«O Mercador de Venecia» entre nós

Escenas dunha comedia tráxica

Representación  da obra  pola Royal  Shakespeare Company (2015).

Representación da obra pola Royal Shakespeare Company (2015). / FDV

Manuel F. Vieites

O texto que presentamos, debido a William Shakespeare, publicado por Laiovento, con limiar e tradución de Miguel Pérez Romero, destaca pola súa complexidade semántica, pois as temáticas que recrea son diversas e dunha actualidade considerable. Un dos primeiros feitos que sorprenden é o título, pois o tal mercador ocupa, en aparencia, un lugar non sempre central no desenvolvemento da trama. No seu eixo aboia un grupo de mozos, cabaleiros venecianos, que viven a existencia cunha marcada despreocupación, deixando que os problemas nos que se ven implicados, ou que provocan no seu irresponsable trouleo, se vaian resolvendo por man allea, sen apenas reparar nas consecuencias dos seus actos. Así é como Basanio, Graciano, Salerio, Solanio e Lourenzo, ven os días pasar, sen outro quefacer que a festa, a rexouba e os namoros. Vaise construíndo así un retrato moi desapiadado da nobreza veneciana, que ten un singular contraste na conduta de Antonio, un mercador con varios barcos no mar, que levan e traen mercadorías, co perigo de que unha tormenta ou unha mala manobra afundan unha fortuna sempre precaria. A primeira escena no primeiro acto incide nesa contraposición, e serve para perfilar ese fato de personaxes principais que actúan a modo de coro.

O mercador de  Venecia entre nós

Os nenos perseguindo a Shylock. / FDV

Contan os especialistas que nalgún momento o título da peza era outro, O xudeu de Venecia, destacando así a peripecia de Shylock, pois unha outra obra, de Christopher Marlowe, tiña como protagonista un semita: O xudeu de Malta. Razóns de máis para xerar un debate sobre o antisemitismo suposto da peza, se ben Shakespeare, con independencia de cal fose a súa posición, non fai outra cousa que recrear os estereotipos presentes na sociedade da época, e a visión que de xudeus, ou árabes, tiña a maioría inmensa da poboación na illa de Inglaterra, pois tamén podemos reparar no retrato do Príncipe de Marrocos, pretendente de Porcia, a namorada de Basiano.

Shylock é un personaxe fundamental, ao igual que Antonio, pero é un obxecto que os demais van construíndo con todos os estereotipos posibles, sexa co da usura ou ao ser considerado infiel, por non seguir a suposta «fe verdadeira». Por iso nalgún momento lle pide a Antonio: «prégovolo, non me difamedes». Cómpre ter presente que un dos primeiros guetos do que se ten noticia en Europa enteira foi creado en Venecia para recluír alí a poboación xudía, e a propia palabra que designa o tal espazo semella proceder da lingua véneta. Na escena primeira do acto terceiro Shylock expón as súas razóns e deixa no aire unha pregunta en aquel momento relevante: que ocorre cando un cristián ofende un xudeu? A conduta de Shylock está determinada por prexuízos culturais e relixiosos que negan a alteridade, e queda por resolver unha das preguntas esenciais na peza: por que demandar unha libra de carne como pagamento e non bens e propiedades?

Na resolución do conflito podería haber unha intención paródica toda vez que Porcia e Nerisa, disfrazadas de letrados, se presentan diante do Tribunal do Serenísimo Dux, que debe dirimir sobre o incumprimento de Antonio, e non só impiden que Shylock vexa atendida a súa demanda, senón que acaba sendo privado dos seus bens, e peor aínda, obrigado a converterse á fe supostamente verdadeira. Os beneficiarios non son outros que Lourenzo e a filla de Shylock, Iésica, que algunhas xornadas antes abandonara o fogar paterno logo de apropiarse de xoias e diñeiros para fuxir co seu amado, un mozo sen máis proveito que argallar cholas. Se non cabe afirmar que a conduta da nobreza veneciana fose exemplar (velaí o xogo dos cofres do pai de Porcia), tampouco se pode conformar unha opinión positiva da xustiza da república, toda vez que o calote que argallan Porcia e Nerisa pasa desapercibido e acaba sendo ratificado. Por iso a comedia se torna tráxica, diante de tanta podremia.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents