Satanistas

Crónica do culto ao mal

Satanistas.

Satanistas.

Hai unha constante na existencia humana: a loita entre o ben e o mal. É dicir, en facer o ben ou o contrario. Este conflito interno, que chamamos ética ou moral, foi resolto polas relixións monoteístas atribuíndo a Deus a bondade e ao Diaño o exercicio de tentar os humanos para vulnerar as leis dadas polo primeiro.

Para católicos e protestantes, a existencia do Maligno non constitúe dogma de fe malia dala por absolutamente certa. Pero desde as orixes do cristianismo, a relación establecida entre Deus e o Demo foi motivo de discrepancia doutrinal. Son opostos en igualdade, como defendían os gnósticos? O Diaño foi, en tanto que anxo, unha creación de Deus? A Igrexa católica, práctica ao cabo, solucionou o problema da caída na tentación coa confesión; pola contra, para os protestantes cada fiel faise responsable dos seus actos ante Deus. Pero uns e outros non poden afastar a dualidade entre divindade e moral.

A primeira cuestión a considerar a partir das escrituras reveladas é cal foi o motivo da rebelión dos anxos que Satán lideraba. Arrogancia fronte ao poder absoluto de Deus? Subversión fronte ao poder terreal asociado á divindade? Como transitaron pola Historia os que non condenaron a acción do Malvado? Consideremos que así como a crenza en Deus non supón exercer a bondade decote, no caso dos que adoran o Diaño non existe unha correlación de maldade constante.

Estas e moitas outras preguntas quedan respondidas en Satanismo. Historia del culto al mal de Javier Cavanilles (Almuzara). Neste libro, de vontade divulgadora, este xornalista valenciano transita pola presenza do Diaño na vida humana ao longo de séculos. Unha presenza que aumentou conforme a relixión deixou de estar presente a prol do pensamento racional e científico. Desde a masonería (que acreditaba en Deus pero limitáballe o poder) ata a emerxencia de grupos ocultistas, pasando polo satanismo romántico que deu ao Diaño manifestacións diversas e que chega ata os escritores simbolistas.

Unha presenza que na cultura popular (relixiosa ou non) xa estaba presente desde a lenda de Teófilo e o seu pauto co Demo do que escribiron Gautier de Coinci ou Gonzalo de Berceo e que C. Marlowe e J. W. Goethe, con Fausto, fixaron para sempre. Para saber que facer contra ou co diaño, as xentes do común recorrían a obras como os grimorios, o máis coñecido dos cales entre nós era o Ciprianillo. Unha existencia, a do Demo, que lle servía á Igrexa para culparlo de todos os males de maneira que Deus quedaba libre de calquera responsabilidade (morte, desgrazas). Así, para o pensamento conservador (De Maistre, Fiard) serviu para atribuírlle a Revolución Francesa e mais a aparición do liberalismo, primeiro, e do socialismo despois.

Logo da febre de grupos iniciáticos e ocultistas que se deu a finais do século XIX contra a ditadura da ciencia positivista, a acción nalgúns casos derivou en satanismo. Cando as sociedades emerxidas co capitalismo moderno abandonaron a relixión, había fame de crer en fenómenos paranormais. E a primeira manifestación atribuída ao Diaño foi o rock, é dicir o pacto entre músicos brancos para coñeceren e executaren música dos negros. Deste xeito, houbo queima de discos dos Beatles en 1966 ou atques contra o álbum Their Satanics Majesties Request (1967), dos Rolling Stones (inofensivo por outra parte).

Así mesmo, abrollaron lendas de mensaxes ocultas, perceptibles coa reprodución inversa dos discos.Unha presenza que colleu corpo coa aparición do rock duro con grupos como Black Sabbath ou coa popularización das novelas de terror (as de Stephen King, por exemplo) e de grupos de motoristas como os Anxos do Inferno, vinculados á extrema dereita. Unha moda que recuperou a práctica que o cristianismo exerce contra o diaño: o exorcismo. Velaí películas como O exorcista ou A semente do Diaño e, xa en clave de comedia negra, El día de la Bestia.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents