de todas as críticas que se tecen na aldea, que encarna o mal por antonomasia, culpable sempre de todo o mal que poida acontecer na redonda en terras de Compostela, Arousa ou mesmo Barcelona na segunda metade do século XX. Considerada a ovella negra do seu entorno familiar, a protagonista é unha rapaza á que lle tocou vivir unha infancia moi dura en pleno franquismo e ten que padecer todos os problemas daquel tempo polo feito de ser muller e ser rebelde. Concha é unha das moitas fanecas bravas que podemos atopar ao noso redor, mulleres que para sobrevivir teñen que picar e esa picada proe de forma tan intensa que os seus efectos se alongan no tempo. E así asistimos á crueldade de que a familia chega a querer facer desaparecer a súa figura, porque o silencio, especialmente nese entorno íntimo, é unha maneira impune de matar.

A aparición dun primo que procura a verdade será o motor da novela. A voz narradora inicial, que mediada a novela se converte en personaxe, encargarase de lle dar verosimilitude a unha historia coas doses xustas de intriga e suspense.

Serán o tratamento da figura desta muller e a presenza constante de moitas personaxes femininas os elementos que axudan a encadrar a historia nun momento histórico que non é afín e no que debe loitar contra a violencia, a mentira ou a traizón constantes. O escritor foxe dos clixés e afástase de presentar un papel feminino infantil ou inocente ou que chegue a transmitir visións patriarcais deseñando personaxes perfectamente individualizadas que son quen de describir as relacións persoais con sensibilidade e con elementos que sosteñen habelenciosamente a historia ao longo das páxinas presididas por esa Concha que se vai engrandecendo.

Nesta, como noutras das súas obras de realismo social, sentimos que se fala de nós ou de calquera das persoas que coñecemos e chéganos o convite a mirar no interior das nosas familias na procura dalgunha Concha invisibilizada polo silencio familiar colectivo porque o que conta é como a vida mesma.

Imagen

Faneca brava

Autor: Manuel Portas

Editorial: Galaxia

PVP.: 21,50 €

Nº de páginas: 244


Un camafeo

Isto é todo, amigos

Iago Fernández

As primeiras frases d’As despedidas reescriben o comezo dunha nouvelle icónica do s XX, O estranxeiro, de Albert Camus: «O avó morreu hoxe. Ou quizáis foi onte». Enlaza, pois, cun dos últimos elos dunha tradición que arrinca no Canto XXIV da Iliada, o funeral de Héitor, e culmina no sexto episodio do Ulises de James Joyce, o de Paddy Dignam. A nouvelle de Camus, situada ao carón destes referentes, inaugura unha sensibilidade con respecto á morte que vén marcada pola atonía e o absurdo e reacciona á indixestión das Guerras Mundiais e a iso que Günther Anders denominara «a obsolescencia do home».

Da narración de Santomé, poderíase dicir que anota un cambio de terzo nesta relación do suxeito coa morte. De primeiras, a atonía e o absurdo propios d’O estranxeiro contrastan vivamente coa ironía que escuda á narradora d´As despedidas das brutalidades do pasamento: «o avó seguirá encollido coma un caganer» (12) / «Terán que partirlle as pernas para endereitalo» (13). A partir deste escudamento, a narradora elabora unha crónica morosa e trivial do velorio e o enterro que non deixa de lembrar á A morte do pai, de Knausgärd, fito contemporáneos desta tradición fúnebre. O máis relevante, con todo, é que, mediante a interposición de lembranzas e reflexións, tamén aproveita as xornadas rituais para repasar os seus vínculos coa contorna doméstica e familiar; é dicir, para narrarse e entenderse. Segundo o último ensaio de López Mondéjar, Sin relato, este feito sinala a superación dunha das dificultades propias do noso século: a de dicir algo coherente de nós mesmos sen nos desmembrar por adiantado.

Nin atonía e absurdo nin escudo e ironía: o vínculo da homenaxe.

Imagen

As despedidas

Autor: Cecilia F. Santomé

Editorial: Xerais

PVP.: 17,95 €

Nº de páginas: 136


Versos sen atallos

Descaro e visceralidade

Oriana Méndez

O primeiro poemario de Neves Rodríguez, Cuspindo miserias, preséntase como un exercicio de descaro lírico e visceralidade emocional. Rodríguez explora a dor, o desexo e o baleiro contemporáneo, facendo uso dunha linguaxe crúa e dunha actitude provocadora. Entre a irreverencia e a autoafirmación, a autora xoga coa palabra para exorcizar miserias cotiás e existenciais. Detrás dunha sinxeleza deliberada, os poemas revelan a intención de incomodar e de romper coas expectativas do lectorado, alternando rexistros que van desde o sarcasmo, con ecos de O Leo, ata unha vulnerabilidade espida; aínda que por veces semella que a intención vence sobre o efecto. A aposta pola espontaneidade, de feito, pode resultar excesivamente evidente ou pouco traballada, deixando unha sensación de déjà vu e falta de fondura nalgúns textos. Nunha estela indefinida entre o realismo suxo e os xogos lingüísticos característicos da era dixital, a forza do conxunto reside máis nas enérxicas chiscadelas de humor e de rebeldía que na sutileza, sofisticación ou lucidez da construción poética: «Eu só quero Min / eu só quero Me / eu só quero Comigo.»

Cuspindo miserias pode ser un libro divisorio: quen valore certa forma de franqueza sen filtros atopará nel un berro de liberdade; quen procure múltiples estratos de significado e certo poder cognitivo ou estético pode sentir unha pouca desafección.

Imagen

Cuspindo miserias

Autor: Neves Rodríguez

Editorial: Galaxia

PVP.: 14,50 €

Nº de páginas: 128


Revisitar Rompente

Unha expresión única

María Navarro

Hai máis de catro décadas o Grupo Rompente publicaba A dama que fala, un volume que incluía materiais xa autoeditados e que agora a editorial Elvira volve poñer en circulación ampliado con textos orixinais que veñen amosar a actualidade dos postulados vangardistas que daquela supuxeron unha actitude de rebeldía ante a creación literaria e que tivo a súa repercusión/aceptación entre lectores, ouvintes e espectadores porque se algo caracteriza ao colectivo é o concepto integral de tal creación que levou os seus membros a presentar diferentes espectáculos poéticos en espazos como centros de ensino e festivais de música.

Nesta coidada edición, que inclúe un apéndice documental no que se poden visualizar imaxes, cartelería, textos e notas de prensa daquel tempo e dos que podemos gozar como «arquivos da dama», o lectorado poderá recuncar na poesía experimental que ten na espontaneidade un aliado perfecto que se traduce na ausencia de ritmo, de rima, de pausas, de regras, de normas, de convencións ortográficas, lóxicas e ata temáticas desenvolvidas nunha época de cambio ou cambios moi rechamantes e que, salvadas as distancias, manteñen unha abraiante vixencia na actualidade.

O amor, o desamor, o desexo, a angustia, a obsesión, o cotián, o pasado, o presente, a dúbida, a natureza, as máquinas, a irreverencia, o desacato teñen cabida nos textos que desdebuxan os xéneros literarios facendo de cada verso, de cada cláusula, de cada verba, de cada frase, de cada parágrafo unha expresión única.

Imagen

A dama que fala

Autor: Grupo Rompente (Menchu Lamas / Ramón Patiño, ils.)

Editorial: Elvira

PVP.: 18 €

Nº de páginas: 66

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents