Entrevista | Fernando Ramallo Catedrático de Lingüística Xeral da UVigo

«Ferrín é un dos grandes ideólogos do nacionalismo galego»

Despois da publicación de Castelao é noso, Alvarellos tira do prelo, novamente baixo o coidado de Fernando Ramallo, Primeiro foi Galicia, reunión de textos publicados por X.L. Méndez Ferrín en FARO DE VIGO, e nos que o reflexiona arredor das históricas relacións entre Galicia e Portugal e sobre a importancia do reino suevo na Gallaecia.

O catedrático Fernando Ramallo na biblioteca  Penzol de Vigo.  | FOTO:

O catedrático Fernando Ramallo na biblioteca Penzol de Vigo. | FOTO: / @ELIREGUEIRA

Lourdes Varela

–En que medida estas dúas temáticas son fundamentais para coñecer e completar o pensamento político e ideolóxico de Xosé Luís Méndez Ferrín?

–É que estas dúas temáticas deben ser entendidas non de xeito illado senón cunha evidente relación. A Galicia e mais o Portugal actuais teñen un antecedente compartido, o primeiro reino europeo que xorde unha vez desaparecido o Imperio Romano: a Gallaecia suévica, desde o ano 411 ao 585. Pois ben, Ferrín axúdanos a esclarecer de xeito analítico a orixe, evolución e o momento actual das relacións entre dúas nacións, Galicia e Portugal, que comparten trazos fundamentais da súa historia, cun desenvolvemento político diferente cuxas consecuencias son ben coñecidas. En todo caso, a chave é entender mellor que falar de Portugal sen referencias a Galicia se afasta da verdade.

–A algúns lectores resúltalles paradóxico que Ferrín se teña ocupado de Portugal e que, porén, rexeitase e rexeite a «alternativa lusista» ou «reintegracionista» para a lingua galega escrita...

–Son aspectos ben diferentes. Ata onde eu sei, Ferrín gosta de Portugal e da lingua portuguesa, que ben coñece. Mais, como filólogo, falante e escritor dun portentoso galego afastado do normativo, ten moi claro que estamos ante un espazo lingüístico con dous idiomas apegados pero diferentes: galego e portugués. Teñen unha orixe compartida e, por razóns políticas, evoluíron de xeito parcialmente diferente desde séculos atrás. Non esquezamos que o portugués non vén do latín, senón do galego, que si ten a súa orixe no contacto do latín vulgar coas linguas de substrato e de superestrato faladas na provincia romana da Gallaecia e, a seguir, no reino medieval de Galicia que abranguía o condado Portucalense.

–No proxecto político galeguista, Castelao defendía a Confederación das nacións ibéricas nun Estado do que formarían parte Portugal e Galicia. Cal é a idea política de Ferrín a este respecto? Coincide coa de Castelao?

Ferrín dedicou toda a súa vida á defensa teórica e práctica dunha Galicia soberana. No que concerne a Castelao, non hai diferenzas na consideración de Galicia como unha nación. Mais, como ben recolles na túa pregunta, mentres o Mestre optaba pola confederación, Ferrín ten un inapelábel compromiso a prol do dereito á autodeterminación e da independencia de Galicia.

–Sen dúbida, Ferrín, a través dos seus artigos, erixiuse non gran defensor, divulgador e reivindicador do Reino Suevo. Debemos entender esta reivindicación como un xeito de superar o tópico do “celtismo”?

–A reivindicación por parte de Ferrín da Gallaecia suévica non debemos apegala a ningunha redución ou superación do celtismo, mais si a unha certeza explícita: a necesidade de priorizar a relevancia do primeiro reino bárbaro da Europa posromana que elixiu desenvolverse nestas terras que hoxe habitamos nós e parte do país veciño. Ese feito propiciou que a Gallaecia tivese un papel pioneiro na transición entre a Antigüidade e a Idade Media. Quen sabe canto da nosa identidade e do noso ser social procede do pobo suevo! En Ferrín, o inicio da Galicia está na Gallaecia suévica, sen esquecer os vestixios celtas, incluída a toponimia e a cultura castrexa que tamén nos identifican como pobo.

–Despois da edición reunida súa obra xornalística, podemos chegar á conclusión de que aos méritos literarios que se atribúen a Ferrín, tamén hai que engadir o de erixirse no grande ideólogo do nacionalismo galego a carón de Vicente Risco e mais o propio Castelao?

–Moitas das achegas de Ferrín recollidas en No Fondo dos Espellos permítennos comprender mellor a súa experiencia, emerxida nas tenebrosas fases do fascismo e mantida ata o día de hoxe. Máis aló dunha consideración unitaria, con aspectos que o sitúan a carón de Risco e de Castelao, entre outras figuras senlleiras, cada etapa histórica ten as súas propias condicións materiais que determinan o ser social. Ferrín dedicou parte da súa existencia á loita destinada a superar as inxustizas e as desigualdades nas que se atopa Galicia en tanto que nación sen estado, coa formación e desenvolvemento de estratexias políticas proletarias orientadas a esa nidia finalidade. Sen entrar en comparacións, esa aposta cardinal tivo un elevado custo, incluído o seu paso por distintos penais.

–Atopou Ferrín no xornalismo a ferramenta axeitada para divulgar o seu pensamento político e literario, a súa devoción pola historia….?

–Malia o carácter efémero que supón publicar en xornais, certo é que permite un espallamento ensaístico que non atopamos noutros xéneros discursivos. En particular, se estamos a falar dunha «serie» tan caralluda como foi No Fondo dos Espellos. Un dos principais atractivos de dispor dun espazo semanal nun xornal, é a liberdade de escribir sobre o que consideres, sen caer, precisamente, nese momento fuxidío que supón abordar a máis inmediata actualidade. Aí é polo que paga a pena tanto a recompilación exhaustiva dos seus textos como a publicación de volumes unitarios coma os recollidos en Castelao é noso e en Primeiro foi Galicia, e os que virán no futuro.

–Como mestre que foi durante tantos anos, estes artigos de Ferrín son moi didácticos, seméllanse ás leccións que el impartía nas clases aos seus alumnos. Que cpida Vde. que prevalece máis neles: o interese por ensinar, por explicar as cousas, ou o interese por facer chegar a un espectro de lectores moi amplo as súas ideas políticas?

Ambos os obxectivos poden ser tidos en conta, pero ningún deles o vexo como prioritario. Entendo que Ferrín, desde os quince anos, cando comezou a escribir nos xornais, ten unha necesidade de autointerpelarse sobre un abano de temáticas que roldan pola súa cabeza. Entre elas, a política é un eixo primordial, como o debería ser para calquera de nós na nosa condición de zoon politikón.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents