As Cousas e a psicoloxía de noso

Castelao, 75 anos despois

Castelao pintando as máscaras de «Os vellos non deben de namorarse».

Castelao pintando as máscaras de «Os vellos non deben de namorarse».

«Se aínda somos galegos é por obra e graza do idioma». Velaí unha célebre frase de Afonso R. Castelao, de quen vimos de cumprir o 75 aniversario do seu pasamento. En consecuencia, a nosa lingua supón a nosa maneira de ser? Que somos? Como somos? Como nos identificamos e adaptamos ao lugar onde vivimos? E como nos ven o que somos e como somos? Interrogantes demasiado serias para deixalas en mans de psiquiatras ou piscólogos. Sen dúbida, as mellores respostas a estas preguntas atopámolas nos cineastas, fotógrafos, poetas, escritores ou artistas que fixeron as mellores achegas psicolóxicas ao carácter e comportamento galego.

E vén ser o caso do propio Castelao quen, a través de Cousas (1961-71) e do album Nós (1931), trata de desacougarnos coas súas caricaturas e debuxos, sempre acompañados dun relato a rodapé, abordando temas sociais, culturais ou políticos publicados en xornais como Galicia (1924) ou FARO DE VIGO (1926 e 1933). «Castelao, vén de si mesmo, da súa nenez, da Pampa, da aldea e do peirao —comenta Otero Pedrayo—. Vén de Rosalía, da dos Cantares e mais da de Follas novas».

Cousas, explora a vida dos galegos, os seus problemas socioeconómicos, os seus comportamentos psicolóxicos, desfilando personaxes arquetípicos que representan os nenos, vellos, labregos, mariñeiros, cegos... Os seus debuxos son trazos firmes e limpos en primeiro plano; o resto da información é pura suxestión. A fórmula empregada acompaña a imaxe, describindo acontecementos en que se ven inseridos diferentes personaxes, cun coidado especialísimo da palabra. As Cousas conforman as manifestacións máis orixinais, e artellan de seu un estílema da súa narrativa desde Retrincos ata Un ollo de vidro ou Os dous de sempre.

Castelao sorpréndenos coa súa penetración na psicoloxía ou mentalidade dos galegos. Os seus debuxos son o espello nos que cada un de nós aparecemos reflectidos. A retranca galega, camuflada de seriedade, consegue ditar sentenza mentres que o interlocutor queda cravado sen saber que dicir: - «Hai que defender a España. – Mellor sería que España nos defendese a nós.» / »-Na cadea dan de comer; pero teriamos de facer algo mal para irmos á cadea». Unha habilidade para falar con segundas intencións e cunha graza intencionada, de dobre sentido, disimulada e oculta: «Que che parece o meu viño? O viño era ruín Je... por onde vai, molla, e como refrescar, refresca». A retranca é defensiva, prudente e cautelosa; un facer que nos permite saír de situacións conflitivas.

Os galegos non respondemos á primeira, precisamos máis información, todo é relativo, depende e malo será. Desbotando a imaxe do galego na escaleira que non sabe se sobe ou baixa, moi socorrida politicamente é a palabra sentidiño que «resulta algo máis que ter sentido, é facer as cousas ben.» Os debuxos de Castelao dan resposta á ambigüidade dos galegos que, aínda sendo universal no humano, manifesta entre nós a súa especificidade. Culturalmente poden apreciarse: lírica contra épica; muiñeira contra xota; gaita contra guitarra; cruceiro contra picota; intuición contra lóxica.

No libro Sempre en Galiza, Castelao fai referencia «aos hábitos psicolóxicos reflexados na nosa comunidade de cultura, para demostrar que Galiza é unha unidade nacional perfecta, e que polo tanto, ten dereito a dispor dos seus destinos». «Non é posible —comenta— negar a diferenciación psicolóxica de Galiza. Abondaría, para demostralo, con citar as aldraxes que os clásicos casteláns nos dirixiron, en verso e prosa, por considerarnos diferentes e non asimilables; como bastaría lembrar ese afán, inconscientemente separador, dos que nos chaman Gallegos! —con sorna—, por creren que sendo diferentes somos contrarios a eles.» É que esas aldraxes —segundo o rianxeiro— teñen unha explicación: os imperialistas ou centralistas, cando dan coa resistencia espiritual dun pobo sometido, confunden a «dureza para deixarse asimilar» coa dureza para asimilar».

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents