Literatura insólita

Letras voadoras

...Volverán as escuras anduriñas

Alfred Hitchcock e mais os paxaros.

Alfred Hitchcock e mais os paxaros. / Arquivo

Armando Requeixo

A presenza das aves na literatura universal remóntase ata as orixes mesmas desta. É lóxico que así sexa, pois os paxaros conviviron de sempre cos humanos, que viron neles proxectados moitos dos seus soños, anhelos, temores e adoracións. Sen ir máis lonxe, no antigo Exipto as aves simbolizaban frecuentemente as almas humanas, na mitoloxía grecolatina os deuses tiñan paxaros como atributos e incluso no cristianismo inicial a pomba tivo un relevo simbólico fulcral, o que explica que dende aquela ata hoxe os seres aviares sexan decote representación da espiritualidade e tamén do pensamento e da imaxinación.

Os relatos nos que asenta a cultura occidental están abondosamente inzados de paxaros. Non cómpre máis que lembrar a Ícaro e Dédalo, á Ave Fénix ou, por non eternizarnos nos exemplos, a comedia As aves de Aristófanes, que a comezos do século V antes de Cristo tiña como protagonistas dous vellos, unha choia e unha gralla que andan na procura de Tereo, o rei que se transformou en bubela.

Como as mostras de letras voadoras poderían multiplicarse exponencialmente (dende as fábulas de todas as culturas ata o Libro das mil e unha noites, as mitoloxías de toda parte e a propia Biblia, as Metamorfoses de Ovidio, a Divina Comedia de Dante, o teatro de Shakespeare ou os inacabables versos que lle dedicaron os románticos ingleses) conformareime con amentar apenas uns cantos casos ben coñecidos das literaturas da contorna.Asi, na escrita en lingua inglesa poida que un dos máis icónicos paxaros sexa o protagonista do poema «O corvo» (1845) de Edgar Allan Poe, símbolo da morte e da perdición que penden sobre o pobre infeliz ao que a ave moura lle repite «nunca máis» para agonialo facéndolle comprender que nada lle ha de devolver a súa amada morta, Leonora. E ben famosa tamén é a xenerosa ave de «O reiseñor e a rosa», o relato que Oscar Wilde incluíu no volume O príncipe feliz e outros contos (1888), onde un reiseñor sacrifica a vida para que naza unha rosa vermella coa que un estudante namorado poida cortexar a súa amada que, porén, acaba por rexeitalo, o que fai que o discente descrea para sempre do amor.

Letrasvoadoras

Oscar Wilde. / Arquivo

Natureza ben diferente presenta o relato «Os paxaros» da grande escritora británica Daphne du Maurier, unha terrible historia inserida no libro de contos A maceira (1952) que se fixo mundialmente famosa grazas á versión cinematográfica que, co mesmo título de Os paxaros, estreou Alfred Hitchcock en 1962. Na cinta, que trasladaba a esencia da narración de terror psicolóxico que escribira Du Maurier, un peón de campo, a súa familia e toda a comunidade dunha localidade de Cornualles sofre un estarrecedor ataque de inacabables bandadas de paxaros asasinos.

Literatura en castelán

Tamén a literatura en lingua castelá naceu coas aves da man. E velaí como na escrita medieval salientan as garzas do Libro de Bo Amor (s. XIV) do Arcipreste de Hita (onde a beleza de dona Endrina se revela no seu colo de garza); as andoriñas sobre as que conta nese mesmo século Don Juan Manuel en O conde Lucanor (lémbrese o exemplo sexto: «Do que aconteceu á andoriña coas outras aves cando viu sementar o liño»); ou o falcón co que comeza a celebérrima A Celestina (1499) de Fernando de Rojas (recórdese que Calisto coñece a Melibea xusto cando entra nun xardín no que esta ela, pois el chega alí tratando de recuperar un falcón que lle escapou).

Alfred Hitchcock  e mais os paxaros.  De arriba abaixo: G.A. Bécquer; Luz Pozo Garza; Oscar Wilde.  |  FOTOS:  ARQUIVO

Gustavo Adolfo Bécquer. / FdV

E se os paxaros medievais casteláns destacaban, poderiamos seguir pola mesma coas églogas aladas de Garcilaso ou a Ave Fénix que cantaba Quevedo. Mais, por non facer prolixa a enumeración, rematarei con outro clásico entre os clásicos: Gustavo Adolfo Bécquer, quen en 1868 escribiu un «Libro das anduriñas», xermolo do que despois os seus editores póstumos rotularían como Rimas, un conxunto dunha setentena longa de poemas nos que moito aparecen estes e outros paxaros porque, xa se sabe, volverán as escuras andoriñas...

Un canto secular

Na literatura galega tamén poderiamos anotar numerosos textos nos que os paxaros teñen unha relevancia principal, dende os versos dos tres grandes do Rexurdimento (cantos paxariños hai en Rosalía!, tamén en Curros e, que dicir dos feros corvos de Pondal!) ata O paxaro na boca (1952) co que iniciaba a súa andaina poética Luz Pozo Garza ou A frauta e o garamelo (1959) que habitaban o xirín, a rula, o xílgaro ou o ouriolo, un libro co que tamén velaba algunha das primeiras armas Antón Avilés de Taramancos, por poñer só dous exemplos significados.

Letrasvoadoras

Letras voadoras

Agora ben, coido que en xustiza debe recoñecérselle a primacía orixinaria da escrita aviaria nas nosas letras a Alfonso X, quen nas Cantigas de Santa María (s. XIII) versificou unha lenda que se asocia con Santo Ero de Armenteira na celebérrima cantiga CIII, onde Deus concede a un monxe do seu mosteiro saber o que tanto anhelaba: como sería o Paraíso. E faino a través dun milagre: un día o relixioso queda cativado ao oír cantar un merlo nunha árbore dunha fraga próxima e fica a escoitalo. Acontece que, mentres o frade pensa que estivo oíndo o paxaro apenas un anaco, en realidade transcorren tres séculos, co conseguinte abraio das xentes que o reciben á volta do paseo polo bosque.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents