Cando algúns sabres fixeron música
A memoria de Xosé Fortes nos 50 anos da UMD

Xosé Fortes e outros membros da UMD (1976). / Arquivo
Se nalgúns países hai orgullo das súas forzas armadas (malia experiencias non sempre defendibles), en dous séculos en España non houbo máis guerras gañadas que as civís (as guerras africanas, entre elas). Iso supuxo consagrar esas dúas Españas que en célebres palabras de Antonio Machado, xeaban os nosos corazóns. Na España que comezou unha andaina constitucional despois da guerra contra Napoleón, o exército practicou o pronunciamento como medio para modificar a (cativa) vontade das urnas. E así seguiu ata as ditaduras de Primo de Rivera e o golpe de xullo de 1936. Poucas razóns había para que o conxunto da cidadanía (no seu sentido cívico) sentise orgullo polas súas forzas armadas. Seguindo o establecido por Filipe V, o exército vixiaba máis ao pobo ca a un eventual inimigo exterior.
Pasado o breve período da Segunda República, cando houbo leais á orde constitucional, a máis elemental do pensamento democrático non estivo presente no exército español ata a fundación da Unión Militar Democrática (UMD) en 1974. Co gallo deses cincuenta anos pasados, o pontevedrés Xosé Fortes ven de publicar En la piel de los héroes (Tusquets), un exercicio da súa memoria persoal daquel feito e das posteriores consecuencias, cun epílogo de Xabier Fortes, o seu fillo e xornalista de RTVE. Lonxe de calquera nostalxia ou dunha batalla á maneira daquel avó da familia Cebolleta, as lembranzas e mais as opinións de Xosé Fortes axudan a reflexionar sobre esa dualidade, non sempre doada, entre exército e democracia.

Lisboa, 25 de abril do 1974. / Arquivo
E así, de entrada temos que considerar dúas cousas. A primeira, que define as debilidades que tivo que aturar a Transición (ao cabo, non había máis cera que a que queimaba), é porque ao conxunto de funcionarios que xuraran os «Principios Fundamentales del Movimiento» para accederen a tal condición non lles fixeron acatar o texto constitucional aprobado en referendo en decembro de 1978: abondaba cun simple formulario e unha sinatura ao pé. A segunda, máis recente, é porque sendo o conxunto das FAS unha institución democrática sometida ao mandato civil elixido nas urnas, no seu seo abondan comportamentos non sempre democráticos.
Moitos foron os membros da UMD que, alén dunha alta profesionalidade militar, amosaron un comportamento intelectual máis ca salientable. Velaí os libros de Fernando Reinlein, Julio Busquets, Roberto Muñoz Bolaños, José Ignacio Domínguez «Cuchi», Gabriel Cardona ou do propio Xosé Fortes; ou a formación do Foro Milicia e Democracia para rachar a tradición golpista do exército español. Homes que tomaron unha decisión, valente, para que a democracia fose unha realidade. Unha opción que devolvía o orgullo popular a unha institución erguida en base á revencha e moitas veces á corrupción dentro dun sistema que privilexiaba a uns poucos. Un exército herdeiro daquela masculinidade tóxica establecida por Miguel Primo de Rivera e que durante moitos anos fixo das novatadas contra os recrutas un sinal de reafirmación e burla.

Paracaidistas españois. / Arquivo
Xosé Fortes repasa na súa memoria o feito e padecido sen negar que os vimbios que construíron a democracia nunca foron fortes, nin polas estruturas do Estado nin polas novas forzas políticas (incluídos certos xogos de bruxería por parte de certa esquerda con militares por medio). Incluso cando desde a UCD procuraron o consello da UMD contra as tentacións golpistas, o cal non impediu sucesos como a ocupación do Congreso no febreiro de 1981. Foi a mellor vacina para que o exército se sometese, definitivamente, ao mandato civil e democrático. Unha recuperación do orgullo popular polas forzas armadas que, de feito, comezou a callar cando, despois da participación en misións de paz, o goberno de Rodríguez Zapatero estableceu a Unidade Militar de Emerxencias.
Reticencias
Semanas atrás, Fernando Reinlein, presidente do Foro Milicia e Democracia e antigo membro da UMD, publicaba unha carta nun importante xornal barcelonés. Nela, denunciaba a retirada que co Concello de Barcelona fixo da invitación a Fidel Gómez Rosa, secretario da citada entidade e autor dunha tese de doutoramento sobre a UMD. A causa de tal veto era, segundo a carta, «un vago e impreciso malestar pola formación da mesa redonda». Unha traba que, medio século despois, ven a engadirse ás reticencias ou limitacións que o novo réxime democrático nacido en 1977 aplicou. Comezando pola aplicación da primeira lei de Amnistía de 1976 aos condenados da UMD cando ficou limitada, de feito, a un indulto das penas de cárcere pola reticencia da alta oficialidade; polo mesmo, a segunda lei de Amnistía tampouco lles foi aplicada, circunstancia que tamén afectaba aos militares da República. O perdón que os reintegrou no exército non chegou ata 1986 pero non plenamente. Non foi ata 2009 cando, a proposta da ministra Carme Chacón, o Congreso dos Deputados outorgou a Medalla do Mérito Militar aos membros da UMD. Algúns oficiais devolveron as súas e o PP considerou, coa súa oposición, que a creación desta organización fora «unha ocorrencia».
Suscríbete para seguir leyendo
- Un iceberg 11 veces más grande que Vigo atraviesa un caladero gallego y amenaza con impactar contra las Georgias del Sur
- Muere el icónico presentador Xosé Manuel Piñeiro
- De ganar el bote de Pasapalabra a ocupar un alto cargo en el Ministerio de Interior
- Conmoción en la Policía Local de Vigo: «Se nos ha ido la sonrisa eterna»
- Detectados seis casos de cáncer de cérvix en el área sanitaria tras testar a más de 22.000 mujeres
- La despedida de Ion Aramendi en 'Reacción en cadena': «Gracias por todo»
- Detenido el capitán de un pesquero gallego por esclavitud a bordo
- El temporal deja ya vientos de casi de 180 km/h, vuelos desviados y más de 600 incidencias en Galicia