Na xeira do anticapitalismo
O proxecto emancipatorio da Ilustración

John Locke. / Arquivo
Alfredo Iglesias Diéguez
A Ilustración, como movemento intelectual inspirado no racionalismo e empirismo científico-filosófico do século XVII desenvolto por Descartes, Galileo, Newton, Spinoza ou Hobbes, por mencionar só a algúns dos principais representantes, desenvolveu un proxecto político que xiraba arredor dos seguintes principios: a liberdade individual, o goberno representativo, o imperio da lei e a liberdade de pensamento.
Este proxecto, directamente inspirado na experiencia da longa revolución inglesa (1642-1689), alcanzou a súa máxima expresión co ciclo de revolucións burguesas que se iniciaron no ano 1776 nas colonias inglesas de América do Norte.

Revolución inglesa (1689) / Arquivo
O pensamento político dos filósofos ilustrados: No contexto da revolución Gloriosa que rematou coa aprobación da Declaración de Dereitos de 1689 -na que se establece a liberdade de expresión dos parlamentarios, a libre elección dos parlamentarios e o dereito dos súbditos do rei a presentar peticións, á vez que se establece o sometemento da Coroa ao poder do Parlamento-, John Locke publicou a súa obra Dous tratados sobre o goberno civil (1689). Partindo do estendido mito eurocéntrico do «bo salvaxe», afirma nela que, no seu estado natural, os homes eran libres e iguais, feito do que deriva a necesidade dun contrato social xa que, en virtude de tal, todos terían o mesmo dereito a gobernar -o que suporía a anarquía e a guerra civil-. Así, unha maioría tería que dar o seu consentimento a unha minoría para que gobernasen a todos, dando paso ao dereito civil e a un goberno constitucional. Parlamentarismo e liberalismo, velaí os dous fundamentos políticos do pensamento ilustrado. O camiño así aberto foi transitado por numerosos pensadores posteriores, entre os que salientan Voltaire, Rousseau, Montesquieu, que profundaron aspectos da obra de Locke tales como a tolerancia, o contrato social ou a división de poderes, así como Smith, que argumentou a prol da liberdade de mercado, ou Kant, que pecha o ciclo filosófico ilustrado coa súa doutrina do Estado de dereito -constitucional e republicano- e da paz perpetua.

Montesquieu. / FdV
A liberdade, a igualdade e a fraternidade para uns poucos: os límites do liberalismo: No momento en que a burguesía liberal ‘”saltou o ceo» no último cuarto do século XVIII, e en nome da «liberdade, a igualdade e a fraternidade» -primeiro durante a revolución americana (1776): os revolucionarios liberais sostiñan «que os homes son creados iguais; que son dotados polo seu Creador de certos dereitos inalienables; que entre estes están a vida, a liberdade e a procura da felicidade», como deixaron recollido na Declaración de Independencia do 4 de xullo- e a seguir durante a Revolución francesa (1789) -os asambleístas aprobaron unha Declaración de Dereitos do Home e do Cidadán (26 de agosto) na que se pode ler que: «os homes nacen libres e iguais en dereitos»-, lonxe de facer suxeito de dereitos o pobo que fixera posible a revolución, axiña mostrou tamén os límites do seu proxecto emancipatorio ao excluír da cidadanía -se ben por diferentes motivos- os indíxenas americanos, as persoas afrodescendentes escravizadas de Europa e América, as mulleres e á poboación traballadora.

S. Roza. / FdV
Nese contexto, no que loitaron pola liberdade e mais a igualdade das xentes de toda condición pensadores e pensadoras como Olympe de Gouges, Condorcet, Robespierre, Toussaint Louverture, Mary Wollstonecraft, Babeuf, o cura socialista Mably e tantos outros, o liberalismo foi tomando forma como o discurso ideolóxico da burguesía fronte ao que comezaron a concretarse outros discursos emancipatorios, como o feminismo, o abolicionismo ou o socialismo, que compartían co liberalismo os mesmos elementos definitorios propios do pensamento ilustrado: o racionalismo, o progresismo e o universalismo.
Esquerda antiilustrada
Se definimos a esquerda como un proxecto «de subversión da orde existente (política, social e económica) en favor dos oprimidos dende a Revolución francesa», cómpre preguntarse se pode ser, entón, antiilustrada. A resposta a esa pregunta é a que ofrece a filósofa francesa Stéphanie Roza nun libro maxistral: A esquerda contra a Ilustración? (2023), que non é aconsellable para foucaultianos, heideggerianos, arendtianos, descolionais ou seguidores de Adorno e Horkheimer e a súa Dialéctica da Ilustración.
A resposta pódese formular así: todos os proxectos emancipatorios de esquerda, en primeiro lugar, as vítimas económicas do capitalismo dominante (os proletarios, os explotados e a clase obreira); a continuación, as vítimas sexuais (as mulleres e as persoas homosexuais e transexuais); e, finalmente, as vítimas raciais (os pobos colonizados, as minorías étnicas e as persoas migrantes), comparten unha mesma aspiración á emancipación universal, construída a partir dun pensamento racional capaz de ofrecer unha esperanza de mellora (progreso) ás vítimas dalgún tipo de opresión.
Suscríbete para seguir leyendo
- Un iceberg 11 veces más grande que Vigo atraviesa un caladero gallego y amenaza con impactar contra las Georgias del Sur
- Muere el icónico presentador Xosé Manuel Piñeiro
- De ganar el bote de Pasapalabra a ocupar un alto cargo en el Ministerio de Interior
- Conmoción en la Policía Local de Vigo: «Se nos ha ido la sonrisa eterna»
- Detectados seis casos de cáncer de cérvix en el área sanitaria tras testar a más de 22.000 mujeres
- La despedida de Ion Aramendi en 'Reacción en cadena': «Gracias por todo»
- Detenido el capitán de un pesquero gallego por esclavitud a bordo
- El temporal deja ya vientos de casi de 180 km/h, vuelos desviados y más de 600 incidencias en Galicia