Libros recomendados

Crítica literaria en FARO DA CULTURA

---

---

VV.AA.

Unha novela de pequenas historias

Mirada crítica da sociedade

FABIO RIVAS

«Planificamos as cousas con antelación, organizamos a nosa contorna, distribuímos os nosos ingresos coma se fósemos vivir oitenta, cen anos, e prestamos moita atención a feitos da nosa propia vida como se fosen episodios históricos. E despois resulta que nada importa.»

Hai varias cousas que, xa dunha ollada, chaman a atención desta obra que leva varios meses no mercado. En primeiro lugar, por suposto, o paradoxal vencello entre o título, O que non ten prezo, e mais a imaxe que ilustra a capa, un billete púrpura de cincocentos euros. A seguir, que na biografía do autor, o avogado Xosé M. Pacho Blanco (Ourense, 1974), se destaque que é «o único autor galego que acadou os dous galardóns máis importantes da literatura galega», facendo referencia ao Premio Torrente Ballester, de narrativa, e ao Rafael Dieste, de teatro. Abofé, o conxunto crea unhas expectativas tan altas que non é sinxelo dar conta delas.

Son dúas as formas de interpretarmos o libro: por unha banda, coma unha novela que conta a historia dun billete de cincocentos euros, unha narración lineal de viaxes intercontinentais e case que de aventuras; pola outra, coma un compendio de pequenos relatos enfiados pola presenza deste billete. É doado concluír que a intención do autor ten más que ver con esta segunda perspectiva, pois aquí toda a superficialidade racha co explícito e das fendas medra unha sorte de crítica social e reflexiva. Nestes textos breves preséntasenos unha morea de personaxes que, na dualidade feito ou acontecemento, acaban co billete no peto. Nalgunhas das historias descubrimos tramas de corrupción, de oportunismo ou mesmo da perda de humanidade, que poñen o ollo na miseria, en todo canto estamos dispostos a facer por cartos, en contraste con aqueloutras que abeiran a posibilidade de soñar.

É bo mencionar que a escrita de Pacho Blanco carece case por completo de excesiva ornamentación, observamos unha adxectivación escasa pero suficiente ou a sinxeleza do léxico, e tampouco destaca unha intención manifesta de proclamar o dominio da linguaxe. Mesmo podemos atopar curiosas algunhas fórmulas e sentenzas moi próximas a un argot familiar e, se cadra, máis xuvenil, empregadas pola voz narradora (que a priori é o propio billete). A ensamblaxe formal do conxunto é óptima, todas as pezas están no seu lugar e ben se ve o coidado do autor á hora de organizar os acordos e trascordos polo mundo adiante do protagonista de celulosa.

  • O QUE NON TEN PREZO (2024)

    Xosé M. Pacheco Blanco, Vigo, Galaxia, PVP. 15,76€


Cosmopolita e enraizada

De amena lectura

XOSÉ FEIXÓ

Morgante Edicións, selo de Rinoceronte Editora, coñecida pola boa seleccións dos títulos que publica, sexan en galego ou sexan en traducións, tamén moi ben e coidadosamente feitas, ofrécenos agora O raposo na fronde, de Eva Moreda (A Veiga, 1981), autora, e música, que debutou na literatura galega en 1997, e que a día de hoxe xa leva pubicadas máis dunha ducia de obras, entre elas as dúas últimas, Para toda a vida (Aira Editorial, 2020) e Rapazas de Polar (tamén en Morgante, 2021).

Cosmopolita pero tamén moi enraizada na tradición galega, mesmo profunda, a autora vén ofrecer nestas oito historias trazos marcadamente galegos, mesmo da Galicia profunda e rural, comúns na literatura dos clásicos do século pasado. Ocorre así, por exemplo, en «Don Bonito», profundamente emocional, sobre todo para a xente que coñeceu, aínda que só sexa de oídas, aqueles tempos. Nesa historia mestúranse o humor e as situacións cómicas á par da tristura e a realidade miserable, que non por habitual deixa de selo. Sucede algo semellante na atípica voda de Berta, e así adiante por todas elas; historias todas que non te poden deixar indiferente, e que conseguen, espero, que o lector, se remexa en sí mesmo. Son historias, tamén, de lectura amena e fácil, aptas para todo tipo de lectores, e moi recomendables para este Nadal, que aínda conserva algo de familiar e íntimo á vez. Outro acerto de Morgante e de Moisés R. Barcia.

  • O RAPOSO NA FRONDE (2024)

    Eva Moreda, Cangas, Morgante, PVP. 14,25€


Rolda de sensación

Clasicismo e orixinalidade

HÉITOR MERA

Saca Rosalía Fdz. Rial o seu último poemario en edición bilingüe. No seu día falabamos nestas páxinas de Desnortada, poesía amorosa da que sobranceabamos a súa maneira de expoñer as diferentes situacións. Obviando a distancia evidente entre unha obra e outra, si que volve a autora a recursos como o emprego dos elementos da paisaxe marítima para desenvolver o construto simbólico. Se en Desnortada eran as sentenzas cheas de sabenza dos mariñeiros de Muxía, ben coñecedores do medio, o que servía de pulo, agora é unha illa a que simboliza as diferentes manifestacións amorosas presentes.

A primeira parte, «Centeo», amosa a paixón entre as amantes, que se ve reflectida en imaxes sensuais, delicadas e, ao tempo, cheas de forza que, como lector, deixan a un satisfeito pola sensación de ler poesía de fondo, contido e forma de especial calidade.

A segunda, «Marea negra», é o cambio absoluto no que atinxe a sentimentos tan potentes que pasan da cima á sima dunha maneira radical . Esta é unha das partes que máis me gusta da poesía de Fdz. Rial, a capacidade de afondar en diferentes puntos de vista coa mesma credibilidade artística e potencia evocadora. De feito, tal e como propón a estrutura do seu libro co posicionamento pertinente en cada unha delas, cando rematas semella que acabas de saír dunha montaña rusa de sensacións. Non en balde, a terceira parte, «Durmideiras», sería algo así como a reconciliación.

Lido o lido nestes últimos anos sobre a autora, atrévome a dicir que Rosalía Fdz. Rial é unha das voces máis interesantes do panorama da poesía galega. Esa mestura de clasicismo no que atinxe as pautas que deben estar presentes na poesía mai o verniz inequívoco de orixinalidade xustifican unha sentenza tal en favor da obra da poeta muxiá.

  • DE CENTEO E DURMIDEIRAS (2024)

    Rosalía Fdez. Rial, Madrid, Cuatro Lunas, PVP. 15,20€


Maxia Pontevedra

Literatura e coñecemento

MARÍA NAVARRO

A cidade de Pontevedra aparece retratada en Fillas das ondas dunha forma extraordinaria, os seus artífices Fina Casalderrey e Xosé Tomás obran a maxia; unha, coas palabras prendadas dun fondo lirismo; outro, cos trazos suaves, precisos, maxistrais, de modo que os lectores e as lectoras, acompañando a Froiaz e a Mariña, han de aprender cuestión relacionadas coa historia, a antropoloxía, a literatura, a toponimia, a arte, a arquitectura, a etnografía da cidade de Pontevedra, poboación que a escritora coñece ben e á que lle rende homenaxe nun volume no que ficciona realidade, pasado e presente para que os amantes de espazos singulares poidan apreciar a cidade do Lérez en todo o seu esplendor.

Unha carta que Froiaz lle envía a Xoán abre e pecha o relato que nunha fantástica edición presenta Kalandraka Editora na colección MareMar, un dito popular que é símbolo da hospitalidade e xenerosidade cara os viaxeiros, a invocación duns versos que teñen a Nai Ría e o Pai Mar no ambiente e, polo camiño, uns pasos que nos levan dunha rúa a unha praza, de aquí a un monumento, a unhas palabras que á súa vez remiten a uns feitos e a unhas ideas que só unha pluma como a da xeveira son quen de dotar de vida unindo realidade e fantasía e que veñen a reafirmar a idea de que a literatura é unha forma de coñecemento capaz de educar e enriquecer a percepción que temos de nós mesmos e do mundo que nos rodea.

  • FILLA DAS ONDAS (2024)

    Fina Casalderrey (Ils. Xosé Cobas), Pontevedra, Kalandraka, PVP. 19€

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents