Gyotaku gravado

Unha homenaxe a Ribeira

Pie de foto para Pie de foto para Piede fot Pie de foto para Pie f dsfsd fdsf f safdf de foto para.  |  FOTOS: @ELIREGUEIRA

Pie de foto para Pie de foto para Piede fot Pie de foto para Pie f dsfsd fdsf f safdf de foto para. | FOTOS: @ELIREGUEIRA

Homenaxe a Ribeira. Gyotaku gravado, a mostra que presenta o Museo do Gravado de Artes (Ribeira) é o resultado da aprendizaxe da técnica xaponesa do gyotaku por un número ben variado de artistas e ao tempo unha homenaxe a Ribeira e o seu mar.

O conxunto de subxectividades que nos ofrece a mostra ligada á temática mariña, en concreto aos peixes, permítenos matinar sobre a relación do home coa contorna. Cada gravado non é simplemente a captación de algo «real», é un punto de chegada que polo simple feito de ser fixado xa se torna nun ámbito de coñecemento. As miradas que percibimos nas obras de Homenaxe a Ribeira. Gyotaku gravado inciden na visión da captación do mundo mariño como experiencia vital ou como construción social e cultural, ou máis ben como ambas as percepcións. Seguindo este ronsel, os gravados desta exposición continúan a manter o fascinio que provoca o mundo mariño.

A orixe da exposición está no propio Museo do Gravado de Artes (Ribeira), que organizou tres obradoiros dirixidos polo artista-gravador e profesor da Universidade de Salamanca José Fuentes co seu equipo de profesores Antonio Navarro e Isabel Carralero. A técnica que ensinou nestes obradoiros deriva do gyotaku tradicional, unha técnica que no seu inicio era utilizada polos mariñeiros xaponeses para identificaren as pezas capturadas. Eles enchoupaban en tinta negra o peixe para logo poñeren un fino papel sobre elas e, ao frotar coas mans, a tinta era transferida ao papel, e así a pegada do peixe ficaba rexistrada na súa forma para identificalo. Como este proceso ten un grande interese gráfico, pasou ao mundo artístico, no cal foron utilizadas tintas á auga aplicadas directamente, pintando despois sobre a impresión obtida. Un método tradicional que permite captar a realidade dos obxectos e os seres vivos, a través da súa pegada nun rexistro directo das cousas. Daquela, obtemos unha imaxe da realidade, aínda que sexa parcial, o que nos dá a sensación de inmediatez e que, á súa vez, inmortaliza o obxecto.

Mais o método tradicional do gyotaku estaba condicionado a ser un monotipo, a xerar imaxes únicas, o que constrinxía ese proceso. Esta eiva foi unha das razóns polas que José Fuentes decidiu investigar na técnica para superar a limitación do monotipo, a fin de convertelo en imaxe múltiple cara á maior divulgación das imaxes. O obxectivo era crear un proceso alternativo que permitise pasar da imaxe única á imaxe múltiple, e logrou deste xeito obter un proceso que xeraba pegadas co mesmo carácter que o tradicional gyotaku sobre papel. En 2019 logra converter a imaxe única en múltiple ao pasar a pegada do peixe á prancha de cobre no lugar do papel, nun proceso que logra unha matriz gravada que permite varias copias, e que chamou: o Gyotaku gravado. Ao crear unha matriz gravada, foron incorporadas no proceso numerosas alternativas para a creación, de modo que, á posibilidade de xerar unha imaxe múltiple, acrecentouse a de poder pasar dunha simple transferencia a un proceso verdadeiramente creativo.

  • Título: Homenaxe a Ribeira. Gyotaku gravado.
  • Comisario: Xoán Pastor Rodríguez Santamaría.
  • Local: Museo do Gravado de Artes (Ribeira).

Actualización da técnica

José Fuentes conseguíu actualizar unha técnica tradicional adaptándoa a un novo mundo para usala como punto de partida para novas creacións, para converter a tradición en contemporaneidade. En 2023 consegue outro avance máis: converter unha imaxe negativa, propia da tradición, nunha imaxe en positivo, que permite unha gran riqueza creativa. Este recurso leva á posibilidade de inverter en positivo-negativo, ou ao revés, calquera parte da imaxe, o que confire novas posibilidades á imaxe mesma. Todo un complexo proceso para reconverter un método tradicional a unha nova vida que permite maior liberdade para a creación. En consecuencia, como mostran as diferentes obras presentes na exposición, O gyotaku gravado permite transmitir a singularidade do mundo mariño, mais tamén captar a súa problemática neste final de época ao que chegamos na relación dos seres humanos co mar. Esta relación ten sempre un relato, unha historia, o que nos lembra a necesidade de que o noso universo vital e cultural estea dotado de sentido, dunha verdade que só desde a asunción profunda desa realidade se pode atinxir en toda a súa complexidade.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents