Hard rock sen prexuízos

O círculo das formigas de Os John Deeres

Os John Deeres.

Os John Deeres. / Alberte Peiteado

V. Neira

Temos que confesar a nosa debilidade absoluta por esas bandas que van sempre ao seu, que sachan na súa horta e sementan nunha sorte de cultivo musical que se move entre a xenerosidade, o talento e mais a militancia total en seguir o seu rego, arredados de calquera imposición dada pola moda ou polos discursos e estéticas máis comerciais e popularmente efectivos. Pois ben; estando nesas chega aos nosos ouvidos O círculo das formigas, o cuarto traballo de Os John Deeres, grupo de Couso aló pola Estrada, que no último sábado do ano publicaban esta nova entrega xa dispoñible en todas as plataformas dixitais e tamén físicamente en formato vinilo e cedé.

Hai xa moitos anos que os de Couso levan mostrando a súa música en escenarios e en rexistros sonoros, mais desta volta a aportación do grupo sobe de vez moitos chanzos nunha aposta polo conceptual, polo risco artístico e pola personalidade máis propia. Trátase do primeiro disco coa voz de Vanessa García xa integrada no proxecto a todos os niveis e participando na xénese dunhas cancións que, se ben teñen o seu soporte sónico no Hard Rock, ulen a sinfónico máis que nunca. En oito cortes divididos en dúas partes, «Pulso» e «Inercia», que incluso poderían conformar dous traballos diferentes neste Círculo das formigas preséntanos unha banda emborcada cunha linguaxe artística próxima e existencialista. Cancións que nos falan en clave humana da vida que hoxe nos toca, da espiral consumista, da escravitude encuberta do traballo, do illamento persoal nunha multitude con forma de rabaño e da perda de identidade á que estamos empurrados dende ese millón de estímulos cos que os «masmedia» e mais os poderes fácticos nos hipnotizan socialmente.

A morte, a resistencia da alegría, a melancolía ou a busca e experiencia da vitalidade, na necesidade de respirar, pasean pola lírica do disco entre riffs de guitarra certeiros e moito sintetizador botando por fóra no mellor dos sentidos. Contan eles mesmos na súa nota promocional que o título de O círculo das formigas vén dun movemento que executan as formigas guerreiras, cegas, cando se van seguindo unhas ás outras nas súas expedicións. Cando unha formiga se perde, acaban perseguindo o seu propio rastro e formando unha espiral á que se suman cada vez máis exemplares, que comezan a xirar en círculo sen parar ata que morren, e así nos presentan os John Deeres o disco, nese compromiso con poñernos diante dun espello por incómodo que sexa o que vexamos e por complicado que resulte despertar e romper algunhas desas cadeas ás que nós mesmos nos prendemos. A parte gráfica do disco é obra do debuxante de banda deseñada Berto Cardona, que xa traballara co grupo en proxectos anteriores e que aquí representou as dúas partes do mesmo disco a modo de «ying e yang», na capa e contracapa, vestindo graficamente un traballo que abofé no formato vinilo se mostra sobresaínte. En canto a parte musical todo foi gravado entre os estudos Planta Sónica (Vigo), Garaxeland (Santiago de Compostela) e o propio estudio da banda e foi masterizado polo recoñecido Reuben Cohen nos Lurssen Mastering en Los Ángeles.

Agora comenzarán unha xira na que prometen tocar o disco ao completo tal e como está concibido ademais de sumarlle as videocreacións en directo de Miriam Rodríguez, creadora tamén dos videoclips que acompañan este traballo. O círculo das formigas foi o último disco galego do 2024 e o primeiro en marabillarnos neste 2025 que, seguro, continurá a sorprendernos musical e discográficamente nunha escena galega que vive probablemente o momento máis excelso da súa historia.

Hoxe falamos de Hard rock, de rock feito en Couso, de moita calidade e ningún prexuízo. Non se pode empezar mellor o ano discográfico.

"Farytale of New York", dos The Pogues

A Ultra- noite≠115 da compañía de teatro Chévere comezaba, segundo me contaron, coreando o «Farytale of New York» dos Pogues. Unhas semanas antes, Iván Ferreiro e un monllo de músicos amigos do vigués tamén presentaron a súa versión da punki panxoliña máis linda e maldita do cancioneiro natalicio universal acadando unha colección de loas, e tamén algunha crítica, por tal atrevemento incluso de xente que abofé nin coñecía a orixinal, cousas das redes e mais o seu desmedido escaparate.

Outro día entro nun deses xigantes, desaforados e multitudinarios centros comerciais e adiviñen vostedes o que estaba a soar polos seus altofalantes mentres as familias pasabamos pola caixa do capitalismo máis voraz. O caso é que non sei que lle pasou ao mundo e ao Nadal despois do pasamento de Shane MacGowan pero está claro que a súa música, se aínda non o era, por fin parece que xustamente se universaliza tanto como se merece. O caso é que aló foi o Nadal e aló foi tamén o noso empacho de «Farytale of New York» e non nos interpreten mal pois un empacho non necesariamente pasa por ser algo nocivo para a nosa saúde, polo menos no caso que agora nos ocupa. Vivan os Pogues, viva Shane e viva a súa panxoliña tanto como o mundo lle deixe vivir

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents