Libros destacados da semana
Iago Fernández
America First
Cos ollos abertos
Iago Fernández
Hai dúas semanas, enfiando unha mención que fixera Marine Le Pen dunha novela de Michel Houellebecq, comentei que as distopías contemporáneas podían lerse en calidade de prognósticos. A propósito de Contos gringos, o último libro de Lara Dopazo, cabería apuntar algo do mesmo estilo: que algunhas narracións fantásticas actuais poden lerse en chave realista. Cando menos, se as contrastamos con certos casos mediáticos que interviron a política norteamericana da última década e, por extensión, os nosos imaxinarios, dende a teoría conspirativa do Pizzagate ate o asasinato de Brian Thompson, CEO da principal aseguradora médica dos USA, no medio de Manhattan. Nun contexto desta natureza, que nunha visita turística a un muíño apareza un reptilián ou que o perfil dixital dunha moza agoche unha caníbal, non semellan feitos fantásticos, senón as posibilidades imaxinarias dun novo realismo que aínda está por definir: fake, líquido, postfactual, propio da era Trump e dos días do asalto ao Capitolio, onde o cotián corre o risco de converterse abruptamente nun delirio: «un día che regala un biscoito de benvida e ao seguinte che saca a escopeta porque lle estás a pisar os tulipáns» (páx. 8).
Nesta realidade, unha parte importante dos personaxes perde o xuízo, coma lle acontece ao viúvo de «Os diques», que remata «roendo» as madeiras da casa onde vivía coa súa defunta. O maior impedimento para conservar a cordura é, precisamente, a imposibilidade dun fogar aceptable, sexa debido a unha escalada de tensión veciñal ou a unhas pésimas condicións inmobiliarias; os personaxes, sen ningunha resistencia que os ampare, fican expostos a un medio social e cultural onde parece chover ácido lisérxico. Colateralmente, en «Once horas e medias», a posibilidade dun novo fogar insinúase coma unha fantasía nacional cando o protagonista repara nun programa de TV sobre reformas de vivendas.
Este país sen fogares é a Norteamérica de Contos gringos e, potencialmente, unha realidade que ameza con connotar política e culturalmente o segundo cuarto de século dos países infectados polas dinámicas do trumpismo e a FOX.
Se fose necesario trazarmos un marco literario, diría que os relatos de Dopazo lembran os de Polaroid, de Suso de Toro, ou a algúns de Quim Monzó; pero, se os poñemos en relación coa actualidae do país que refiren, gardan un aire de familia con American Psycho.
Dar coa beleza no trauma
Traballo de estilo, forma e coidado
Fabio Rivas
Hai poucos días unha compañeira me preguntou que estaba a pasar con ese Runrún que inzaba as redes sociais de publicacións. Que se a autora tiña moitos amigos ou se tan boa era a novela como dicían. Daquela máis nada lera un par de capítulos; hoxe si que lle podo responder: as amizades non llas coñezo pero, desde logo, nestes últimos tempos dei con poucas novelas que gozasen das calidades que son tan recoñecibles nesta. Runrún é unha desas obras en que o argumento perde certa relevancia e focaliza as súas calidades na forma. Non quero dicir, en absoluto, que a trama pase desapercibida —entre outras cousas, a saúde mental ten un papel importante—, pero o certo é que Ana Valera (Narón, 1978) é tan precisa no nivel lingüístico e estilístico que a forza das súas palabras e da súa estrutura teñen a capacidade de te somerxer de vez no desacougo, na agónica necesidade de supervivencia, tamén no desamparo e na soidade. É xusto subliñar que, por desgraza, non en moitas ocasións atopamos escritores capaces de traballar coa nosa lingua dun xeito tan coidado e respectuoso coma Varela. Xa que logo, coñecermos unha nova narradora con tal vontade é sempre un motivo de celebración para a nosa literatura.
Moito, non o dubido, vai dar que falar, e agardo por unha nova achega coa certeza de que a súa voz ha de se estender coma un runrún colectivo.
Divertido percorrido
Con pedagoxía e humor
María Navarro
Logo de coñecer a aventura dos Balbuena no afastado Oeste e cos cabaleiros medievais, sabemos das andanzas desta familia de Moratalaz no Imperio Romano. Os seus creadores Roberto Santiago e Enrique Lorenzo continúan ofrecendo ao seu lectorado divertidos percorridos, agora diante do cónsul Flavio Pio Galva, máis adiante perante Publio Escipión e cara o final no Circo Augusto, polo camiño a afouteza de Sebas permite que da mesma forma que viaxaran no tempo cara o pasado, puidesen achegarse á tormenta e volver estar todos xuntos. E como xa sucedeu nos volumes anteriores, a presentación non pode ser máis atractiva: unhas imaxes a modo de novela gráfica acompañan un divertido texto que combina pasado e presente en forma de acontecementos ou aparellos deste milenio, historia con realidade en forma de poder administrativo, político, militar ou relixioso ou cos ollos da actualidade onde a sociedade se organiza de forma diferente, de modo que todo o que inclúen, case sempre en clave de humor, acaba converténdose nunha ferramenta pedagóxica certamente interesante ao permitirlle á rapazada comprender mellor o mundo que os rodea e desenvolver habilidades de pensamento crítico. Tamén se reforza a identidade cultural descubrindo as formas de vida doutras épocas e se facilita a resolución de problemas, analizando situacións históricas e achegando posibles solucións para a súa resolución.
Unha entrega máis de Os Forasteiros do Tempo que podemos ler na nosa lingua grazas á tradución de Isabel Soto.
Mestre da oratoria
Palabras brillantes, palabras acesas
Estro Montaña
Vén de publicar a inqueda editorial Alvarellos unha selección das intervención públicas levadas a cabo polo profesor Xesús Alonso Montero baixo o título de Palabras para o noso tempo. Catorce discursos orais (2014-2023). Sen dúbida, estamos diante de todo un modelo do que Aristóteles entendía por Retórica: isto é, unha arte de falar definida pola facultade de que o orador coñeza en cada caso aquilo que é preciso para persuadir o público ouvinte.
O volume conta cun prólogo da autoría de Olivia Rodríquez González e outro da man de Carmen Blanco Ramos, e foi posible grazas as gravacións, e meritorias transcricións, realizadas pola propia Carmen Blanco, que conserva no seu arquivo ducias de gravacións de quen podemos definir certamente como un dos grandes oradores da historia moderna de Galicia. Aquí aparecen, xa que logo, discursos sobre figuras senlleiras do eido das Letras -Rosalía, Pardo Bazán, Borobó…- e así mesmo, e tal e como se os tiranos de Sicilia cando xorde a Retórica seguisen vivos, tamén discursos sobre a inxustiza social, con acesas páxinas dedicadas ao exilio e mais á defensa dos oprimidos. Trátase, todas elas, de alocucións orais con excepción dunha conferencia lida, especialmente interesante, sobre un encontro entre Luís Seoane e Francisco Fernández del Riego en Vigo, en 1949. Polo demais, estes discursos abrollaron en tribunas distintas: marcos académicos, prisións, colexios, o restaurante As Chabolas, etc., e neles nótase a perfecta adaptación do conferenciante co destinatario e mais o contexto. A amenidade dos contidos vai acompañada sempre dunha brillante elocución, dun exercicio de memoria que serve para entender mellor o presente e, desde logo, dunha organización interna impecable.
Suscríbete para seguir leyendo
- Un tractor camuflado y una semirrígida con tres potentes motores pone en alerta a la Guardia Civil de Arousa
- Agrio final judicial para la camarera de Vigo que se encontró el bar cerrado tras 10 días de baja
- Salvaje persecución por Vigo y O Porriño: 50 kilómetros a la fuga y cuatro coches policiales dañados
- Hallan el cadáver del joven desaparecido en Silleda
- Una histórica cafetería de Vigo echa el cierre con las uvas después 44 años cotizados: 'Nos vemos en los bares
- Trece implicados y 270 toneladas intervenidas en Vigo y otras localidades de Pontevedra por comercializar de forma ilegal productos del mar congelados
- Una familia de Taboada denuncia la desaparición de su hijo de 18 años, que se despidió en las redes
- La tajante decisión de Antena 3 después de que Cristina Pedroche y Chicote se colarán en las Campanadas de TVE: así zanjaron la broma