Memoria dos Lobariñas

Contra os séculos escuros

Chegada de Vasco da Gama a Calicut, India, en 1489.

Chegada de Vasco da Gama a Calicut, India, en 1489. / Alfredo Gameiro

«Ai, coitado de min! En que coita mortal / me fai hoje unha dona viver! / Pero non morro, e morro por morrer.» A calidade literaria da lírica medieval galega é suprema. Oxalá teñamos conciencia profunda deste patrimonio material (cancioneiros) e inmaterial (lingua). O autor de tan sensibles coma irredentos versos foi Johán Soárez Somesso. A súa produción literaria conservada entre nós é prolífica, se a comparamos coa dos seus veciños Martín Codax e Meendinho. Falo de veciñanza porque, en opinión de Henrique Monteagudo, Johán sería o señor de Chapela malia que existan diverxencias ao respecto (Souto Cabo ou Carmen De Santiago). Mais sexa cal for a orixe, a investigación medievalista confirma que tiña posesións na miñota Paradanta. Eu imaxínoo agallopando, con cinco ou dez de acabalo, polo Camiño Real de Laredo a Angorén, outeando en Rande na inmensidade da baía un montillón de terra cercado polas ondas, que grandes son.

Desque Johan Soarez redactou as cantigas até hoxe, nunca se deixou de escribir nin de falar galego. Nin en Chapela nin na Paradanta, malia os nocivos agoiros para o futuro idiomático. Tampouco nas negras centurias, malia a trabucada percepción xeral. Deste xeito, a etiqueta «Séculos Escuros» (SS.EE.) preséntasenos inxusta (Xosé Ramón Pena propón «Galego Medio»). Precisa nas aulas dunha rotunda explicación. Nese período testemúñase a escrita en galego que validan a aparición nos últimos anos de varios manuscritos. Porén, é certo que do Medievo ao Rexurdimento se vive unha etapa complexa.

A «doma e castración de Galiza», afianzada polos Reis Católicos pero iniciada en anteriores decenios, supuxo o máis duro golpe para o reino, que o é desque os suevos o habitaron como Gregorio de Tours di polo século VI: Galliecesim regnum. A intervención foránea supuxo, por exemplo, a imposición do castelán nos textos notariais ou coleccións monacais. A situación de decadencia levou así mesmo ao deterioro das condicións propicias para a cultura. Ao se inventar a imprenta, con pronta recepción (Ourense, Monterrei, Santiago…), non existía o contexto político favorable á publicación de libros en galego. Nada temos impreso pero si textos a man feitos na esfera do privado.

O concepto de SS.EE. resulta operativo se pensamos nesta cesura das letras. Pasamos de iluminados códices con cantigas a unha fase en que non hai nada impreso nin encadernado en galego. Mais a práctica escrita continuou. A fidalguía, nobreza ou clerecía (incluso bispos de dioceses coma Mondoñedo) usaban o galego acotío. Algúns tamén na escrita privada. Velaí As galegadas (1600-1615) do sacerdote e inquisidor Gregorio Lobariñas.

Perfecto Ramos publicou Os Lobariñas Feixoo (Aira, 2023). Con cadencia divulgativa, nárranos a vida desta estirpe coa que comparte raíces, pois o autor vén do Sendelle arrentes da inasible fronteira con Portugal. Gregorio Lobariñas Feixoo (Crecente, 1577-1637) é autor d´As Galegadas, con sonoridade evocativa d´Os Lusiadas de Camões. A obra, infelizmente, perdeuse. Gregorio prestara o orixinal ao João Salgado de Araujo un chisco antes da Guerra da Restauração (1640-1668). Tras a súa morte, o sobriño quixo recuperalo sen éxito. Non obstante, d´As Galegadas, tamén coñecidas como Historia de Galiçia, sabemos por un escrito de Gregorio dirixido ao Consejo de Castilla no cal solicita permiso de aprobación: «yo he compuesto con mucho estudio y trabajo un libro que se intitula As Galegadas que contiene en lengua gallega, el origen de aquel Reyno prosiguiendo por los Reyes y señores que le gobernaron». A resposta: «No ha lugar lo que pide».

É interesante constatar que a escrita en galego perdurou. Non por mera casualidade nin azar: nunca se apostatou da lingua. As descubertas de textos nos últimos anos entendémolas coma unha pequena mostra dunha práctica moi extendida e frecuente. Máis viva do que se pensaba. E lingua viva querémola para o futuro.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents