Arredor da bilateralidade

Juan de la Colina en Évame Oroza

Juan de la Colina (A Coruña, 1958) presenta en Vigo unha nova mostra que inclúe 15 fotografías e unha pintura -todas realizadas en 2024- articuladas arredor do concepto de bilateralidade. En todas as obras o fundamental é o feito de ollar que paira sobre cada creación, unha liña vertical recorrente que divide a composición do plano da obra.

Apoiado no discurso teórico poliédrico e baseándose no apropiacionismo, as obras manifestan preocupacións pola definición e a percepción de valores como a espacialidade ou as formas de percepción psicolóxica na sociedade contemporánea. A exposición é conformada por unha serie de traballos que teñen en común manifestaren experiencias individuais ou colectivas que aparecen moi marcada pola súa situación nun espazo ou un tempo ben definidos, pasadas polo ollo análitico e creativo do artista. O resultado de conxunto permite enxergar como a totalidade das pezas posúen uns criterios coa suficiente ambigüidade que nos posibilitan entendelos e interpretalos non apenas na súa unicidade –unha opción posíbel e lexítima–, senón tamén como parte dun argumento, dunha reflexión que quere mostrar a lectura visual dun artista que se enfronta con problemáticas determinadas e con análises discursivas, desenvolvendo un proxecto en que a investigación e a crítica do documento son determinantes.

O resultado son unhas obras que teñen que ver coa linguaxe e o xeito de ofrecer a información visual na sociedade contemporánea. Juan de la Colina opta, no seu proceso de apropiación e deconstrución, por un tipo de imaxes en que a vida e a creación artística non son só contempladas e fosilizadas senón que nos aparecen como cousas vivas, cuns referentes anteriores e cunha realidade actuante que as ilumina e dota de significados mudábeis, sempre co espazo e o tempo como elos e como fíos condutores. As moi variadas obras que serven de punto de partida sitúan o espazo como vínculo, esa bilateralidade como punto referente que terma do discurso. Un discurso que se configura como unha forma de desenvolvemento, sempre a desvendar por eses equilibrios espazo-temporais, un discurso que é fío conformador da forma, como unha espiral totalizadora. Nas obras expostas, en xeral, as categorías procesuais de tempo e espazo configuran o marco da percepción e a experiencia e a contemplación ou participación do espectador establece unha relación paralela entre o espazo e o tempo o que marca a tonalidade da mostra, a súa musicalidade.

Juan de la Colina en Évame Oroza, Vigo

Unha das obras expostas. / Eli Regueira

O certo é que o material artístico presentado ofrece un abano de preocupacións que acaban por se configurar nas obras como un auténtico caleidoscopio dalgúns dos fenómenos do noso presente. As pezas, básicamente fotografías manipuladas, mostran algúns dos camiños andados pola arte desde a asunción da cultura de masas como materia creativa, e como consecuencia a súa manipulación crítica da mesma, chegando en obras como as agora expostas á amplificación discursiva que pon en cuestión os mecanismos que a cultura de masas utiliza. O resultado é que os seus traballos conforman un incisivo ollar sobre o feito artístico e social, desde os seus aspectos máis banais e cotiáns –a linguaxe máis superficial- até o sentimentos máis fondos e universais.

  • Título: On the Bilaterality.
  • Autor: Juan de la Colina.
  • Local: Asociación Cultural Évame Oroza, Vigo.
  • Até o 30 de xaneiro de 2025

Unha longa traxectoria

Juan de la Colina é un artista de longa e variada traxectoria. Estudou Belas Artes na Universidade de Barcelona e completou a súa formación en Miami e Nova York e doutorouse en Belas Artes pola Universidade de Vigo. Ao longo da súa carreira partilla a súa faceta creativa coa docencia. Impartiu aulas de estética na Escola Superior de Deseño de Madrid, na Asociación de Creadores de Moda de España, no Instituto Europeo de Design, na Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo, en diversos cursos da Fundación Luís Seoane e en distintos másteres das universidades de Vigo e da Coruña. Cómpre destacar o seu labor como teórico da arte, coa elaboración de numerosos artigos e a organización de relatorios.

Así mesmo, desenvolve un variado labor como xestor cultural, coa organización de diversas exposicións para centros como o CGAC ou a Casa da Parra, en Santiago de Compostela; o Círculo de Belas Artes de Madrid ou a Fundación Luís Seoane da Coruña. Así mesmo, colaborou como director artístico en diversas videocreacións e documentais, como o dedicado a María Elvira Fernández López, Maruxa, esposa e transmisora do legado do artista Luís Seoane.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents