Libros recomendados

Crítica literaria

LIBROS - 1

LIBROS - 1

VV.AA.

O crisol

Dende Samos ata Mérida

Iago Fernández

En febreiro do 2024 ocupeime de Ao sur da liberdade, primeiro volume desta saga que propón a reconstrución dun imaxinario nacional a partir do relato novelado da vida de Muhammad ibn Marwan Al-Galiqí, señor hispanomusulmán tamén coñecido como «o galego». A segunda entrega reanuda a historia de Marwán e confirma os fundamentos da saga: a riqueza lingüística, o formato e os usos da novela decimonónica e o acompañamento de ilustracións, índices e glosarios. As novidades con respecto a Ao sur da liberdade espúxoas moi claramente a escritora Moncha Fuentes na presentación do libro que tivo lugar na EMAO de Vigo o novembro pasado. Limítome a estendelas.

O principal escenario da saga é a Mérida do primeiro terzo do s. IX, unha de cuxas peculiaridades é o crisol de cultos, linguas e etnias que anima a vida espiritual, social e política intramuros. Ao contrario do que cabería esperar, esta Mérida non recorda tanto á vella Emérita Augusta como ao París das novelas de Balzac no que os personaxes aprenden a administrar correctamente o capital (social, cultural, económico) para se propulsar nas xerarquías do mundo civil: Marwán, coma un mozo de provincias recén aterrado no París do s. XIX, muda progresivamente de profesión, relixión e mesmo de esposa ata acadar o cumio da administración emeritense. Ao igual que eses mozos de provincia ou parvenús, non fai más ca xogar con máscaras: «eu son galego, e son amazig e fun xudeu e son ismailita. E son todo iso por xunto». O único punto de referencia identitaria co que se sente comprometido máis aló de toda circunstancia é o natal: «Son galego. Nacín cristián e logo fíxenme xudeu, pero son galego. Meu pai era de preto de Samos».

En último lugar, como xa non é tempo de valorar a calidade artesanal de case nada, prefiro sinalar unha desas cuestións que superan á razón literaria e, a fin de contas, indican con certa ecuanimidade o valor real dun produto estético. Se falamos da saga de Costas, estas cuestións resultan obvias e collen nunha pregunta: como é posible que unha novela tan anacrónica -que segue as pautas decimonónicas e aspira á reconstrución dun imaxinario nacional- sexa sostible no segundo cuarto do século XXI? Un ensaio de reposta podería comezar con que a coherencia discursiva e ideolóxica de Costas encaixa todos os elementos da novela nunha sólida peza que, dignamente...

  • BANÚ MARWÁN: A ESTIRPE DO GALEGO (2024)

    Xosé-Henrique Costas, Cangas, Morgante, PVP. 18,05€


O poder da comunidade

Áxil e coloquial

María Navarro

O poder da comunidade maniféstase en As pedras verdes dunha forma singular, este relato gañador do XVII Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil convocado pola Deputación da Coruña e que vén de publicar Edicións Xerais de Galicia, presenta ao lectorado mozo unha narración na que as personaxes manifestan un forte sentido de conexión e pertenza o que contribúe ao seu benestar emocional e un desexo de transmitir valores e cultura que fortalece a identidade cultural dun pobo.

Na contorna do río Amazonas viven unhas tribos cuxos membros tentan preservar o seu modo de vida; as icamiabas, os baniwa ou os uapés dirixen os seus esforzos a cumprir o que se agarda deles preparando e preocupándose polos mozos e mozas que serán o futuro dos seus pobos, por iso, non dubidan en aunar esforzos para que os seus desexos sexan unha realidade.

Nunha prosa áxil, con concesión á coloquialidade Rafael Fernández Lozano artella un texto que, combinando realidade, ficción e emocións, atrapará a atención de quen perciba a historia como unha forma de coñecemento e entretemento que evoca unha cultura, a indíxena, como subsidiaria dos anhelos daqueles que, considerándose civilizados, non dubidan en esquilmar recursos en aras dun falso apoio á poboación autóctona e que pon en entredito actuacións totalmente deprezábeis, por iso este texto constituúe unha denuncia fantástica na que non falta nin trama, nin aventuras, nin risco.

  • AS PEDRAS VERDES (2024)

    F. Fernández Lorenzo (Ils. Tamara Baz), Vigo, Xerais, PVP. 13,95€


Feliz revelación poética

Con inusitada forza

Héitor Mera

Ás veces xorde con forza inusitada un poeta que, por comezar a súa andaina, provoca en nós unha sensación e marabillamento excepcional. Esa forza poético-magmática tráenola desde Celanova Alexandre Corbillón quen, co seu segundo poemario ha dar moito que falar.

O prólogo do seu paisano X.L. Méndez Ferrín ofrece pistas. A temperá idade de Corbillón non é obstáculo para ser quen de escribir con inmensa forza lírica e calmado entramado formal. Dende Islandia –como o cangueiro Elías Portela–, Corbillón déixase enfeitizar polas paisaxes e por toda a evocación e proposta filosófica que tal vivencia lle facilita. Poemario extenso con sete partes perfectamente ideadas e estruturadas nas que se divisan as forzas contrapostas dos accidentes xeográficos e os sentimentos que extrae da súa observación. Poemario que, a medida que un o vai lendo, amosa algo especial: velaí o ton interno que atrapa e reafirma que se trata dunha poesía doutra calidade. Que envolve e fai descubrir o lírico, esas imaxes, paisaxes e música pertencentes á boa literatura.

Gústame, máis alá da inspiración e acerto na proposta xeral, o compoñedor poético que hai en Corbillón. Este poemario é un exemplo de como os recursos estilísticos e formais están para algo. Sabelos empregar, tamén. Anáforas, paralelismo, quiasmos, o ritmo... Non creo que sexa a obra dun autor novo ao que se lle albiscan posibilidades de cara ao futuro aínda que non estean concretadas nun cento por cento. Pola contra, Alexandre Corbillón é unha realidade para a nosa poesía aos seus vinte anos e da que me alegro moito dar coñecemento desde estas páxinas.

Para rematar, insisto na necesidade de ter en conta este autor. Conseguiunos sorprender con estes inicios. O desafío a partir de agora é que se manteña nese nivel de calidade e esixencia. Que manteña esa curiosidade xunto á capacidade evocadora que fan de O segredo do trasno un dos poemarios revelación do 2024.

  • O SEGREDO DO TRASNO (2024)

    Alexandre Corbillón, Allariz, Aira, PVP. 18€


Para os que pensen diferente

Compromiso, natureza, vida

Lucía Seoane

«A liberdade sempre foi e é a liberdade para aqueles que pensen diferente». Desde logo, a frase –fermosa e contundente– ben pode definir a vida e mais obra da autora da mesma. En efecto, Rosa Luxemburg (1871-1919) non só vén ser unha das figuras máis destacadas do marxismo e do antimilitarismo, inequívoco referente na loita poscolonial e feminista senón aínda un exemplo de valor -moral e físico-, integridade e independencia. Todo un espello onde contemplarnos.

Entre 1916-1918, e estando encarcerada en Posen e Breslavia, Rosa escribiulle unha serie de cartas á súa amiga Sonja Liebknetch, esposa do cofundador da Liga Espartaquista, Karl Liebkknecht. Os apartados teórico e persoal comparecen entrelazados, daquela, nestes textos que amosan non só o seu pensamento socio-político mais tamén a afección e comprensión da natureza –singularmente, a botánica– e, con certidume, o seu afán de plenitude vital. Faino, ademais, Rosa Luxemburg desde unha perspectiva que sorprende pola súa novidade, por unha reivindicación valente que encaixa con decisión coa nosa propia actualidade.

A profesora e xornalista Almudena Otero Villena é a autora –para alén de levar a cabo a tradución desde o alemán ao galego– dunha documentada e moi interesante introdución que nos axuda a contextualizar e aprofundar no pensamento de Rosa Luxemburg. Un traballo merecente dos nosos parabéns. Parabéns que van igualmente para a editorial Laiovento.

  • CARTAS DESDE A CADEA (2024)

    Rosa Luxemburg (trad. Almudena Otero Villena), Santiago, Laiovento, PVP. 13,95€

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents