Entrevista | María Xosé Porteiro

“Os dicionarios aínda reflicten as mulleres como seres inferiores”

María Xosé Porteiro.

María Xosé Porteiro. / Pepe Ferrín

En "As benfaladas" (Galaxia),a autora propón alternativas para acelerar o proceso de normalización equitativa e civilizador que supón respectar e propiciar o acceso da voz e do pensamento feminino ásociedade, entendido como necesidade perentoria para combater a violencia simbólica que padece. O libro será presentado o vindeiro o 27 de xaneiro no MARCO, en acto organizado polo Club FARO.

–No limiar deste libro, Priscila Retamozo cita unha anécdota, protagonizada pola escritora Margaret Astwood, quen durante unha mobilización levaba este texto nunha pancarta: “No podo crer que aínda teña que levar esta pancarta”. Estamos lonxe de que se deixen de escribir libros como As benfaladas porque xa non fará falta reivindicarnos a nós mesmas?

–Para min, falta moitísimo tempo no senso de que un cambio social tan absoluto como o é da igualdade de consideración entre as mulleres e mais os homes tamén depende de factores como de que país falemos, a que estamos a referirnos…etc. É dicir, que hai demasiadas circunstancias que impiden dar un tratamento xenérico a algo tan diversificado, e máis cando as mulleres son consideradas cidadás de segunda, e iso está tan enraizado que constitúe unha construción mental, psicolóxica e social que resulta máis complicada de mudar que redactar unha lei na que se diga que somos iguais.

–Daquela tamén hai que incluír factores como a educación.

–Si, claro, porque unha persoa non se educa nun día nin porque lea o texto dunha lei. Isto é un asunto de vinte e catro horas cada día e todos os días, un tras do outro, na vida das persoas de loita por cambiar as formas, describirnos, presentarnos e até de pensarnos e imaxinarnos a nós mesmas.

–Cal quere ser a aportación do seu libro?

–A de facilitar ideas moi sinxelas ao respecto, porque As benfaladas no é un ensaio, senón un libro de divulgación e pensamento que me gustaría que fose entendible e, tamén, discutible, porque nel non hai ningunha fórmula máxica nin eu considero que todas as cousas que digo sexan intocábeis. Pero o que si creo é que dan pé a falar e decartármonos de que, aparte de que nos maten e nos maltraten, a maior violencia que sufrimos as mulleres é a simbólica, a que atingue a como nos representan ou a como nos identifican mesmo nos dicionarios, tanto no da RAE como no da RAG, nos que, por certo, continúan reflectíndonos como seres inferiores.

–Que opina da linguaxe inclusiva (da que a Real Academia Española se amosa radicalmente en contra)?

–Se establecésemos un ranking de prioridades, despois do que che dixen antes, o da linguaxe inclusiva sería unha terceira ou cuarta fase no proceso de normalización da igualdade muller-home.

–Que figura galega destacaría como exemplar e icónica na loita polos dereitos das mulleres?

–Hai varias. Historicamente, eu admiro moitísimo a Concepción Arenal, da que aínda non se deu a divulgar a verdadeira e grandiosa dimensión das súas aportacións ao feminismo, malia que ela non o denominase así.

–E das actuais?

–Sen dúbida, María Xosé Queizán, pola que confeso que sinto unha gran devoción dende que comecei a ler os seus escritos. De feito, neles xa está todo dito, e non obstante, quen lle fixo caso a iso?

–Hai quen incluso sospeita que a proliferación da violencia machista ten bastante que ver cun “efecto rebote” do tratamento dos casos de violencia de xénero, tanto na publicidade como na prensa. Que defectos se están a cometer dende os medios de comunicación no tratamento das noticias sobre violencia de xénero?

–Eu vouche facer a pregunta ao revés: cantas noticias que teñen que ver coa violencia machista nas que informen polo miúdo sobre o asasino ou o maltratador? Que sabemos sobre os agresores? Pois cáseque nada. En cambio, si que nos informan, e dabondo, sobre as vítimas.

«O relato da violencia de xénero, como acontece con todas as narracións, depende tamén de como se conten as cousas»

–E con iso onde quere ir parar na súa apreciación?

–A que a morte está normalizada e a que, cando se fala de violencia de xénero, só se fala das mortas. Existe unha normalización da violencia de xénero porque estes feitos se contan a medias. Isto xa o definiu María Xosé Queizán coa expresión holocausto feminicida, que se refire a que dende que temos coñecemento das relacions entre o homes e mulleres, o asasinato máis frecuente é o das mulleres. O cal quere dicir que, historicamente, a razón de xénero é unha das máis repetidas dentro dos crimes sociais.

–Volvendo á pregunta que lle fixen sobre o tratamento dos medios de comunicación?

–Pois que o relato da violencia de xénero, como todos os relatos, tamén depende de como se conten as cousas.

–Ou sexa, que a culpa é dos medios de comunicación?

–Neste caso eu non culparía os medios de comunicación, senón á sociedade no seu conxunto. Porque aínda que na prensa saíra publicada unha breve e aséptica noticia sobre un caso de violencia de xénero, á sociedade iso seguiríalle importando ben pouco. Que as noticias poderían contarse doutro xeito? Pois, si, pero isto vai de algo máis fondo.

–Percibe Vde. que na sociedade de hoxe en día conviven un “feminismo antigo” e un “feminismo moderno”?

–O feminismo é un movemento vivo, e as cousas vivas cambian, evolúen, pasan por diferentes procesos, e ás veces tamén retroceden. Se o feminismo actual fose idéntico ao das mulleres de principios do século XX, de que estaríamos falando? O que si é certo é que, nesta última etapa, hai unha aceleración dun proceso que, dende o meu punto de vista, está a resultar digamos que un pouco apresurada no senso de que esixe solucions inmediatas a problemas concretos que requiren seguramente unha maior tempranza

–En Pontevedra celébranse dende hai anos unas xornadas que levan por título “As mulleres que opinan son perigosas”, protagonizadas por mulleres xornalistas. Por que, anos despois, ainda seguimos a ser “perigosas”?

–Porque temos todo por facer; porque, malia o conseguido, sobre todo no mundo occidental, o certo é que aínda somos unha bomba de reloxería (risos).

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents