Poesía popular e labrega
Versos na contorna de Chantada
Anxo González Guerra
Conta a lenda que o nome de Chantada xurdiu cando o Demo ía de camiño coa nai ao lombo e ela non facía máis ca roñar e roñar. Enfadado, o Maligno tirou con ela ao chan e díxolle «aí te quedas chantada». A nai demoníaca non quedaría «chantada» no lugar, pero si está ben «chantada» nos chantadeses a inspiración poética e a poesía popular. E usamos «chantadés», o xentilicio recomendado polo estudoso Xosé Henrique Costas, aínda que no dicionario da RAG só vén «chantadino». A comarca de Chantada é rica en produtos agrícolas e tamén conta con tres poetas labregos, un por cada un dos concellos que a conforman: Ana Vila Portomeñe (Taboada), Paco Ledo (Chantada) e Emilio Álvarez González (Carballedo).
Ana Vila Portomeñe
Ana Vila ten 55 anos e naceu na parroquia taboadesa de Meixonfrío. Vive do traballo de gandeira e labrega. Cando vai coas vacas ao prado, mentres elas pacen a poeta vai anotando nun caderniño os versos que lle veñen ao maxín. Mellor «locus amoenus» non pode haber para unha poeta popular. Por ser muller entendida en vacas xa foi chamada varias veces como xurado no concurso «Miss Vaca» do programa Luar da TVG. Acáelle moi ben o título de «poeta labrega». A nosa autora ten catro libros de poemas (un en castelán) e o último é Sentidos nunha aldea (2019) que está escrito a man. Ten colaborado en multitude de eventos e en varios libros colectivos. Os seus son poemas dunha muller labrega e galega que nos di:
«Muller de aldea, / muller labrega, / son as túas mans / agarimo da terra».
Emilio Álvarez González
Nacido en Trasar de Carballo (moi cerquiña do famoso Carballo de Cartelos) no ano 1954 e finado en 2008. Estivo no Seminario de Lugo e fixo estudos en Maxisterio. Comezou na lingua na que aprendeu a escribir, o castelán (Caminos al atardecer, 1974), mais axiña se atreveu coa súa lingua natal, o galego (Albas de primaveira, 1981).
O Emilio ía coas vacas para o prado dos Currás e tamén levaba con el un caderniño no que ía anotando os versos que lle viñan á cabeza. Facendo estrema estaba o noso prado e miña nai, mentres velaba as vacas, levaba outro caderniño no que ía anotando as frases que lle xurdían -editadas en «Fraseoloxía e paremioloxía de Pilar Guerra (Trasar, Carballedo, Lugo)», Cadernos de fraseoloxía galega, 2010-. Un día abeiraron (moscaron) as vacas e a libreta do Emilio quedou tirada no camiño, colleuna a mamá e agora eu conservo como bens prezados da miña biblioteca os manuscritos dos dous labregos que escribían no prado dos Currás de Trasar.
Son poemas escritos no seu galego popular do sur de Lugo: «Naceche pa ser aire, / pa ser vento, / pa ser flor solitaria dos campos / que acarician silenzo / as maus da soedade».
Paco Ledo
Francisco Ledo López, de 72 anos e nado na parroquia de Mariz, tamén é poeta e foi labrego e gandeiro. No seu caso podemos engadir o de «poeta ribeirao» pola querenza que lle ten á paisaxe chea de muras e cepas, agora coñecida como Ribeira Sacra. Ademais exerce decote de «recitador», sempre está presto para acudir cos seus versos alí onde o chaman.
Leva cinco poemarios publicados e dúas pezas de teatro. No primeiro, Poesías dun labrego, xa deixa claro o que el se sente. O último, Nos portelos da memoria, está ilustrado por Lomartí e ten un prólogo do ilustre chantadés Xosé Lois García. Tamén publica na Internet co pseudónimo de «Martín do Pacio». É a súa unha poesía popular e labrega na que recrea con moita musicalidade as terras e ribeiras da súa paisaxe: «Nunha contorna labrega / con vides por bandeira, / dunha namorada albada / branquexan as cerdeiras».
Trátase, polo tanto, de tres poetas labregos, da labranza ou mesmo vaqueiros e autodidactas, non son profesores nin funcionarios ou xornalistas e móvense fóra dos círculos que gobernan as nosas letras; tres poetas do pobo galego.
A serra do Faro, por unha banda, e mais o río Miño pola outra veñen agarimar os versos en galego destes tres vates populares que nos regalan a súa poesía: «Quen vai a Chantada nunca vén sen nada», di o refrán.
Fértil en poetas
Dise que «en Chantada levantas unha pedra e salta un poeta». Alí hai bo viño, castañas, queixo, sidra, galletas e moitos poetas en galego. A tradición vén do século XIII coas cantigas de romaría de Johán de Requeixo en honra da Nosa Señora do Faro. E sete séculos despois nese Monte do Faro, por petición de Uxío Novoneyra, ergueuse unha peneda cun poema do chantadés Pablo Rubén Eiré. Ademais de Ana Vila, Paco Ledo e Emilio Álvarez, outros poetas de Chantada son Anxo Boán (o poeta avogado), Xavier Costa Clavell (xornalista en Barcelona e cofundador de Brais Pinto), Xosé María Costa (fillo do anterior, poeta e crítico tamén ligado a Barcelona), Avelino Gómez Ledo (cura-poeta e tradutor de Virxilio), Ramón Rodríguez Porto (poeta e adegueiro) e Manuel Regal Ledo (frade bieito galeguista). Nos últimos anos gaña forza o poeta Rafa Lobelle (historiador multipremiado de Vilameá). Ademais está Xosé Lois García que naceu en Lugo mais criouse en Merlán, é o máis prolífico poeta da contorna, un home moi ligado a Cataluña e tamén á lusofonía. E aínda hai máis, mesmo que non publicaron libros pero comparten obra nos recitais e nas redes sociais.
Suscríbete para seguir leyendo
- Un tractor camuflado y una semirrígida con tres potentes motores pone en alerta a la Guardia Civil de Arousa
- Agrio final judicial para la camarera de Vigo que se encontró el bar cerrado tras 10 días de baja
- Salvaje persecución por Vigo y O Porriño: 50 kilómetros a la fuga y cuatro coches policiales dañados
- Una histórica cafetería de Vigo echa el cierre con las uvas después 44 años cotizados: 'Nos vemos en los bares
- La Audiencia aconseja a un matrimonio de Vigo vender la residencia familiar ante el fracaso de la casa nido
- Trece implicados y 270 toneladas intervenidas en Vigo y otras localidades de Pontevedra por comercializar de forma ilegal productos del mar congelados
- La tajante decisión de Antena 3 después de que Cristina Pedroche y Chicote se colarán en las Campanadas de TVE: así zanjaron la broma
- Un pasajero que subió al tren con destino a Vigo en la estación de Vilagarcía agrede a una revisora de Renfe