Descubre o cruceiro de Vigo que máis visitantes recibe

De estilo gótico, este cruceiro foi esculpido por Raúl Comesaña Covelo

O cruceiro no aeroporto de Peinador (1970) .

O cruceiro no aeroporto de Peinador (1970) . / Luis Utrilla

Alberte Reboreda

Nun exemplar de FARO de maio de 1971 lemos que o daquela director do aeroporto de Peinador, Santiago Martínez Zárate, tiña interese en erguer alí «un crucero gallego (…) gran símbolo de nuestra fe, característica primera de la tierra gallega, de la Galicia que con los brazos abiertos despide, y con los brazos abiertos queda esperando de nuevo por los que se van». A crónica aparece asinada por Bene, pseudónimo de Benedicto Conde González, mordomo, taxista, pintor, xornalista, escritor e fotógrafo.

Poucos meses despois, en xullo do mesmo ano, a idea era xa unha realidade grazas ao patrocinio do empresario vigués Javier Sensat Curbera, e así aparece recollido en dúas placas de bronce instaladas no base do monumento. O que non lemos por ningures é o nome do escultor, que non asina a peza, aínda que se trata –estamos certos– de Raúl Comesaña Covelo.

Sensat Curbera foi o fundador da empresa MAR (Motopesqueros de Altura Reunidos), que se localizaba no predio que hoxe ocupa o Auditorio Mar de Vigo. Don Javier era, xa que logo, un dos homes máis ricos da cidade naquela altura. Así o acreditan, segundo Torres Carbajo (2015), as 14 empresas que tiña ao seu cargo, con 103 barcos, 2.400 empregados e máis de mil millóns das antigas pesetas de facturación. Pola súa parte Comesaña Covelo (Vigo, 1933-1999) foi un escultor formado na Escola de Artes e Oficios olívica e tamén en Madrid, concretamente na Academia de Bellas Artes de San Fernando e na empresa Granda, especializada en arte relixiosa. Javier Sensat era cliente habitual de Comesaña, e así o dá a coñecer este último nunha entrevista publicada en El Pueblo Gallego en novembro de 1962. Ademais, no arquivo familiar do escultor de Matamá, que gardan con mimo os seus fillos, atopamos varias instantáneas do artista tallando o cruceiro de estilo gótico do cemiterio de Alcabre (doado polo mesmo empresario en 1961), un exemplar moi semellante ao do Aeroporto de Peinador. Ambos cruceiros aparecen elevados sobre un cuádrupla grada de planta hexagonal, seguida dun pedestal cuadrangular dividido en dous corpos, o superior con arestas en chafrán. Este mesmo tratamento recibe a columna ou varal, que remata nun capitel moldurado simple.

A complexidade e pericia do artista céntrase na cruz, que arrinca con catro imaxes masculinas barbadas e vestidas con túnicas –probablemente os evanxelistas, como evidencia o libro que portan nas súas mans– que aparecen labradas en cada un dos seus catro lados. Nas caras principais, un Cristo crucificado no anverso e unha Virxe co Neno no reverso, ambos canónicos e cubertos por un dosel. El, coa cabeza ladeada, espido e dotado dunha anatomía traballada e realista, fixado ao madeiro pero non colgado dos brazos, cuberto cun pano de pureza e mortificado por unha coroa de espiñas capital. Ela aparece coroada e vestida cun manto, o que lle permite ao artista investir menos esforzo nos detalles da súa anatomía. A lei de frontalidade inspira esta imaxe feminina, que ofrece unha simetría bilateral perfecta de non ser pola presenza do pícaro divino que leva no colo.

Cristo 
baixo dosel

Detalle do reverso do cruceiro de Peinador. / Alberte Reboreda

Os cruceiros góticos orixinais máis sobranceiros desta mesma tipoloxía –coas imaxes principais cubertas por un dosel– datan dos séculos XIV-XVI e atopámolos no noroeste peninsular en vilas e cidades como Guimarães, Noia, Pontevedra, Santiago de Compostela, Fisterra ou Baiona.

En todos eles destaca a profusa decoración do madeiro, protagonizada por motivos vexetais, nomeadamente flores de catro pétalos seriadas que cobren a totalidade da cruz e protagonizan os seus remates verticais e horizontais. Desta exuberante pauta ornamental devén a expresión «gótico florido».

Gótico florido

Nos cruceiros góticos predomina a representación de temas relixiosos, como escenas bíblicas, figuras de santos e, sobre todo, as imaxes da Virxe María e de Cristo. En xeral, estas imaxes son representadas cun maior realismo e naturismo que durante o románico, cunha atención detallada á anatomía humana, á vestimenta e ás expresións faciais. As imaxes tenden a ser altas e esveltas, a miúdo integradas na arquitectura dos templos góticos, como acontece co cruceiro de Santa María das Areas (Fisterra), ou co do Tapal (Noia).

As cabezas das imaxes principais, Cristo e a Virxe, aparecen cubertas por un dosel, un pequeno pavillón horizontal cubrideiro de carácter ornamental. Podemos ver estes mesmos baldaquinos nos cruceiros góticos das ruínas de San Domingos e no da Praza de Alonso Fonseca, ambos na cidade de Pontevedra. Por proximidade xeográfica, posiblemente serían estes dous os que inspirarían a Comesaña Covelo para labrar as réplicas de Peinador e Alcabre.

Aínda que a escultura gótica concede importancia ao movemento e á interacción entre as figuras, as imaxes dos cruceiros góticos galegos son, en xeral, frontalistas e estáticas. O seu tamaño e disposición é sempre xerárquico, acorde á importancia que os textos sagrados lle confiren a cada un dos personaxes. Ademais, as draperías, en particular os mantos, túnicas e panos de pureza, están esculpidas con gran detalle, mostrando pregues e texturas que suxiren movemento e profundidade.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents