Libros destacados

FARO da Cultura

FARO da Cultura / FdV

Unha forza entre dous mundos

Canto á clase mariñeira

Pilar Ponte

É innegable o forte vínculo desde sempre entre o pobo galego e o mar, como innegable é a profusión de cantigas populares ao redor dos diferentes traballos, sobre todo no agro, para facer máis levadío o labor diario. Este último aspecto levado á literatura mariñeira de tradición oral resulta, pola contra, un gran descoñecido entre quen formamos parte dun pobo que vive de cara ao océano. O traballo de investigación publicado por Morgante Edicións, asinado por Susana Rodríguez Barcia e Bosco Gil de Gárate e cunha preciosa cuberta de Rubén Gil, afonda nesta cuestión e achéganos unha coidadísima compilación das principais toadas mariñeiras que soaban nos navíos que cruzaron os océanos de todo o mundo dende o século XVI.

A entrega é moito máis que unha compilación que loce pola súa orixinalidade. Dunha banda resulta un traballo exhaustivo sobre os cantos do mar ou celeumas, que recompila cantigas moitas veces inventadas polos mariñeiros, inspiradas en poemas que proceden de diversas orixes, fragmentos de cancións adaptadas que nacen en tabernas de diversas partes do mundo etc. Neste sentido a publicación quere ser un canto á clase mariñeira e prestixiar esas cancións desde unha literatura oral, a nosa, onde se documenta algún vestixio de cancións de traballadoras das conservas ou redeiras mais non de mariñeiros.

Autora e autor recollen, xa que logo, 60 cantos en versión orixinal acompañados da partitura e da tradución ao galego, un código QR a través do que se poden escoitar os devanditos cantos e un texto que acompaña a cada un onde se explica moi polo miúdo a súa orixe, temática e/ou tipoloxía.

Doutra banda, a introdución -que ben podería existir como texto literario independente- trata a conexión existente entre estes cantos de tradición anglosaxoa e a cultura do mar na tradición galega. Celeumas que queren enmarcar o duro traballo do mar, as relacións de distancia, as perdas producidas por un mar que engole vidas e fabrica nais sen fillos e viúvas, pero que tamén crea lazos fortes de traballo e mesmo de familia, e enxendra soños, isto é, unha forza entre dous mundos. Os cantos do mar convértense, así, nun modo de supervivencia, de defensa contra a saudade e o cansazo, nun momento no que o traballo depende da forza individual de cada home ata se converter en colectivo. A realidade cotiá do pobo galego que leva inoculado o mar.

Imagen

CANTOS DO MAR (2024)

Autor: SUSANA RODRÍGUEZ BARCIA / BOSCO GIL DE GÁRATE

Editorial: MORGANTE Precio: 29 euros

Axilidade da prosa

Preguntas, crónica, ensaio

Xosé Feixó

A allaricense Aira Editorial, que nas súas propias palabras é unha fábrica de soños e un punto preciso onde a imaxinación se converte en belezas de papel e publica libros bonitos, interesantes, que namoran desde a capa até a derradeira liña, tenta seguir a súa liña publicando agora As nais non, da escritora vasca Katixa Agirre (Vitoria, 1981), e abofé que o consegue, tanto pola nosa experiencia como polas críticas que recibe, acadando mesmo éxito internacional. Acertada decisión e boa tradución.

Trata a autora de provocar reflexión e debate sobre a maternidade, dando unha visión literaria da mesma desde unha perspectiva moderna, combinando con acerto a reflexión coa narración, para que o lector flúa persoalmente cos acontecementos.

Unha nai afoga na bañeira os seus bebés xemelgos, e unha escritora que, chegado o parto do seu primeiro fillo, se decata de que a suposta autora do crime era unha coñecida da súa mocidade, e, daquela, pide unha excedencia para crear, investigar e escribir sobre a verdade latente que subxace detrás dos asasinatos. Preguntas, crónica, ensaio, reflexións... pero sen ofrecer respostas preconcibidas, senón dando lugar a que se formulen por cada cal, tendo en conta, iso sí, contradicións e descubrimentos que se expoñen con total autenticidade. É, ademais, fácil de ler, pois a trama tira do interese e a axilidade da prosa facilita a lectura, que recomendo.

Imagen

AS NAIS NON

Autor: KATIXA AGUIRRE

Editorial: AIRA

Precio: 19 euros

Responder os medos

Con ritmo e musicalidade

María Navarro

Os monstros sexan reais ou imaxinarios habitan na cabeza das crianzas e, ás veces, son tan aparentes que se ven en todas as partes. Ademais, hainos de todas as clases: da escuridade, dos ollos brillantes, do silencio, dos ruídos, dos sustos… cada un ten a súa especialidade e para todos hai antídoto, só hai que detectalos e actuar con intelixencia sabendo onde están.

O texto que María Canosa vén de publicar en Triqueta Editora preséntalle á cativada un mundo de posibles respostas aos medos, aos ruídos, á escuridade, ás amenazas, ao que non se ve e tamén ao que se intúe e todo sen saír do espazo de seguridade que supón o cuarto de cada un, aquí podemos gozar, xogar, imaxinar e pasar momentos agradables sen un se fai dono da situación e interioriza o que sucede ao seu redor, facendo que cada páxina lida sexa unha oportunidade de aprender dos contos.

A rima confírelle á narración un ritmo e unha musicalidade que estimula a imaxinación e invita aos nenos a crear as súas propias historias, ao mesmo tempo fai que a lectura sexa máis cercana e significativa. Neste caso, esta poderosa ferramenta alíase coas imaxes coas que Dani Padrón acompaña o texto, tenras e suxestivas, facendo que a experiencia da lectura sexa única e enriquecedora ao permitir unha interpretación que vai máis alá das palabras e que consegue plantexar interrogantes, comparar, contrastar e imaxinar mundos paralelos sen saír do «cuarto cheo de monstros».

Imagen

UN CARTO CHEO DE MONSTROS

Autor: MARÍA CANOSA (ilustracións DANI PADRÓN)

Editorial: TRIQUETA

Precio: 15,68 euros

Totum revolutum

Boas intencións; resultados mellorables

Fabio Rivas

Comecei De óxido e diamantes ás cegas, sen saber da novela nin da autora (Miriam Couceiro, 1985) apenas o lido na contracuberta, máis ben metafórica e cun aquel propagandístico, que xa non moito adianta do argumento. Talvez por cousa da miña pouca bagaxe literaria, a idea pareceume novidosa: no libro cóntase a historia dunha relación sentimental tóxica —e digo tóxica porque na propia obra a palabra maltrato é evasiva de seu— entre dúas mulleres.

A agonía de te veres na pel de Maia, a protagonista e vítima da violencia, conséguese. Ata aí, ben. O problema xorde cando para lograr esta sensación se emprega un retrouso que mingua o avance dos acontecementos e unha estrutura tan confusa como ambiciosa. O texto atragóase nun mesmo discurso que se repite unha vez e outra, malia en aparencia ter caras distintas, e incluso a maior parte dos diálogos semellan parte dun xogo de obradoiro literario ou unha instrución para unha IA: escribe o mesmo con outras palabras.

Por outra parte, éme inevitable coller folgos e poñer o ollo no tocante á linguaxe. E aquí, desde todos os puntos de vista (léxico, sintáctico e ata fraseolóxico) De óxido e diamantes destaca por feble. A lingua é pobre —e cumpriría diferenciar pobre de sinxela—, as formas xerundiais ínzanse sen coidado ningún e elementos coma, por poñer un exemplo, o espalladísimo emprego da fórmula «ter + participio» para traducir, erroneamente, os verbos compostos, convidan a concluír que a novela nos chega a partir dunha primixenia en castelán.

Ademais, un fallo de raccord nos últimos capítulos acaba por empequenecer unha obra, como veño de comentar, con máis carencias que virtudes.

Imagen

DE ÓXIDO E DIAMANTES (2024)

Autor: MÍRIAM COUCEIRO CASTRO

Editorial: GALAXIA

Precio: 15,10 euros

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents