A fortaleza estrelada que pasou da decadencia militar a Monumento Nacional

20 anos na rehabilitación de Valença do Minho

A Porta do Meio e o baluarte da Esperança.

A Porta do Meio e o baluarte da Esperança. / A. R.

Alberte Reboreda

Cando Miguel Torga visitou a raia miñota en 1950, anotou que «o rio Minho, laboriosamente, continuava a defender a fronteira desguarnecida». O novelista e poeta luso referíase así a un feixe de cidadelas da Raia húmida, coma a de Valença do Minho, que foran abandonadas polos militares.

Valença, como Valencia, é un topónimo que, en palabras de Cabeza Quiles (2000), «fai referencia a (...) antigos castelos medievais, que teñen boas condicións orográficas para a defensa, é dicir, teñen nese sentido valor ou valencia». Efectivamente, as fortalezas medievais de Tui e Valença xa figuran no Livro das Fortalezas de Duarte de Armas (1509-1510), pero nunha versión románica propia dos seus antigos nomes: Tude e Contrasta. Esta última pasou a ser Valença do Minho en 1261 por decisión do rei Afonso III, e no ano 1315 outro monarca, Don Denís, ratifica a petición do concello para a celebración dunha feira mensual. A praza forte actual é o resultado da transformación dun castelo medieval do s. XIII nunha fortificación abaluartada típica dos séculos XVII e XVIII.

No ano 1874 o escritor ourensán Modesto Fernández y González visita a cidadela e describe un lugar decadente tomado polo exército: «Valença, de aspecto triste y severo, tiene calles estrechas y tortuosas, centinelas en todas partes y vigilantes en las puertas. Ni el sol penetra con toda su fuerza en la ciudad, ni el aire circula libremente por la población (…) Ni los templos ni las rúas llaman la atención. Solo las dependencias militares, los cuarteles, los establecimientos de beneficencia, los almacenes y parques de artillería, entretienen al forastero». Todo mudou en 1927, coincidindo coa saída dos militares e a toma da fortaleza polo poder civil.

Hai dúas décadas, en 2004, as autoridades locais detectaron que a cidadela, que é debedora do estilo acuñado polo arquitecto militar Sébastien Le Preste de Vauban, presentaba un aspecto descoidado, con intervencións «pouco sustentables» que non contribuían á «dignificación do patrimonio histórico», así como un preocupante «estado de desertificación da zona amurallada». Entre as ameazas que puñan en perigo o casco histórico estaba a existencia de «manifestacións arquitectónicas de carácter contemporáneo; baixo nivel de actividade no recinto amurallado durante horario non comercial; intensa actividade comercial e hostaleira en tramos horarios fixos e continuidade dun imaxinario que identifica a vila de Valença como un lugar de venda de «atoalhados», de baixa diversidade histórica e cultural».

Nese contexto chega o encargo da Cámara Municipal a Souto de Moura, premio Pritzker de Arquitectura en 2011 e responsable do documento técnico-legal equivalente aos nosos plans especiais de protección. O arquitecto planificou a construción dun pavillón multiusos dotado de aparcadoiro, redactou un proxecto paisaxístico que inclúe un paseo peonil arredor da fortaleza, demoléronse antigos almacéns e plantáronse novas árbores en espazos abertos coma o Largo da Parada Velha ou a Praça de Armas. O estudo e regularización de pavimentos e o soterramento do cableado, xunto coa construción dun Muro de Agua de 130 m de lonxitude na rúa Apolinário da Fonseca, foron outros dos fitos daquel documento planificador.

Na actualidade a Cámara Municipal fai gala dunha boa xestión administrativa dos edificios situados no casco histórico. As principais medidas desta política son: exención de taxas por permisos municipais; atención especializada na oficina técnica en horario de mañá e tarde; servizos arqueolóxicos gratuítos; reducións e incentivos fiscais previstos na Área de Rehabilitación Urbana do centro histórico e IVE reducido do 6% (o xeral en Portugal é do 23%), así como bonificacións na declaración da renda. O resultado é un conxunto harmonioso, con casas ben rehabilitadas, actividade comercial e de restauración diversificada, e convivencia equilibrada de vivenda para residentes e aluguer turístico, ademais de tres museos.

Monumento Nacional

A fortaleza valenciana é, xunto coa de Elvas ou Almeida, unha das máis senlleiras de Portugal. Proxectada en gran medida polo enxeñeiro militar Michel d l´École, foi declarada Monumento Nacional en 1928 e está formada por dous polígonos estrelados case tanxentes que reciben o nome da Coroada e Recinto da Vila. Ambos están separados entre si por un foso, e dotados de baluartes e medios baluartes con canoneiras, falsas-bragas e revelíns que protexen as súas portas e cortinas.

A Coroada está formada por tres baluartes ao sur e dous medios baluartes ao norte, todos eles reforzados con dúas liñas de defensa. A superior está perforada por canoneiras e a inferior ten acceso a través dun túnel, con garitas nos ángulos e, ás veces, no medio dos muros.

A porta norte ten dous accesos que dan ao foso e unha pasarela que comunica coa porta da praza, chamada Porta do Meio. O Recinto da Vila ou «Magistral» ten planta ovalada e está formada por sete baluartes, un en cada extremo, dous ao leste e un ao oeste. Os baluartes están dispostos nun ou dous niveis de defensa, perforados por canóns e con garitas facetadas nas esquinas. No extremo leste hai dúas portas situadas detrás de cadanseu revelín: a do Sol e a porta medieval da Gabiarra, gorecida por unhas tenaces ou «tenalhas».

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents