Libros recomendados da semana

Libros recomendados da semana

Libros recomendados da semana

VVAA

Da autoridade na literatura

Outros tempos son chegados

Iago Fernández

Xa que o mesmo Cequeliños publicita a novela coma unha homenaxe á literatura popular de finais do s. XIX, deberiamos poñer coidado á hora de refrendala ou de rexeitala en función de certos criterios. Un xeito consecuente de valorala consistiría en poderar a competencia do propio Cequeliños para desenvolverse nos límites da literatura que homenaxea; é dicir, a de masas. Dende esta perspectiva, xusto sería refrendala: o estilo é bo, a trama sostense, non faltan escenas e personaxes ocorrentes, a caracterización historiográfica está axeitadamente dosada e a peripecia chama á atención: xornalista portugués segue a médium estadounidense en aventura que arrinca en 1905 e cobre norte de Portugal e sur de Galicia. Pero unha abordaxe desta natureza conleva implícitos que, se permanecesen á sombra, facilitarían unha compracencia allea á función crítica.

Máis ou menos, todos aceptamos que certos tipos de novela obteñan en lugares e momentos específicos unha autoridade inercial. Tan lexítimo coma inevitable. Non é bo nin malo nin sorprendente que Cequeliños explote moi destramente os códigos da literatura de masas e, como foi o caso, un xurado o autorice para gañar o Torrente Ballester 2023. Non obstante, nunca deberiamos asumir (ou obviar) a autoridade de certos tipos de novelas nin moito menos dalgúns premios.

A novela de Cequeliños cinxe con tanta forza os postulados da literatura de masas, que destaca polo mero feito de cumprir á perfección co seu propósito: entreter e, en último grao, aproveitar. Logo habería que ver se estamos dispostos a validar a súa autoridade baixo a condición de fomentar unha «literatura do pasatempo» así como de abandeirar os poderes fácticos (e institucionais) que a satisfán.

Sen ánimo de provocar, non debería supor un problema: a literatura galega precisa, como calquera outra, dunha literatura de masas. Pero o noso presente literario permite defender posicións moito máis ventaxosas grazas á notable cantidade de autores/as que adoptan postulados literarios diferentes e, en consecuencia, sinalan focos de autoridade alternativos; nesta páxina tiven (ou terei) ocasión de falar de Pablo Pesado, Cecilia F. Santomé, Lara Dopazo, Fernando Castro Paredes, Antón Dobao... Ningún dispón da competencia decimonónica de Cequeliños, pero, apelando á autoridade que confire Arthur Rimbaud, son «absolutamente modernos».

Imagen

Sábeme a salamántiga o ceo da boca

Autor: César Cequeliños

Editorial: Editorial Galaxia

PVP.: 27 euros

Amena narración

Misterio, intelixencia, divertimento

Estro Montaña

Un dos grandes divertimentos da sociedade contemporánea é a novela policial que, xa no século XIX, tivo cultivadores como Edgard Allan Poe, creador do detective Auguste Dupin en Os crimes da rúa Morgue. En O gran misterio de Bow, o escritor xudeu Israel Zangwill (1864-1926) trasládanos a un Londres bretemoso para situarnos diante dun asasinato que esperta a curiosidade do lector e que se resolverá de xeito inesperado, de acordo co esquema das novelas de misterio do cuarto pechado.

No prólogo, o autor avisa de que debería prevalecer un ton lúgubre, mais el vai introducir o humor como elemento importante da narración. A través dunha ducia de capítulos o autor presenta unha investigación que salta do tranquilo distrito de Bow, en Londres, a toda Inglaterra e mesmo máis alá das fronteiras do país. Desde o descubrimento do cadáver dun simpatizante dos dereitos dos traballadores, nunha habitación por parte da dona dunha casa de hóspedes, ata a solución do caso, cun estilo claro e brillante, Angwill emprega os diálogos con habelencia, e manexa as descricións e a caracterización dos personaxes para situar diante de nós unha historia con varios sospeitosos, que critica o sensacionalismo da prensa no tratamento da violencia e, ao tempo, amosa a convulsa e problemática sociedade inglesa da segunda metade do século XIX. O remate final, despois dun xuízo, descubre con intelixencia e sorpresa o responsable do crime.

Imagen

O gran misterio de Bow

Autor: Israel Zangwill

Editorial: Aira Ed.

PVP.: 18 euros

Ao servizo do coñecemento

Escribir para a liberdade

María Navarro

Coa caída das primeiras follas de outono sae do prelo Cartas na escuridade, VI Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil que convoca o Salón do Libro e o Concello de Pontevedra en colaboración coa editorial Cuarto de Inverno. O seu autor, Lois Pérez, dá paso de forma alternativa á reflexión, ao relato e ao intercambio epistolar para crear un mundo de ficción que ancora as súas raíces na realidade, ás veces, dura; outras, cruel; mais tamén, esperanzadora, porque, a miúdo, a vida escolle o camiño máis longo para facer realidade os soños.

Os irmáns Denis e Moses que desexan voltar a Uganda, a catarí Amira e o francés Olivier dende as súas posicións de privilexio lanzan as súas mensaxes de protesta: uns, con lembranzas e desexos; outra dende o talento de estudante; el, a través da soidade revestida de agasallos e, todos, procurando dar visibilidade a uns feitos que o común das persoas se empeñan en normalizar coma se o sufrimento dalgúns tivese xustificación no benestar duns poucos. Logo, algún que outro detalle como a intervención de Aluma, estrela mundial do reggaetón e a súa moza Ann Drolla Ice non veñen máis ca confirmar a idea da falta de sensibilidade para co que sobrevive nun mundo de depredadores, amortecido neste volume por personaxes de carne e óso que non dubidan en actuar cando as circunstancias o requiren.

Unha vez máis a literatura ponse ao servizo do coñecemento, porque só o saber nos fará libres.

Imagen

Cartas na escuridade

Autor: Lois Pérez

Editorial: Cuarto de Inverno

PVP.: 15,50 euros

Vermello sobre branco

Unha reflexión radical

Oriana Méndez

Daniel Salgado regresa con Poemas realistas, obra que consagra unha voz imprescindible da poesía galega última e que se presenta so o maxisterio editorial de Apiario. Salgado comeza por tensar o noso horizonte de expectativas, xa que estes poemas son e non son «realistas», pois trascenden, con moito, a categoría do «realismo social». Trátase, máis ben, dunha reflexión radical sobre as estruturas do poder e o «estado das cousas» que combina referencias á teoría marxista cun pesimismo existencial aberto á construción de espazos de liberdade: a mazaira, o pardal ou o imaxinario pictórico de Urbano Lugrís simbolizan a resistencia ao «There Is No Alternative» do thatcherismo. Por súa vez, a dedicatoria a Ferrín e Char, como tamén o impactante deseño da portada, con evocacións ao suprematismo de Malevich, sitúanos na tradición vangardista de compromiso afastada do panfleto en favor da exploración dos límites da arte.

Di Salgado: «a carencia de autonomía de clase, a insensata / arquitectura da vida diaria, soños / sometidos ao comercio» e con estes versos seguimos o fío condutor do poemario: crítica á maquinaria capitalista que subordina non só a vida cotiá, senón tamén as propias aspiracións e desexos. Formalmente, os encabalgamentos tecen un ritmo que lembra a improvisación jazzística (o poema dedicado a Cecil Taylor, a sombra de Coltrane sempre presente), intensificando a sensación de urxencia e acoramento. Asemade, a ausencia de solucións conclusivas relaciónase co carácter inestable da realidade contemporánea e funciona coma o reflexo dun malestar fondo que rexeita respostas sinxelas. Poesía política no mellor sentido: lúcida, desafiante, xenuína.

Imagen

Poemas realistas

Autor: Daniel Salgado

Editorial: Apiario

PVP.: 18 euros

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents