Viñetas de Los incorregibles
O testemuño de como Julia Wertz deixou a bebida

Imagen Pax2(I)
Raquel López
Despois das festas, chegan as resacas de todo tipo e, por suposto, a lista de novos, ou non tan novos, propósitos. Publicado en castelán a finais do ano pasado por Errata Naturae, Los incorregibles, de Julia Wertz, é unha lectura perfecta para a ocasión.
Por deostada que estea actualmente a autoficción (a crítica pode ser tan moda como o que critica), narrarse un mesmo, facelo ben, sempre é moi complexo. Nestas memorias gráficas, Los incorregibles. De cómo dejé de beber en Nueva York, a autora expón a súa adicción ao alcohol e mais os varios intentos para superala; conta a súa experiencia dunha forma honesta, consciente do estigma social que conleva, movéndose entre o conmovedor e o hilarante.
Julia traballa nun estudo de Nova York que comparte con outros autores independentes (precarios). A banda deseñada é a súa principal fonte de ingresos e é bastante insuficiente, especialmente nunha cidade densificada e tensionada como a que vive. Por iso vive nun soto sen cédula de habitabilidade, acondicionado ilegalmente para o seu alugueiro. Na soidade deste espazo, leva unha vida desastrada. Come moito, come mal, sempre está cansa e pasa demasiado tempo bebendo. Cando se dá conta do seu problema, comeza un tedioso periplo.

Julia Wertz / Arquivo
Alcanzar a sobriedade é un proceso arduo e cheo de trampas, un ciclo de adicción e recuperación que dura cinco anos e que Julia Wertz retrata sen escrúpulos e con moito humor negro a través de difíciles sesións de terapia de grupo, recaídas frustrantes, relacións equivocadas, citas infumables, algúns novos apoios e un desaloxo inhumano. Mais o interese desta novela non radica «simplemente» nesta sorte de confesión senón nun testemuño que se converte nunha reflexión máis sobre o que implica vivir hoxe en determinados espazos cada vez menos habitables, cidades estimulantes pero tamén demandantes, vibrantes e hostís. A dicotomía entre a sensación de certo maltrato ou expulsión que convive cunha necesidade, quizais creada, de pertenza. A destreza narrativa da autora sobresae pola súa capacidade de impregnar certa luminosidade a un relato duro, no que ela mesma se analiza de forma aberta e minuciosa. Non hai incomodidade no seu relato; consegue facelo dunha maneira realista pero lixeira. O estilo gráfico, infantil, sinxelo se ben detallista, axuda moito a esa «lixeireza» do ton.
Wertz conta a súa historia sen pusilanimidade, cunha esperanza en ocasións inxenua, nunha obra xenerosa e reflexiva, desvergonzada e entretida na que trata temas moi delicados co seu xa recoñecible estilo divertido e irreverente, sen buscar respostas, simplemente ofrecendo o relato, semi documentalista, do seu proceso. Todo nunha grande edición moi coidada, como adoita ocorrer con Errata Naturae, de 320 páxinas de tapa dura e un brillante Pantone rosa, coa tradución de Regina López Muñoz.
Julia Wertz (California, 1982) é debuxante profesional, historiadora afeccionada e exploradora urbana a tempo parcial. Os seus primeiros cómics, The Fart Party volumes 1 e 2 recompiláronse na obra Museum of Mistakes. Publicou despois as novelas gráficas Drinking at the Movies, publicada en español como Whisky y Nueva York (Bang Edicións, 2013); The Infinite Wait; Tenements, Towers, & Trash, pola que gañou o premio Brendan Gill 2018 e quedou finalista no festival de Angulema de 2020, que tamén publicou Errata Naturae en 2020 como Barrios, bloques y basura: Una historia ilustrada y poco convencional de Nueva York; e Impossible People. É colaboradora de The New Yorker e o seu traballo foi publicado en xornais e revistas como The New York Times ou Harper’s Magazine. Actualmente está a traballar na novela gráfica Bury Me Already (It’s Nice Down Here) que se lanzará en 2025 e que esperemos se publique tamén en español ou, quen sabe, mellor en galego.
Afundación abre una comicteca en Vigo
A biblioteca do Teatro Afundación inaugurou en decembro un espazo con máis de 1.500 títulos de banda deseñada dispoñibles á que chamou comicteca, unha iniciativa impulsada polo historiador de arte Asier Mensuro.
O groso da colección, composta maiormente polas doazóns de Mensuro e de Octavio Beares, así como algúns exemplares de distintas editoriais e outros particulares, está formado por cómics da década dos oitenta, aínda que a obra máis antiga é o Little Nemo de Winsor McCay, de 1905. A ilustración, o cómic e o fanzine galegos tamén están presentes nesta colección.
Cunha clara e expresa finalidade didáctica, este proxecto está supervisado por Álvaro Pons. O obxectivo, ademais de outorgar un espazo necesario a esta arte, é convertelo nunha ferramenta para o ensino. A comicteca terá unha páxina web na que se poderán realizar consultas e acceder ao fondo e á documentación desde calquera punto xeográfico. Este «rumbo educacional que presenta» convértea nun proxecto pioneiro en España, segundo o propio Asier Mensuro.
Suscríbete para seguir leyendo
- Un iceberg 11 veces más grande que Vigo atraviesa un caladero gallego y amenaza con impactar contra las Georgias del Sur
- Muere el icónico presentador Xosé Manuel Piñeiro
- De ganar el bote de Pasapalabra a ocupar un alto cargo en el Ministerio de Interior
- Conmoción en la Policía Local de Vigo: «Se nos ha ido la sonrisa eterna»
- Detectados seis casos de cáncer de cérvix en el área sanitaria tras testar a más de 22.000 mujeres
- La despedida de Ion Aramendi en 'Reacción en cadena': «Gracias por todo»
- Detenido el capitán de un pesquero gallego por esclavitud a bordo
- El temporal deja ya vientos de casi de 180 km/h, vuelos desviados y más de 600 incidencias en Galicia