Inflexión «Meininger»

O nacemento da dirección escénica

As achegas da Compañía Meiningen ó teatro.

As achegas da Compañía Meiningen ó teatro.

Manuel F. Vieites

A dirección escénica como actividade existiu sempre, pois sempre houbo persoas que se ocuparon do proceso de deseño e realización de espectáculos. En Grecia, o Corego designaba un «corodidaskalos», mestre do coro, que en ocasións era o autor das pezas que se escenificaban. Dese feito deriva que o texto secundario das pezas dramáticas se denomine «didascalias», en tanto indicadores da acción. Ademais do autor, esa función tamén foi realizada no pasado polo actor principal, con frecuencia empresario ou promotor da compañía. Como profesión, en tanto ámbito diferenciado do saber e no facer, a dirección escénica emerxe a finais do século XIX, e na historiografía teatral recoñécese como un fito case fundacional o labor da Compañía Meiningen, creada en 1874 polo duque Xurxo II de Saxonia-Meiningen no teatro ducal da cidade. O labor dese colectivo, coñecido como Os Meininger, é o obxecto de estudo dun notable volume editado por Pablo Iglesias Simón, director e profesor de dirección escénica na Real Escola Superior de Arte Dramática de Madrid, que vén de presentar Fundamentos.

Está o libro artellado en sete partes, con materiais diversos, entre os que destacan as traducións de traballos editados na época en que a compañía estaba en activo, polo que teñen o valor de ser fontes primarias na descrición e análise do seu desempeño escénico. A destacar a Historia dos Meininger (1926), de Max Grube, un estudo da historia da compañía, das persoas que a dirixiron, dos procesos de traballo, das xiras por Europa e da transcendencia das súas achegas naquel momento histórico, un relato que vai acompañado dunha manchea de debuxos realizados polo propio Xurxo II. O capítulo gráfico é un aspecto ben interesante no conxunto, e permite ter unha idea aproximada do que puideron ser os seus espectáculos, e nesa dirección destacan as ilustracións de Christian Wilhelm Allers.

Nas partes terceira, cuarta e quinta, incorpóranse testemuños moi diversos, con numerosas miradas externas e internas ao quefacer da compañía, como poidan ser a do director Otto Brahm ou a do actor Karl Weiser. E na parte sexta, unha ampla recompilación de recensións críticas dos espectáculos e das estadías dos Meininger en Berlín, Moscova, Bruxelas ou Viena, coas voces de críticos como Karl Frenzel e William Archer, ou directores de escena como André Antoine e Konstantin Stanislavski. Hai aínda unha sétima parte cunha breve nota biográfica de cada unha das moitas persoas mencionadas ao longo das cerca de cincocentas páxinas do volume, unha bibliografía ben pertinente, e a referencia ás persoas que asumiron a tradución dos textos anteditos: Elba López Oelzer, Borja Ortiz de Gondra, Ignacio García May e Isabel Hernández.

Todo o anterior vai acompañado, na parte primeira, dun estudo ben interesante do propio Iglesias Simón, quen comeza por presentar antecedentes diversos na construción da dirección escénica antes de que o traballo dos Meininger marque un punto de inflexión. Con eles comeza o que se pode considerar un novo paradigma, coa emerxencia dunha figura que xa non é nin primeiro actor nin autor, senón un facedor de teatro. A destacar o apartado onde se analizan polo miúdo os principais trazos diferenciais e novidosos nos espectáculos desta compañía, que xustifican o título deste volume espléndido: Los Meininger y el nacimiento de la dirección escénica. Un libro que hai que ler de vagar e no que paga a pena perderse, pois contén claves para entender a historia do teatro actual e para coñecer a intrahistoria dunha compañía sobre a que apenas existían fontes documentais fiables. Parabéns pola iniciativa.

A trindade

Na peripecia da compañía destacan en especial as tres persoas que se ocuparon da súa xestión artística. En primeiro lugar, o duque Xurxo II, que amais da dirección xeral do colectivo, asumiu o deseño e concepción dos espectáculos e dos seus aspectos plásticos, apostando polo realismo. Logo está Ludwig Chronegk, un actor que exercerá funcións vinculadas á dirección escénica, como a organización de ensaios e xiras ou o traballo con actores e actrices. Finalmente, Ellen Franz, actriz cunha longa traxectoria en teatros de Gotha, Oldemburgo ou Mannheim, e que na compañía desempeña as funcións de mestra de expresión e declamación e responsable de dramaturxia e repertorios.

En conxunto desenvolveron un método de traballo que lles permitiu crear espectáculos a partir de autores clásicos, como Shakespeare, Molière ou Schiller, e contemporáneos, como Henrick Ibsen, George Bernard Shaw ou Gerhart Hauptmann. Ese traballo en colaboración marabillou a Europa enteira e marcou un modelo a seguir. Así se iniciou unha das fases máis apaixonantes e ricas na historia do teatro contemporáneo.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents