Da arte de Castelao

Nos 75 anos do seu pasamento

Canto pesa  e como fede! (1916).

Canto pesa e como fede! (1916). / Arquivo

Os 75 anos do pasamento de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (1886-1950) en Buenos Aires levan a que Galicia dedique este ano a lembrar a figura central para a política, literatura e arte galegas que representa o rianxeiro. Por ese motivo, están previstas numerosas actividades ao longo dos próximos meses.

Desde a perspectiva das artes plásticas, é un bo momento para lembrar a súa transcendencia como creador da moderna arte galega, un proceso que se foi afirmando partindo dunha formación como caricaturista e dunha orixinalidade no tratamento dos temas de matriz galega.

Da arte de Castelao

A derradeira lección do mestre / FdV

Castelao evolucionou, superando o inicial costumismo e a influencia simbolista e modernista, cara a un realismo social de cerna popular e expresionista. A mudanza de preocupacións estéticas e políticas do rianxeiro prodúcese a mediados da década dos dez –no momento da súa ligazón ao nacionalismo das Irmandades-, un vieiro que vai ir acentuando nos seus anos de madurez. Nos grandes óleos dos anos dez: Tríptico de cegos (1915); O emigrante e Regreso do indiano (ambos de 1916) combina o influxo modernista e a pegada da pintura flamenga do século XV e comezos do XVI. Son obras en que enfatiza o pormenor, o verismo e a caricatura e en que as analoxías formais coa pintura flamenga están nos fondos paisaxísticos, no seu caso de influxo e feitura modernistas e con primeiros planos salientando figuras e temas populares galegos, tratados cun debuxo de acentuado linealismo.

Da arte de Castelao

Negriño en Nueva York / FdV

O momento decisivo chegará co álbum Nós (1916), unha obra coa que Castelao abre unha corrente claramente social, marcadamente crítica e cunha estética que conecta coas correntes realistas. Nos debuxos do álbum Nós agroman todas as contradicións, conflitos e esperanzas do home común deste convulso e esperanzador período, sendo en boa medida este traballo espello do seu tempo. Os seus debuxos representan con moita variedade as características físicas máis acentuadas do home galego, hai que ter en conta que Castelao sempre estivo preocupado por plasmar do xeito máis eficaz posíbel as cuestións que afectaban á ética ou aos problemas políticos da sociedade que lle tocou vivir, cunha forte carga solidaria: a inxustiza das leis, a emigración, o caciquismo ou a problemática nacional. O protagonismo central deste álbum téñeno personaxes populares: meniños, cegos, mulleres, homes do mar, labregos empobrecidos... e en contraste con eles burgueses e caciques, para en todos os casos o autor facer salientar as características máis notábeis deles.

Castelao mostra unha capacidade senlleira para conseguir que o debuxo non sexa apenas un instrumento de denuncia, senón un instrumento de xustiza, definidor tamén no plano do social. Mais non debemos esquecer que estas preocupacións se elaboran por medio dunha coidada construción plástica, de forma que nos seus cadros e debuxos utiliza recursos especificamente visuais.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents