A mellor película da historia
50 anos de Jeanne Dielman, 23

Fotograma de Jeanne Dielman, 23... / Arquivo
Héctor Paz Otero
No capítulo que Arnold Hauser dedica á pintura barroca neerlandesa (Johannes Vermeer) nas páxinas da súa monumental Historia social da literatura e da arte, o historiador húngaro afirmaba que o gusto da mediana e pequena burguesía, que viña conformar a maioría da clientela da mesma arte unha vez que esta se «democratizase», non estaba moi desenvolvido. Polo tanto, para Hauser non é lícito supoñer que a xente do século XVII mercara cadros segundo o seu propio gusto; en xeral, orientábase polo que era preferido e publicitado nos círculos máis elevados, do mesmo xeito que, á vez, estes círculos se deixaban influenciar polas opinións artísticas dos intelectuais da cultura clásica e humanística. Se avanzamos agora ao século XX e focalizamos a nosa atención na arte cinematográfica, podemos admitir que os Estados Unidos pasaron a dominar económica e tecnoloxicamente a industria do cinema a nivel mundial a partir de 1918. Daquela, boa parte do resto do mundo fixo súa a visión do cine que procedía de Hollywood en formato entretemento.

A cineasta belga Chantal Akerman. / Arquivo
No 2022 a revista británica Sight and Sound actualizou o listado das mellores das mellores películas da historia -renóvase cada dez anos desde a súa aparición en 1952-, consumando un acto que poderiamos catalogar, sen caer no histrionismo expresivo, como revolucionario. A película da cineasta belga Chantal Akerman, Jeanne Dielman, 23 Quai dun Commerce, 1080 Bruxelles, que este ano cumpre o seu 50 aniversario, acadou o primeiro posto da clasificación, desbancando así a Vertixe (Vertigo, Alfred Hitchcock), a cal, á súa vez e unha década atrás, acabara co dominio de corenta anos de Cidadán Kane Kane (Orson Welles). Para a renovación do ranking, a revista cinematográfica dobrou o número de especialistas que conformaron un novo listado que, de forma abrupta, quebraba a mirada hexemónica do cine mundial. Cunha estética herdeira de Yasujiro Ozu —non é casual que Jeanne Dielman... estea filmado con cámara que repousa sobre trípodes baixos a imitación do punto de vista do «tatami» propio do director xaponés—, Akerman desafía a mirada do gran dominador cun filme de máis tres horas de duración, que amosa a vida dunha divorciada asidua a manter relacións sexuais con homes a cambio de diñeiro. Todo un manifesto feminista levantado sobre a idea do «Mu» da filosofía zen, o concepto de negación, de baleiro; «Mu» representa o espazo que queda entre pólas dunha ornamentación floral. O que vemos na pantalla non é a ollada de ningún personaxe, nin sequera da propia Akerman, senón esoutra do mundo. A historia, por un momento, deixa de fluír para sumirse nun estado de abstracción.
Inmersos na cultura cinematográfico do streaming, instigadora dun proceso impaciente que demanda acción «intra-pantalla», pero tamén «extra-pantalla» grazas aos poder do público á hora de condicionar a proxección cada vez máis individualizada —zapping, proxección a velocidade 1.5, movie recap—, o recoñecemento que unha película como Jeanne Dielman... obtivo grazas a esta enquisa resulta aínda máis subversivo. A escultura e a arquitectura dos antigos clásicos outorgaba prioridade á orde e o repouso por riba da acción, rexeitando a ornamentación superficial e mais a énfase. Os edificios da antigüidade clásica estaban pensados para conseguir o máximo equilibrio visual e non para empequenecer o ser humano. O mesmo poderiamos dicir do estilo de Chantal Akerman e da disposición espacial que se nos presenta no número 23 da rúa do Comercio en Bruselas. A súa protagonista, desprovista de acción, é o centro das imaxes, ofrecidas desde a súa cotianidade —como as pinturas de Johannes Vermeer— e que na secuencia final ofrece un acto de rebeldía que, cincuenta anos despois, centenares de profesionais, críticos, investigadores e historiadores decidiron reeditar nas páxinas da revista Sight and Sound.
Suscríbete para seguir leyendo
- Un iceberg 11 veces más grande que Vigo atraviesa un caladero gallego y amenaza con impactar contra las Georgias del Sur
- Agrio final judicial para la camarera de Vigo que se encontró el bar cerrado tras 10 días de baja
- Primeras palabras de 'El Cordobés' sobre la separación de Virginia Troconis: 'Ahora estoy con...
- Muere el icónico presentador Xosé Manuel Piñeiro
- De ganar el bote de Pasapalabra a ocupar un alto cargo en el Ministerio de Interior
- Conmoción en la Policía Local de Vigo: «Se nos ha ido la sonrisa eterna»
- Detectados seis casos de cáncer de cérvix en el área sanitaria tras testar a más de 22.000 mujeres
- Hallan el cadáver del joven desaparecido en Silleda